Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.6.11

Ollando atrás

Parece que estamos condenados ó debate permanente e que non podemos dar un paso adiante sen ter primeiro que librar unha batalla ridícula contra supostos argumentos que o tempo se encarga de desenmascarar.
Deberiamos botar a vista ó camiño andado e analizar as consecuencias dos logros que se foron acadando nas últimas décadas, malia os atrancos. Sería doado comprobar como a pretendida hecatombe da que se falou en repetidas ocasións non foi tal. Nin os pequenos inconvenientes.

Cando se botou a andar a TVG había quen sostiña que debía incluír programación en castelán e seica houbo quen subiu polas paredes porque os responsables non o decidiron así. Hoxe vese con normalidade o seu monolingüísmo no medio de tanta oferta de canles exclusivamente en castelán, pero aínda así, parece que o último episodio do proceso de demolición no que estamos inmersos é abrirlle as portas de xeito renarte á entrada do castelán.
Ninguén colle cara a Andalucía equivocado, querendo vir a Galicia, polo feito de que na M-40 os indicadores poñan A Coruña e non La Coruña. A ninguén lle sobe a tensión nin pilla un trauma polo feito de que o mapa do tempo da TVE poña Ourense e non Orense. Ninguén se perde pola nosa terra polo feito de que boa parte dos topónimos –aínda non todos- fosen restituídos ás súas formas lexítimas. Ninguén anda ó pairo polas nosas vilas e cidades polo feito de que os rótulos poñan Rúa e non Calle,… que a xente non é parva. Pero aínda así hai quen teima en modificar a lei de normalización lingüística para legalizar os estragos, copiando o que se fai co urbanismo aberrante.
Ningunha empresa deixou de vender máis por etiquetar en galego os seus produtos, se decidiu facelo, ou por publicitalos no noso idioma. Todo o contrario: o galego é moitas veces valor engadido, indicio de calidade. Ata houbo quen chegou a etiquetar en galego patacas de Murcia para que non parecesen de fóra, que aínda hai patacas e patacas.
Cansámonos de oír que o idioma ía ser un atranco para que viñeran aquí talentos con cerebros redentores que nos salvasen da nosa suposta mediocridade. Actualmente podemos dicir nomes de moitas persoas de distintos lugares do mundo que falan o galego con soltura ou que non o falan, pero que o entenden perfectamente e con respecto e que viven entre nós sen que o idioma lles supoña ningún atranco.
Poderiamos citar moitos outros exemplos. Temos perspectiva suficiente para ver que a recuperación do galego non lle produce dano ningún á nosa Terra nin a ninguén, e dános dignidade. Deberían telo en conta os que aínda alporizan un día si e outro tamén, os que impulsaron un decreto para o ensino sen seren capaces aínda hoxe de dicir o nome dun colexio ou dun instituto onde antes só se puidese falar castelán no recreo, como se cansaron de repetir. Deberían telo en conta os que se opoñen ó uso do galego, catalán e vasco no Senado. Deberían telo en conta os que queren castelanizar a TVG e os que queren cometer toponimicidios. Deberían telo en conta os que se opoñen a que sigamos dando pasiños para recuperar o que perdemos, porque a historia falará deles, serenamente, e terán netos que lerán as actas do xuízo.

Ningún comentario: