Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.11.07

A forza que vén de lonxe- IV: Heidi Khüm, John Rutherford, Gerald Denley


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Lendo cousas sobre María Mariño atopei con Heidi Khüm. Supoño que debería saber da súa existencia, pero non sempre sabemos todo o que se espera de nós. A verdade é que me soaba o nome, pero pensaba que era unha modelo alemá afeccionada á Fórmula I, en tempos. Alemá é, pero non é modelo aínda que si modélica. Leva algún tempo asentada en Ferrol. É poeta en galego, castelán, alemán e inglés, e non ten ningún transtorno psicolóxico por vir de fóra e aprender o noso idioma.

A Craig Paterson dirixiulle a tese en Óxford John Rutherford, inglés de Ribadeo ou ribadense de Inglaterra. Xa nin se sabe. El foi pioneiro en crear centros de estudos galegos en Universidades do estranxeiro. Impulsou a tradución de autores do galego ó inglés e acabou escribindo As frechas de ouro na nosa lingua de ouro. Ben merecido o premio Trasalba e aínda unhas cuncas de Ribeiro, con ben uva treixadura.

Tamén era inglés Gerald Denley, nacido en Londres no ano 26. Entrañable viaxeiro que un día atracou en Vigo de volta dunha das súas moitas andainas. Como o transporte xa daquela era lento, deu unha voltiña por Galicia e acabou quedándose. En Valdoviño era coma da casa.

Traduciu para o galego textos escritos por el mesmo en gaélico e en romanó, a lingua dos xitanos, que non todo vai ser traducir do inglés. Dous anos despois de chegar a Valdoviño, empezou a escribir en galego. Era o ano 59.

No medio do seu cuarto había unha cama;
as sabas eran lenes como as teas de araña.
Lembro o seu arrecendo de frores ventureiras.
Sobor da cama e do garda-roupa varias monecas:
un mono
un león e dous tigres,
cans,
snoopy,
un parrulo-garrulo
unha galeguiña e un gaiteiro,
unha leiteira holandesa
unha negriña baiana,
unha mucama de Pernambuco
(...)

E tamén:

Pouco a pouco
estamos perdendo as horas.
...
El xa o sabía.

CONTINÚA

2 comentarios:

busto.agolada dixo...

Máis argumentos imposible. Son todo un referente e un exemplo para os acomplexados.
Teño o gusto de coñecer a Heidi Khun Bode en persoa, modélica coma ti dis. Acompañounos en Agolada no I Encontro nos Pendellos, cando celebramos a Festa Irmandiña cos representantes do Galego exterior. Confeso que lin só uns poucos poemas seus.
Saúdos, Suso.

O Raposo dixo...

Interesante blog, que atopo vía Aquam Latam.
Está ben lembrarse destas persoas "estranxeiras" que valoran a nosa cultura e o noso idioma mais que moitos de nos.
Apertas.