Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.6.10

Castelao e "os firmós" - I: Que din os estudosos...

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9
Castelao e "os firmós": ecos do primeiro Castelao en terras de Riotorto
I: Que din os estudosos…
Aínda que o compromiso político zumega en todo canto fixo ó longo da súa vida, as reseñas biográficas de Castelao resaltan ata 1916 a súa faceta de artista, destacando especialmente a súa condición de humorista. Adoitan indicar que á altura de 1912 xa expuxera con éxito algúns dos seus traballos como debuxante e colaboraba en publicacións periódicas, pero as alusións á súa actividade política neses anos son mínimas. Hai incluso quen fala de conformismo e sensibilidade crítica pouco depurada.

Acéptase, en xeral, que os seus primeiros contactos coa política se sitúan en Madrid ó coñecer a Basilio Álvarez. En 1910 instálase en Rianxo e comeza a participar na política local a carón de seu pai, pero parece que as súas actividades políticas carecen de calquera influenza ou repercusión fóra deste espazo.

J. A. Durán, que estudou a fondo o que el denomina a “etapa rianxeira” de Castelao (1909-1916) refírese principalmente á súa vida artística, con algunhas alusións á súa profesión de médico. Indica que Castelao era unha figura con certa proxección pública, sobre todo despois do seu éxito nunha exposición en Madrid, pero sempre como artista, non como político. As escasas referencias á súa actividade política cincunscríbense exclusivamente ó ámbito local, ó estar involucrado nunha liorta polo poder municipal que obedecía máis a un conflito de amizades persoais e de parentescos ca a unha loita ideolóxica propiamente dita. Neste contexto, Castelao combatía o caciquismo coas súas estampas en El barbero municipal, unha publicación xurdida en 1910 vinculada ó bando conservador da que era, ademais de colaborador, director administrativo. A partir de 1912, Durán atribúelle unha importante representatividade dentro do conservadurismo maurista rianxeiro, pero non lle concede ningunha transcendencia fóra de Rianxo.
Desde luego que el tema central de las estampas barberas de Castelao es el caciquismo (liberal) de Rianxo. Viturro, Varela, Cubeiro, Pérez... pasan a ser los asiduos personajes de El Barbero.
Se advertirá cómo, en gran medida, la realidad del realismo de Castelao no es la totalidad gallega, sino la específica concreción existencial, fundamentalmente rianxeira, que formaliza desde su experiencia y su pasión.
Outros estudosos que se ocuparon da biografía de Castelao non lle prestan demasiada atención a esta etapa inicial da súa vida e despáchana cunhas cantas liñas ou con alusións vagas, para centrarse máis nos anos posteriores:

Díaz Pardo indica que xa en 1918 participaba nas organizacións nacionalistas e tiña unha clara conciencia anticaciquil, pero tampouco sabemos se a súa valoración chega ata 1912-13, período que nos interesa, como veremos máis adiante, nin se refire ó alcance xeográfico das súas accións, fóra das súas colaboracións como ilustrador. Francisco Rodríguez sitúa entre as dúas guerras mundiais o proceso de conformación do pensamento político de Castelao, de carácter nacionalista, e non se refire ós anos anteriores. Rei Romeu sinala o ano 1916, cando Castelao se asenta en Pontevedra, como un momento de inflexión na súa actividade política ó romper coas “batallas anticaciquís de alcance local e a presión da autoridade paterna” e dálle especial importancia ó seu actvismo posterior a 1930, cando comeza a súa etapa de compromiso nacionalista que xa nunca abandonaría. Xusto Beramendi tamén se refire ás orixes rianxeiras e mauristas no compromiso político de Castelao, sempre en relación co seu pai e coas súas andanzas contra o caciquismo local:

Pero en 1910, cando tiña 24 anos, Castelao entra na política da man do seu pai D. Mariano Rodríguez, o antigo mariñeiro trocado en pequeno indiano por mor do seu traballo na emigración arxentina, e que daquela xa era un dos persoeiros do Partido Conservador en Rianxo. Eran os anos en que Don Antonio Maura, en variante dereitista do rexeneracionismo, procuraba salvar a España da Restauración cunha neboenta revolución desde arriba, da que un dos peares era o “descuaje” do caciquismo. E Don Mariano, que asumira esa versión do conservadurismo tan reconfortante moralmente, facía en Rianxo a guerra ós caciques do distrito de Padrón, que casualmente militaban no Partido Liberal. Nesa cruzada anticaciquil enrola o seu fillo e outros mozos rianxeiros, que nese ano fundan na vila El Barbero Municipal. Semanario conservador. E alí publica Castelao as súas primeiras caricaturas políticas. Temos, pois, que Castelao, en política, nace maurista.

Hai incluso quen cualifica estas colaboracións na prensa rianxeira de chismes locais, sen ningunha repercusión fóra da vila. Pero o caciquismo non era exclusivo de Rianxo e, contra o que pode derivarse do exposto ata o momento, as inquedanzas de Castelao tampouco se limitaban exclusivamente a esta vila e ó seu contorno, como axiña veremos.

Ningún comentario: