Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

17.7.09

Produtos galegos de confianza

Como as cousas andan tortas, sobre todo para os produtores de leite, agora ninguén se corta á hora de reclamar que consumamos produtos nosos, sempre que se poida, e non importados. A idea vale ata para os Citroen, que se dan moi ben á beira do Lagares; non coma os Audi, que os hai que traer de fóra porque o clima de aquí non lles presta.

Suponse que así amañamos un pouco os petos da xente e, de paso, consumimos produtos de confianza. Hai quen argalla outras ideas co gallo de buscar a confianza do cliente: disque a nova moda entre os restaurantes galegos é ter unha hortiña detrás do negocio, onde poder cultivar os seus propios produtos, de xeito que lles poidan ofrecer ós clientes a comida que eles mesmos obteñen.

A min paréceme ben, pero tamén hai quen se pasa. Con isto da confianza no produto, hai restaurantes nos que che veñen amosar á mesa o rodaballo ou o lumbrigante que vas comer pouco despois. Que pretenden? Que botes unha parrafada co bicho, que te fagas amigo del e que despois lle metas o dente a traición?

Houbo un tempo no que a min se me pasaba pola cabeza montar na sala da casa un acuario para o marisco, coma os que hai nos restaurantes. Pero deixei a idea precisamente porque tiña medo de encariñarme cos centolos e despois non ser capaz de metelos ó pucheiro sen remorsos, nin sequera botándolles loureiro para anestesialos.

Para confianza no produto, e xa que a cousa vai de hortas, nada coma o que se contaba da muller de Belisario do Burgo, con moita sona pola richada que facía e tamén polo seu mal xenio.

Disque unha vez chegaron uns clientes para cear e un deles preguntoulle se lles facía unha ensalada.

- Fago, pero ti vas buscar a leituga á horta, que eu xa puxen as zapatillas e non penso mollar os pés no orballo pola vosa ensalada. E sacúdelle ben a terra e as lermes, non mas vaias traer para dentro.

El foi e ela fixo a ensalada. Cuestión de confianza.

Se cadra, etiquetar os produtos en galego tamén daba confianza, pero iso igual parece cousa de radicais.

NOTA
:
Lermes: lesmas, limachas. Os que somos de onde somos, ás veces falamos con rotacismo.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Nunca pensaches en facer unha lista de empresas que etiquetan ou traballan en xeral co galego e botala a rular por Internet, para que a xente lle engada cousas e sexa un punto de referencia para quen queira apoiar cos seus cartos a esas empresas? No mundo anglosaxón úsanse bastante eses tipos de listas, con empresas respectuosas coa natureza, cos dereitos dos traballadores, etc.

Anónimo dixo...

Por certo, friki da etimoloxía como son, non podo deixar de notar o parentesco de "limacha" (palabra que non coñecía) con "limace" no francés e "lumaca" no italiano, sen que haiba, que eu saiba, unha palabra similar no castelán. Pero nada, despois resulta que todo ese léxico o inventan os filólogos no laboratorio co obxectivo de sermos distintos do castelán.

Melodi dixo...

limachaaaaa, limachiña ... que palabra máis bonita ( o bechiño non tanto) ...

Suso F. Acevedo dixo...

Nunca pensei en facer unha lista de empresas, pero si unha exposición-degustación de produtos etiquetados en galego. O que pasa é que había tanto viño que me deron medo as consecuencias.