Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.10.09

O tren e a literatura

Un recente artigo sobre a presenza dos trens na literatura universal fai que me decate do escaso protagonismo que o tren ten na literatura galega. Tampouco é de estrañar, tendo en conta a mala gana coa que entrou na nosa Terra o vello ferrocarril no seu momento e o AVE na actualidade.

Seguro que algo máis hai, pero agora mesmo só me lembro do famoso poema de Curros Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da miña terra), de O divino sainete, tamén de Curros, do relato O vello que quería ver o tren de Dieste (Dos arquivos do Trasno), de Bull & Mignonne de Gonzalo Navaza, no Ticino suízo, (Erros e Tánatos) e de Terminal de Xelís de Toro.

- "É como se tivese un tren minúsculo correndo no meu cerebro. Noto as súas rodas metálicas correndo polos sulcos".

A maiores, a colección de trens eléctricos que seica tiña Carlos Casares. Pero iso ten relación co literato, non coa literatura.

Se eu fose autor, creo que tería semente para escribir algo sobre o asunto, botando man duns cantos recordos:

I: Suicidio
Supoño que eu sabía anteriormente da existencia do tren, pero a primeira lembranza da que son consciente está relacionada co suicidio, cando un día apareceu a parroquia revolta porque un veciño vello se botara diante dunha máquina. Souben daquela que algunha xente adiantaba voluntariamente a data da súa morte, algo que ata ese momento nunca se me pasara pola cabeza.

II: Lecer
Co tren relaciónase a miña primeira excursión: Un día no que, sen que saiba por que, eramos moi poucos os nenos que estabamos na escola, o mestre meteunos a todos no seu coche e levounos ver un túnel. Cruzámolo andando ida e volta, e regresamos ben contentos para a escola. Se hoxe un docente fai iso, méteno preso por realizar unha actividade extraescolar non prevista na PXA sen pasar polo Consello Escolar nin contar coa autorización dos pais e da inspección. E por tolo, claro. E se cadra aquel mestre ata nos sacou fotos sen que nosos pais autorizasen o uso da imaxe.

III: Moedas
Os Agulló, compañeiros de colexio, vivían a carón da vía e de vez en cando traían a clase moedas retortas porque as puxeran nos raís para que as machacase o tren. Agora decátome do fermosa que era, como metáfora, aquela imaxe de Franco nas pesetas esmamallado polo tren.

IV: Soldados
Gardo na memoria unha viaxe a Lisboa, nun vello comboio ateigado de xente, e lembro especialmente a imaxe dos soldados barulleiros e borrachos deitados no estante das maletas, pegadiños ó teito. Nunca tal vira.

V: Cemiterio
Impresionoume unha vez a enorme cantidade de lápidas de xente de menos de 40 anos nun cemiterio dun lugariño de Dozón, todas da mesma época. A carón, bastantes de xente moi lonxeva. Daba a sensación de que alí todo o mundo morrera antes dos 40 ou despois dos 80 anos. Segundo me dixeron, a explicación estaba en que moitos mozos da parroquia traballaran na construción do túnel da Abeleda, próximo ó lugar,e despois caeran coma moscas, vítimas da silicose.

Se eu fose autor, daríalle un pouco de vida ó tren na nosa literatura, pero a min dáseme mellor facer tortilla de patacas.

ENGADIDO
(29/10/09):
Vaia! Parece que alguén máis andaba coa miña idea. Tres días despois de escribir este post, a miña amiga Lali mándame esta noticia.

8 comentarios:

Deschant dixo...

Hai un conto de Maupassant titulado "Idilio" que transcorre nun vagón de tren e que é alucinante. Non sei se o liches. Maupassant encántame. Tamén "Hills like white elephants" de Hemingway (que tamén é un relato) transcorre nunha estación de tren.

busto.agolada dixo...

Interesantísma entrada, chea de datos,vivencias, anécdotas coma as da moeda ou a do mestre.
Supoño que ese cemiterio podería ser o de Sanguiñedo que queda preto do túnel da Abeleda ou do Foxo do Cabrito.
Saúdos, amigo Suso.

Suso dixo...

Creo que é o de Sanguiñedo, pero non cho podo asegurar. Fun alí hai bastante tempo, a un casamento e nunca volvín.

Creo que se collía no Santo Domingo á dereita, e pouco despois de pasar unha área recreativa á beira dun regato estaba, entre uns carballos, unha pequena igrexa -non sei se é igrexa parroquial ou só unha capela- coas típicas sepulturas arredor. Esas eran.
Saúdos
Suso

Anónimo dixo...

Déixoche no meu blog imaxes que tomei no mes de xuño da igrexa e cemiterio de Sanguiñedo, seguro que se trata do que ti citas no teu artigo.
Saúdos.
M. Busto

Suso dixo...

Agradézovos a todos os comentarios que me fixestes en relación con este post, publica ou privadamente. Agradezo o voso interese polos trens e as letras...pero debo dicir que me sorprende o nulo interese pola miña tortilla de patacas.
Apertas
Suso

undonorte dixo...

A do túnel é moi simpática e a de Dozón forma parte dunha historia pouco contada: como se construíu o ferrocarril neste país, tamén a FEVE. Eu lembro vagamente algún conto de meu avó, que participara na na construcción das vías aló pola Mariña. Un saúdo, camarada.

Alex Ghalpon dixo...

Pois eu vou facerche a pelota, a ver se consigo que invites á túa tortilla de patacas. O post este saíuche redondo, e non esperaba menos, e por que non te pasas ao outro lado e fas ti literatura de trens? Calquera dos recordos que enumeras dábanche bos contos, eu xa gozo imaxinándoos.
En fin, é broma, mellor dito, a broma é o da pelota, que a miña admiración é sincera (a risco de non gañar a tortilla de patacas).
Bicos admiradores

Anónimo dixo...

O CEMITERIO É O DE SANGUIÑEDO, PARROQUIA DE DOZON. DICHO UNHA VECIÑA DO LUGAR, AINDA QUE ESTA NUNHA PAISAXE FERMOSA QUE DESPRENDE PAZ E TRANQUILIDADE...ESTA E APROVEITADA POR XENTE SEN ESCRUPULOS QUE SE ADICA A ROUBAR OS REMATES DE CANTERIA DOS PANTEONS....E OQ UE HAI. SAUDOS POLA DIVULGACION DE TEMAS TAN INTERESANTES. E,...SI..UN TIO DA MIÑA NAI DE SANGUIÑEDO MORREU CON 36 ANOS DESPOIS DE TRABALLR NA VIA, COMO DI A MIÑA AVOA.