Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.6.10

Castelao e "os firmós" - III: Aparece "Pau de toxo".


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

III: Aparece Pau de toxo
Pero o certo é que as “cuartillas” ás que se alude en El Agricultor demostran que o seu labor político superaba xa daquela o ámbito local e non ía só contra Viturro e outros caciques da zona. As súas ideas non caeron en saco roto e xa no número do mes seguinte atopamos un artigo sen firma, suponse que dos responsables do xornal, titulado De consumos no que, ademais doutros argumentos, se indica:
Señores Concejales y repartidores de las firmas, fórmense concepto de su deber y conciencia de una vez, y, especialmente los de la fornada de Méndez, piensen en su triste y vergonzoso papel.
A cursiva da palabra firmas, que figura así no orixinal, parece unha chiscadela clara ó texto de Castelao antes indicado. Pero o seu influxo faise máis evidente a partir do mes de abril dese mesmo ano, cando xorde un novo colaborador que, co pseudónimo de Pao de toxo -outras veces usa a variante Pau de toxo-, enceta o seu labor na revista cun texto titulado Os caciques n’as aldeas. Ó longo do mesmo, o autor ataca directa e contundentemente a figura do cacique, pero remata o texto cunha alusión que, unha vez máis, nos lembra as indicacións de Castelao:
... Pra poder’ o cacique mellor’ impoñerse pol’ a forza, ten o seu mando unha cuadrilla muy parecida’ a de Luis Candelas, que com’a él, téñeno como capitán, despostos’ a obedecelo en canto lles mande, firmando sin ler actos, resoluciós, xuicios, sentencias, compra-ventas, despoxos, embargos y hast’a morte de calquera.

Ningún comentario: