Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.6.10

Castelao e "os firmós" - II: "El Agricultor"


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

II: El Agricultor e os firmós
Daquela, en Riotorto existía unha publicación agrarista, El Agricultor, que era o órgano da Sociedad de labradores y agricultores de Riotorto y Unión Agrícola y Pecuaria de Villaodrid y Villameá. Esta Revista mensual de agricultura, como indicaba o seu subtítulo, publicouse ininterrompidamente entre 1907 e 1916, incluídos, e estaba dirixida por Elías Santomé Santamarina. Imprimíase en Mondoñedo, na imprenta de César G. Seco. Nela usábase maioritariamente o castelán, aínda que nos seus dez anos de existencia computamos case un cento de colaboracións en galego. Daba conta de novidades de interese para os agricultores (maquinaria, técnicas de cultivo, novos abonos, etc.) e tamén da actualidade política do momento. Así mesmo, acollía algunhas colaboracións literarias e unha sección de noticias breves de contido moi diverso.

En xaneiro de 1913 aparece unha reseña referida a Castelao, indicando que recibiron do rianxeiro a promesa dunhas estampas –non sabemos se chegou a enviarllas, pero nunca se publicaron- e unhas cuartillas cunhas cantas ideas que podían usarse como argumentario na loita anticaciquil. Nese escrito, Castelao indica que cómpre atacar a figura do firmón, cómplice sen o cal os caciques non podían levar a cabo o seu dominio sobre os labregos.
Verdades dun humorista
Alfonso Rodríguez Castelao, el artista que alumbró con su genio las encrucijadas y los recovecos psicológicos de nuestra raza y que supo, con líneas vibrantes y sensitivas como nervios, tejer sátiras, risas, sonrisas y apóstrofes, nos honra hoy con la promesa de unas estampas implacables y nos agasaja con el envío de un racimo de ideas que, por lo atinadas, originales, ingeniosas y representativas, se las servimos al lector en calidad de vianda selecta sabiamente aderezada con algo de sal y mucho de vinagre.Dicen así las cuartillas admirables del artista eminente, del paisano amado:
ATAQUEMOS AL FIRMÓN
 Al cacique no le duelen burlas, ni con caricaturas se le puede derribar. Al cacique tenéis que matarlo o dejarlo. No es al cacique a quien debemos atacar fieramente desde las columnas de un periódico, no; es al firmón, al idiota “que no reflexiona”, que dijo Goya, y vende su honor y dá su firma para arruinar a un hermano si el cacique lo manda.
Estos firmones, verdadera vergüenza de nuestra raza, son los causantes del caciquismo. Sin ellos serían los caciques, honrados jefes políticos.Sabéis perfectamente que basta un avisito dado al secretario, para que el Concejo firme una sesión imaginaria ó los repartidores firmen un reparto de consumos arbitrariamente fabricado por el cacique.Hagamos, pues, al firmón responsable de sus actos. No los disculpemos llamándoles idiotas.
Poderiamos pensar que estas ideas de Castelao chegaron a El Agricultor a través de El Barbero Municipal, xa que ó longo das páxinas do xornal de Riotorto dáse conta con frecuencia da recepción doutras publicacións de distintos lugares e podería El Barbero Municipal ser unha delas, a pesar de que non atopamos ningunha referencia. Pero a redacción da reseña evidencia que Castelao lles escribiu directamente ós responsables de El Agricultor suxeríndolles esa liña argumentativa para as súas columnas anticaciquís. Tendo en conta a data de publicación, o escrito tivo que ser remitido a finais de 1912. Considerando que as colaboracións de Castelao nas publicacións da época soían ser ilustracións e que as conferencias que pronunciara eran de contido artístico, é posible que se trate dun dos primeiros textos de carácter político que se deu a coñecer do autor de Rianxo.

Chama a atención que o propio Castelao non botase man, nin daquela nin despois, da idea que lles propuxo ós responsables de El Agricultor: o ataque ós firmós para combater o caciquismo. El coa súa finura artística e intelectual, converteu o cacique en protagonista frecuente das súas ilustracións para denunciar desde o eido da arte esta lacra social, pero non fixo o mesmo cos firmós. Tampouco atopamos alusións a esta figura cómplice do caciquismo nos apartados de Sempre en Galiza nos que se ocupa deste tema.

CONTINÚA

Castelao e "os firmós" - III: Aparece "Pau de toxo".


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

III: Aparece Pau de toxo
Pero o certo é que as “cuartillas” ás que se alude en El Agricultor demostran que o seu labor político superaba xa daquela o ámbito local e non ía só contra Viturro e outros caciques da zona. As súas ideas non caeron en saco roto e xa no número do mes seguinte atopamos un artigo sen firma, suponse que dos responsables do xornal, titulado De consumos no que, ademais doutros argumentos, se indica:
Señores Concejales y repartidores de las firmas, fórmense concepto de su deber y conciencia de una vez, y, especialmente los de la fornada de Méndez, piensen en su triste y vergonzoso papel.
A cursiva da palabra firmas, que figura así no orixinal, parece unha chiscadela clara ó texto de Castelao antes indicado. Pero o seu influxo faise máis evidente a partir do mes de abril dese mesmo ano, cando xorde un novo colaborador que, co pseudónimo de Pao de toxo -outras veces usa a variante Pau de toxo-, enceta o seu labor na revista cun texto titulado Os caciques n’as aldeas. Ó longo do mesmo, o autor ataca directa e contundentemente a figura do cacique, pero remata o texto cunha alusión que, unha vez máis, nos lembra as indicacións de Castelao:
... Pra poder’ o cacique mellor’ impoñerse pol’ a forza, ten o seu mando unha cuadrilla muy parecida’ a de Luis Candelas, que com’a él, téñeno como capitán, despostos’ a obedecelo en canto lles mande, firmando sin ler actos, resoluciós, xuicios, sentencias, compra-ventas, despoxos, embargos y hast’a morte de calquera.

Castelao e "os firmós" -IV: Pau de toxo declara a guerra


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

IV: Pau de toxo declara a guerra
Por se houbese dúbida sobre a inspiración deste colaborador nas cuartillas de Castelao, nos seus próximos artigos as xostregadas van xa directamente contra os firmós. No mes de xuño publica un novo texto cun título que demostra inequivocamente o que acabamos de indicar: Guerr’ ós firmós:
Guerr’ os firmós

Non sempr’ habemos dar funguirazos contros caciques nin deixar qu’ o seu lombo sirva d’ ingre pra recoller todol’ os que calquera zurringal se ll’ antoxe zorregarlle, anque de sobra sabemos que merecen tantas cada día com’ herbas miran pro ceyo e gotas caen do nubrado cando chove. Os chalás máis expertos e que mellor saben escoller e rexistrar unha burra, un cabalo, ou unha mula, miran, primeiro qué nada, si se deixa montar, se dá ben os pés yas maos de diante, que non sea guerfo nin picón, yanque non vexa muito, como sacud’ as cexas, sírvelle, porque vale pr’ engañar a calquera; pro sobre todal’ as cousas que ramaleen ben, parecéndos’ en todas estas cousas, os caciques cando en tempo d’ aleuciós busca’ nos concexales que lles han de servir de capa pra roubar’ os probes labregos. Cada concexal buscado pol-o cacique pra que lle sirva de firmón representa unha burra e gard’ a misma semellanza da que compr’ o chalán na feira, porque mira se ten as mismas nobres condiciós, que xa dixen no primeiro; tales como deixarse montar, ou asoballar, qu’ é o mismo; que dia ben os pés pra servir en cantas cousas lle mande o cacique; que non ten’ as maos enquedas, pra firmar tod’ los repartos e barbaridades que se ll’ antoxe facer o seu amo e xefes. Cantos d’ este xeito escollidos chegan á verse feitos e dereitos concexales, de seguro pensan que s’ acordaron d’ eles, que valían mellor que ninguén pró uficio, (y eu tame’ no pensarí’ así, se nos conocera tan ben) y-en parte teñen razón , porque s’ eles non foran non había caciques, nin quen roubas’ e comes’ a conta do probe, nin fixese falcatruas no reparto dos consumos, no xuzgad’ e no Auntamento, y en cantos sitios sean donde poidan chegar a moura mau do cacique. Os concexales d’ este xeito nombrados son verdadeiros burros apaellados y-enxaquemados, que ramalean mellor c’ os dos catro pés, e sírvinll’ o cacique de machos de reata, de testigos pr’ as falsedades, de mozos de corda, de porta-palios, de cubre faltas e tapa sobras, de verdugos pr’ aforcar’ os labregos e traballadores de tod’ a cras, de verdadeiros esbirros, capaces de colgar d’ un carballo a seu pai, a sua nai, a seus hirmaos y-a tod’ o pueblo, con tal de sirvir’ o cacique e qu’ este lle siga pasand’a mao pol’ o lombo e chamándoll’ amigo. Se n’ houbera firmós non había caciques, sendo esta verdadeira causa de qu’ estes teñan vida e sigan escravizand’ o traballador que non se cuida de buscar na unión a forza que lle fai falta pra defenderse y-aprender o que lle convén. Pra qu’ os labregos e traballadores de tod’ a cras se vexan libres de tal praga hay qu’ acabar co firmón, por cantos xeitos ou medios poida, recurrindo, se fai falta o intelixente e razoable [...]

PAO DE TOXO

Castelao e "os firmós"- V: Aínda hai guerra.

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9
V: Aínda hai guerra
En setembro publica unha colaboración co título Os firmós teñen’ a culpa, onde retoma os fungueirazos contra estes personaxes:
Os firmós teñen’ a culpaSempr’ o dixen yo direi: s’ hay caciques é porqu’ hay firmós, pois non pod’ un cacique facer un repartemento dos consumos sin que llo firmen’ os concexales é repartidores, que son’ os verdadeiros firmós ou machos de reata, qu’ é o mesmo.[...]Os caciques que temos a pouca sorte d’ aguantar, é que tantos males ou perxuízos nos causan, non é pol’ a súa mayor intelixencia, nin mandan porque teñan máis forcea que cada fillo de vecín, nin sean máis guapiños que calquera, pois, se por’ eso fora, había d’ haber cincuenta, que comi’ a bocadiños unha ducea de caciques, sin desaunarse nin conocérselle no fol; por eso dixen, é volv’a decir, que s’ hay caciques é por qu’ hay firmós, é por qu’ hay bastantes burros entros labregos, que, sin saber o mal que fan, ou por outras razós qu’ agora non esprico sirven de cirineos e de verdadeiros verdugos de si mismo e dos poeblos donde viven, facendo canto lles mand’ o siñor, incruso firmal’ a morte de seu pai, s’ o cacique llel’ o impón.[...]
O artigo continúa coa narración dunha longa historia, a modo de exemplo, que narra o conflito dun cacique cuns labregos. O relato queda inacabado e continúa no número do mes de novembro, onde se conta como os veciños lograran atallar as falcatruadas do cacique e, despois de detelo, non saben que facer con el. Hai quen propón queimalo vivo, outros din que é mellor aforcalo nun carballo, atalo polos pés ó rabo dunha egua brava, cazalo coma as perdices ou atarlle unha pedra ó pescozo e tiralo ó río ou ó mar. Só faltaba por opinar un velliño que era tido por entendido:[...]
¿E que lle parece a bostede, tiu Rosende?
Paréceme, meus amigos, que non miráedel’ a cousa por donde se debe e que vos deixades levar da forza do xenio, en vez de descurrir como descurren’ os homes de bon entendemento, y’ anqu’ o meu parecer non mereza ser tido en conta, xa que mo preguntan, eilles decilo como sepa.O cacique d’ aquí, como todol’ os máis da súa ralea que gobernan nos demais Auntamentos, non serían tan malos como son, se noubera firmós que son’ os verdadeiros causantes dos males qu’os caciques fan, é por eso, á quen debe de castigarse e facerse responsabre de todo é os firmós, xa que non se fixan máis cando firman.
Foi tal o parecer de tiu Rosende, que por certo foi aprobado por todos, é desde’ aquel día deixaron en paz ó cacique pra emprendela cos firmós. Estos vírons’ e castigados sin compasión é logo entenderon que lles conviña non firmar á ollos zarrados canto lles mandas’ o cacique, pra librarse das venganzas que todos’ agoantaron, pois mentres unhos lles ardeu ó pallar, outros ardeull’ o palenque ou ó palleiro, ou aparecía calquera día derreado dos cadrís.A receta do tiu Rosende mentres fixeron uso d’ ela facía milagros, pois houbo tempo qu’ o cacique non puido ancontrar quen lle firmas’ os padrós nin outra cras de documentaxe pol’ o med’ o castigo, y-agora repito ó que xa dixen outras veces: s’hay caciques é porqu’ hay firmós.PAO DE TOXO

Castelao e "os firmós"- VI: Unha batalla gañada.

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VI: Unha batalla gañada
En decembro publícase na sección de noticias un breve texto titulado POR SERVIR DE FIRMÓS, que recolle unha sentenza contra uns funcionarios que se prestaran a irregularidades no exercicio do seu labor, con motivo das eleccións:
POR SERVIR DE FIRMÓS Por el Señor Juez de primera instancia del partido se ha dictado auto de procesamiento contra Antonio Fernández y Eugenio Leivas Alonso, presidente y secretario respectivamente de la Junta Municipal del Censo de Riotorto, por los atropellos cometidos en el ejercicio de sus funciones con motivo de las última elecciones de concejales, de que dimos cuenta en el último número y a las que nos referimos también en otro lugar del presente. Bien merecidas tienen las consecuencias del sumario, por prestarse a servir de instrumentos caciquiles, pudiendo estar tranquilos en sus casas, sin meterse en camisa de once varas, y dejar esta clase de asuntos para quien ha de aprovecharse de los resultados .
A pesar de que desta vez se trata dunha noticia e non dunha colaboración e de que está redactada en castelán, fronte ó galego que usaba Pao de toxo, cremos que a autoría é a mesma e que, seguramente detrás deste pseudónimo se atopaba algún dos máximos responsables da publicación.

Castelao e os "firmós"- VII: A guerra continúa...

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VII: Pero a guerra continúa…
Pao de toxo reaparece en xaneiro do ano seguinte cun relato dialogado, recurso frecuente na prensa da época, titulado Na feira de Vilanova de carácter máis costumista, aínda que con elementos de crítica política. Pero a batalla contra os firmós non estaba rematada e no número de abril atopamos a terceira entrega de Os firmós teñen’ a culpa na que retoma a historia do cacique dos artigos anteriores, que tiña “pelexo de sapo, corazón de lobo, entrañas de tigre, uñas d’ ave rapiña e mañas de raposo” e volvera ás andadas. Finalmente un veciño, cansado de aturar aldraxes, botou man da xustiza de carballeira e púxolle dúas bombas na casa. Para Pao de toxo, o cacique ben as merecía, pero os verdadeiros culpables eran os firmós:
[...] Eu non direi, porque naide pode decilo sin mentir, qu’ aquel cacique non merecese ser colgado d’ un carballo pol-o pescozo, tend’ en cont’ os males que facía n’aquel poeblo; pro tamén debo decir, que si non houbera firmós tampouc’ había caciques, é que, pol’ o mismo, todos cantos se prestan á sirvir de verdugos ou firmós merecen’ o mismo castigo, pra que d’esa maneira s’acabe con esta peste que tantos males fay, non solo en Galicia, se non en toda España.Pao de toxo

Castelao e os "firmós"- VIII: Desaparición de "Pau de toxo"

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VIII: Desaparición de Pau de toxo
No exemplar de xuño remata a serie coa derradeira entrega, que é tamén a última colaboración de Pao de toxo en El Agricultor. Desta vez conta a historia dun labrego que, pensando que pagaba moita contribución, foi falar con outro que pagaba menos do que lle correspondía, para que lle explicase como facía. O conto non era como pensaba: efectivamente, o outro estivera pagando durante anos catro pesetas de menos porque lle regalaba dous lacóns ó cacique en cada matanza, pero un ano deixou de facelo e o cacique subiulle de novo as catro pesetas. O labrego acabou decatándose de que fixera un bo negocio, pois vendeu os dous lacóns por máis do que lle descontaba o cacique. A tía Luísa, que estaba oíndo a conversa maldí os caciques e o labrego fálalle dos verdadeiros responsables, os firmós:
[...]
- Non xure, tia Luísa, nin s’aborreza, qu’ a maneira d’acabar con eles, ell’ ampreada co raposo cando ven as galiñas; é pra matal- os caciques hay que matal- os firmós primeiro, pro non da maneira que emprean os rifeños cos nosos soldados, por qu’ esa sería boa de máis para esa chusma.
- ¿E logo, señor...?
- A fame, qu’ é a qu’ eles emprean pr’ acabar cos labregos.
Pao de toxo

Castelao e os "firmós"- IX: Conclusión

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

IX: Conclusión

Aínda que o nos primeiros anos Castelao destaca como artista e os seus estudosos non lle prestan demasiada atención ó seu labor político, tamén se refiren frecuentemente a unha implicación política temperá, vinculada ó conservadorismo maurista rianxeiro, que evolucionaría ata o nacionalismo despois de pasar polo agrarismo.

Fronte ó carácter exclusivamente local que adoita atribuírselle a ese compromiso político inicial, unha reseña de xaneiro de 1913 e a reprodución dun escrito de Castelao en El Agricultor poñen de manifesto que xa daquela, coincidindo coas súas colaboracións en El Barbero Municipal, Castelao non se limita a loitar contra o cacique Viturro como un problema local e incluso familiar, senón que se preocupa por combater esta lacra fóra do ámbito máis próximo a el.

As ideas suxeridas por Castelao ós responsables de El Agricultor son acollidas positivamente e dan orixe a unha nova liña de combate contra o poder caciquil nas terras de Riotorto, onde Pao de toxo fai súas as propostas do rianxeiro e ataca os firmós nunha serie de artigos publicados ó longo de 1913 e 1914. É certo que o propio Castelao non utilizou, nin daquela nin despois, estes argumentos na súa obra e non sabemos se desde Rianxo o “humorista” era consciente do eco que tiveran en terras de Riotorto as súas “verdades”. Pero, fose como fose, as ideas de Castelao sobrepasaban o ámbito local da súa vila natal e espallábanse xa no norte de Lugo.

25.5.10

Toponimia

Leo na prensa que os da comisión de toponimia andan á procura de 1.200.000 topónimos galegos. Non son poucos pero agora que Galicia é bilingüe por decreto a cousa é máis doada, porque imaxino que Sobrado dos Monxes / Desván de los Monjes contará por dous. E se valesen as denominacións das vías urbanas, tamén os de Tui botaban unha boa man co seu rueiro duplicado e ata triplicado.

Fai ben a Xunta en buscar os nosos topónimos. Os nomes son cousa importante: o festival de Cans non se podería celebrar en Cans se o sitios e chamase Perros ou Rabo de Gato, poñamos por caso. Ou xa sería outra cousa.

Os recortes orzamentarios levaron ó exército español a suprimir o servizo de pombas mensaxeiras, e a propósito da noticia entérome de que o último voo oficial dun deses bichiños, que se incorporaran a filas en 1879, tivo lugar no 2006 e foi desde as Chafarinas a Madrid. Non parece cousa grave que se perda este servizo, pero si sería grave que un día se perdese un topónimo tan bonito coma Chafarinas. Antes de dar ese sitio, eu daría Madrid, Tarragona ou Badajoz, e Perejil de regalo, por suposto.

Penso en todo isto e lembro uns cantos topónimos que me rodearon de pequeno e que ultimamente revivín con algo máis de proximidade: San Martiño, a congostra da Ermida, a fonte de Santa Lucía, os prados da Capelaíña, a fonte do Frade, ... Todos a menos de 300 metros da miña cama.

Nin trazas se ven hoxe de que alí houbese santos, nin frades, nin monxes, nin ermidas nin capelas nin nada sacro, pero os topónimos son sagrados, e marcan. Por iso me entrou a dúbida de non ter feito ben as cousas: con esas orixes, eu agora tiña que ser arcebispo ou Papa, polo menos.


Rótulos de rúas de Tui


20.5.10

Cans, Novoneira e o cine


En Cans están xa os cadeliños amarelos empoleirados nos balcóns e nos tellados esperando a gran festa do audiovisual, que terá lugar esta fin de semana.

Volverán as proxeccións ás palleiras e as estrelas transitarán as pistas da parcelaria en chimpíns adornados para a ocasión. Agroglamour. Para rematar a festa, Luís Tosar será o amo do escenario con The Ellas.

Habíalle gustar a Novoneira esta cita porque tamén lle tiraba o cine. Por unhas notas autobiográficas que se conservan o arquivo de Dionisio Gamallo Fierros e que estes días se poden ver no instituto que leva o seu nome, sabemos que no ano 52 Novoneira estudaba cine na Escola Técnica de Cinematografía de Madrid coa intención de dirixir o seu guión Ese hombre, que segundo el mesmo escribiu era unha lección do que debía ser o cine na segunda metade do século XX.

Aquel proxecto debeu quedar en nada, pero ben seguro que ó courelao lle gustaría estrear en Cans, porque sentía orgullo da terra, o mesmo orgullo co que a gárgola de A. Palacios exhibe a bandeira da Patria a unha carreiriña dun can de Cans.

19.5.10

Lingua descoidada

Anda o asunto do idioma tan revolto que xa nin me apetece dedicarlle unha liña máis. Ante tantos motivos, se non se quere razoar é simplemente porque non hai vontade de facelo. Parece que iso de coidar a lingua nunca foi asunto moi prioritario.

2.5.10

Máis vidas

Un galo vello sábese decadente pero vánselle os ollos por unha pita nova de paso que envexa un galo novo que as ghala a todas; tamén se alegra da morte a coitelo deste o día da festa. Un vagalume comparte regueiro cun vello pescador e cunha cobra de río. Sapo e sapa van de paseo. Un ourizo cacho morre estripado no asfalto coma tantos outros... Pequenas historias de animais. Máis vidas que transcorren á nosa beira cada día e nas que non reparamos. Máis vidas.

A linguaxe de Pintor, sempre viva e rica, lévanos desta vez ó detalle inadvertido, ó cotián, a un mundo co que convivimos e que non vemos. Ten algo de xogo, algo de brincadeira, pero animaliños somos todos, así que a cousa é máis seria do que parece.

E por se non quedase claro, ó final de cada historia o autor baixa do mundo da literatura e pon os pés no chan; difícil acrobacia que xa ensaiara con éxito en A tribo sabe. Ó final de cada historia espéranos a realidade: as cabeciñas do odio que lixaron as Azores, o dólmen dos Muíños ó que lle roubaron o nome, Primo Castro que agarda os tempos da memoria, o poeta que sangra, que non sabe o mundo canto doe o amor, que non o sabe.

Máis vidas.
P.S: Hoxe pola mañá escribía eu este post e agora acabo de saber que unha rúa de Cangas vai levar o nome de Vázquez Pintor. Ben me alegro por esa merecida homenaxe.