Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

11.4.07

Cando chegue o tempo do vivir tranquilo


Hai poucos días estiven en Haro –o nome fíxoseme familiar- e aloxeime no hotel Los Agustinos. Trátase dun edificio do século XIV que antes foi convento, hospital, escola, cuartel militar e cárcere.
Da súa etapa como convento quédalle o nome. Dos seus tempos como escola e como hospital, nada que se vexa. Dos seus anos de cárcere mantéñense ducias e ducias de inscricións nas paredes e nas columnas do claustro.
O que máis abundan son nomes de persoa e lugares de procedencia gravados con letra irregular, salvo excepcións. Non son raras as faltas de ortografía. Debe ser que o tempo era moito e a arte escasa.

Ando agora mirando a fondo o catálogo da exposición “Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galicia, 1936-1977”. Trátase dun volume tan fermoso coma estremecedor. Hai ducias de imaxes que me chaman a atención, por un ou outro motivo: as miradas, a tenrura dalgunhas cartas de condenados a morte -tamén hai faltas de ortografía, por suposto-, ... Pero sobre todo sorpréndeme a actividade e a creatividade de moitos dos presos.
Entre todos eles, impresióname o optmismo que transmiten as fermosas páxinas de libros ilustrados e escritos por Ángel Johan durante a súa estancia no cárcere de Las Palmas, entre o 37 e o 41. Penso que ben merecen unha edición facsimilar.

Cuando llegue el tiempo del vivir tranquilo ...” -comeza un dos seus poemas.

2 comentarios:

busto.agolada dixo...

Ola Suso: Parabéns polo blog.
A propósito da túa entrada pregúntome se ese tempo xa chegou ou aínda está por vir. ¿Vivimos tranquilos?. Vivimos mellor ca naquela longa noite de pedra, pero tranquilos?. Hai moitas maneiras de matar a tranquilidade das persoas, non cres?

Suso F. Acevedo dixo...

Graciñas por lerme e polos parabéns. Non esquezo a viaxe ó paraíso das sobreiras, de onde vén o amigo pintor de soños.