Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

19.2.08

Morte e (medo á) resurrección das palabras - I


Xa escribín noutra ocasión sobre as palabras que morren pola boca. Hoxe recunco:

Hai uns anos publicouse un libro que se titulaba Guía da setas ou cogumelos de Galicia. Rara escolla a do autor xa que setas e cogumelos son sinónimos e a ninguén se lle ocorre dicir que está alegre e contento ou que lle escapa pola meixela abaixo unha bágoa e unha lágrima.

Lembro un artigo de Miguel Anxo Murado no que se poñía na pel do autor e reflexionaba: “Se poño cogumelos moita xente non vai saber o que é, e se poño setas moita xente vai pensar que eu non sei que se di cogumelos. Aquel autor quería resucitar a palabra cogumelo pero dáballe medo.

Hoxe renovei as miñas reservas de leite Feiraco, marca á que lle son fiel dende hai anos. Dende hai algún tempo os responsables desta cooperativa optan pola dobre rotulación dos seus produtos: por un lado en galego e polo outro en castelán. Mentres estea o galego, nada que obxectar.

Eu tomo leite enteiro, envase azul, porque aínda non tropecei con ningún médico que mo prohibise, pero tamén coñezo o rosa, ese que por un lado pon Leche desnatada e polo outro Leite desnatado.

Desnatado? A palabra nata en galego non existe e polo tanto tampouco o seu derivado. Seguro que os responsables do texto en galego de Feiraco saben que a nata en galego chámase tona pero non se atreven cunha palabra tan distinta e tan distante do castelán. Dálles medo resucitala porque lles parece demasiado rara e optan pola mesturandaina: leite en galego; desnatado, en castelán.

Hai xa ben décadas Antolín S. Mediante, poeta en galego de Asturias, escribiu:

Home que a muller o zurra
non é home nin é nada;
leite que foi estonado
non é leite, senón auga.

Lástima que os de Negreira non resuciten a palabra do de Taramundi. Ocórreseme que poderían reproducir no cartón os versos como mostra de “autoridade”, como fan algúns nas bolsas polas letras galegas, pero poida que o contido dos dous primeiros versos non sexa politicamente correcto nin o dos segundos comercialmente oportuno.

Creo que estonar tería máis posibilidades de recuperarse se non se referise a algo que nos entra pola boca. Xa darei máis probas outro día, que agora vou tomar un café con leite enteiro. O leite estonado segue agardando a que lle toque quenda।

NOTA:
É de xustiza que matice a posteriori a miña mensaxe: o dicionario da RAG recolle a palabra "nata", polo tanto haberá que aceptar a súa existencia en galego. Avogo, con todo, pola recuperación do léxico exclusivamente galego, que é o que corre perigo de perderse, fronte ó que coincide co castelán, que está a salvo.

5 comentarios:

busto.agolada dixo...

Que artigo tan ben artellado e argumentado! E por iba con humor! Oxalá o lean os de Feiraco, marca á que eu tamén estou subscrito desde hai anos, no meu caso ao leite semiestonado (semidesnatado lle poñen no envase verde).
É ben necesaria esta páxina para a recuperación das palabras e para velar pola pureza do idioma fronte aos castelanismos.
Unha aperta, Suso, e segue a ofrecernos artigos tan interesantes.

Carlos Andina dixo...

Ola Suso

Bueno,como estou atento,isto xa o coñezo(digo o de "estonado")

Sinto dicirche que eu sigo dicindo desnatado.

Sigue así como dice o de arriba.

Vemonos.

Anónimo dixo...

E aquí é onde se desmostra que se perden cousas dunha xeración noutra: eu digo nata, miña avoa tona ... eu digo desnatado, é miña avoa, nos seus bos tempos, dicía d-estonado e agora xa dúbida da palabra, con iso de que saben máis os novos ...

Suso F. Acevedo dixo...

Aproveito para felicitar publicamente neste blog á miña exalumna, lectora e amiga Mélodi polo "interesante" premio que acaba de recibir:
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/02/19/0003_6580392.htm

Anónimo dixo...

Graciñas Suso, pero non foi para tanto.