Batendo case co pirindolo da pucha nas trabes do pendello, un home entrado en anos vai e vén releando no prezo dun cento de repolos migueliños. Non moi lonxe uns dedos curtidos polos anos e os traballos esvaran a modiño polo gume dun fouciño traído de terras de Riotorto. Á sombra da parede, unhas mulleres de pano negro na cabeza quéixanse de que o tempo non axuda nada e todo torra. Na taberna máis cercana, tres veciños botan unhas cuncas de Ribeiro mentres chega a hora de meter no papo unhas racións de polbo, que xa ferve na caldeira.
Todo isto é ficción histórica, pero son estampas que ben poderían darse hai uns anos á beira dos pendellos de Agolada.
Despois chegou o tempo da ruína. As trabes dos pendellos enchéronse de couza e, entre as pedras das paredes, medraron as silvas e os lagartos.
Pero despois do esquezo volveu a ilusión. Seguro que algúns soñaron con tirar con todo e erguer alí unha nave nova ou un edificio que competise en altura co Farelo. Pero os ollos mancados pola illa de Toralla chegaron desde o mar de Cangas e, con outros amigos dos pendellos e do país, soñaron usos máis racionais.
Son eles os que, desde hai uns anos, argallan os “Encontros nos pendellos”, eventos no recinto para demostrarlles ós veciños e ó mundo que aquelo pode ser riqueza para un pequeno concello do interior, non sobrado de tesouros.
Xa encheron os pendellos de xente chegada da Extremadura que fala coma nós, e de músicos chegados do país enteiro. Trouxeron xente que soña, pero que tamén come e bebe e goza e cóntallo ós amigos, que tamén veñen un día, caladiños. E todos dan cartos.
O día 21 de abril o recinto vai ter vida de novo coa presentación do libro Poesía viva, pura poesía, conmemorando o 25 aniversario dos premios Esquío. Poesía e música unidos nunha festa que lle dará azos, unha vez máis, os pendellos de Agolada.
Desde o ceo, Fernand’Esquío, repite os seus versos máis picantes:
A vós, dona abadessa
de min, don Fernand’Esquyo
estas doas vos envío,
porque ssei que sodes essa
dona que as merecedes:
quatro carallos franceses,
e dous ...
de min, don Fernand’Esquyo
estas doas vos envío,
porque ssei que sodes essa
dona que as merecedes:
quatro carallos franceses,
e dous ...
E sorrí ó decatarse de que abadessa rima con Victoria Beckham
1 comentario:
Os amigos dos Pendellos e os amigos que posúes en Agolada agradecémosche este artigo. As cousas cando se ven desde fóra son máis obxectivas e contan cunha interesante perspectiva. As túas verbas son alentadoras e das que nos gustaría oír de moitos convenciños escépticos coa tarefa de restauración dos Pendellos.
Unha aperta.
Publicar un comentario