Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.2.10

Barullo na raia II: Bautizando o neno

Bautizando o neno
Mentres andamos a trancazos polo nome que lle poñemos, o neno morre de fame. E cando teñamos acordo co nome xa non vai haber onde poñerllo, salvo na lápida, a carón dun RIP.

Ninguén discute que naceu do tronco galego-portugués. Xa bo é! Tamén hai unanimidade en que non é bable ou asturiano fetén. Xa bo é tamén. O do continuum é bonito e ata parece que nos une a todos, pero chega desde Fisterra ata o quinto demo, alá por Romanía, e non nos é moi operativo. Co de fala non imos moi lonxe, a non ser que nos conformemos con ser ensimismados e acomplexados, que fala son todas. De entre galego-asturiano con guionín e galego asturiano sen guionín, galego de Asturias, galego ou eonaviego, eu creo que este último, aínda que estea pouco estendido, é o que menos manca porque non se lle ve na pinta que tamén vive polo outro lado dos parrulos que habitan a ría. Para algunhas cousas é un inconveniente que os idiomas leven espetado na fronte o nome da terra nai. Se en vez de falarmos do galego estiveramos falando do 281279CV, seguro que causaba menos reticencias –e encima ninguén se decataría de que é a data de nacemento e as iniciais de Cotarelo Valledor-. Os idiomas había que nomealos con códigos de barras.

Pero mentres non é así, digo eu que non pasaría nada por chamarlle ó neno eonaviego. Tamén se fala de aranés e de mirandés e todo o mundo que sabe algo de linguas sabe que se trata de variantes do occitano e astur-leonés, respectivamente. Non debiamos perder moito tempo co nome, que o neno ten fame.

3 comentarios:

Begoña dixo...

Pois a min ségueme a gustar máis o de galego asturiano, con ou sen guionín, iso éme ighual... :-) ou galego de Asturias, talvez porque é máis claro e contundente e ... para que imos andar polas pólas se o que é é?
Moi interesantes todas estas entradiñas arraianas do teu blog.

Suso F. Acevedo dixo...

Begoña,
O teu comentario demostra o que eu digo máis abaixo: hai outros "sentires", e sempre vos silencian ós mesmos.
Cómpre que vos fagades oír.

begoña dixo...

Non é para entrar en conversa por aquí, pero, Suso, como te dirixes a min... Eu non podo facerme oír máis do que o fago. Tampouco son das que "levan a bandeira" de nada, quizais por iso non me oen todo o que digo.
Unha aperta cariñosa.