Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.5.10

Cans, Novoneira e o cine


En Cans están xa os cadeliños amarelos empoleirados nos balcóns e nos tellados esperando a gran festa do audiovisual, que terá lugar esta fin de semana.

Volverán as proxeccións ás palleiras e as estrelas transitarán as pistas da parcelaria en chimpíns adornados para a ocasión. Agroglamour. Para rematar a festa, Luís Tosar será o amo do escenario con The Ellas.

Habíalle gustar a Novoneira esta cita porque tamén lle tiraba o cine. Por unhas notas autobiográficas que se conservan o arquivo de Dionisio Gamallo Fierros e que estes días se poden ver no instituto que leva o seu nome, sabemos que no ano 52 Novoneira estudaba cine na Escola Técnica de Cinematografía de Madrid coa intención de dirixir o seu guión Ese hombre, que segundo el mesmo escribiu era unha lección do que debía ser o cine na segunda metade do século XX.

Aquel proxecto debeu quedar en nada, pero ben seguro que ó courelao lle gustaría estrear en Cans, porque sentía orgullo da terra, o mesmo orgullo co que a gárgola de A. Palacios exhibe a bandeira da Patria a unha carreiriña dun can de Cans.

Ningún comentario: