[...] Eu non direi, porque naide pode decilo sin mentir, qu’ aquel cacique non merecese ser colgado d’ un carballo pol-o pescozo, tend’ en cont’ os males que facía n’aquel poeblo; pro tamén debo decir, que si non houbera firmós tampouc’ había caciques, é que, pol’ o mismo, todos cantos se prestan á sirvir de verdugos ou firmós merecen’ o mismo castigo, pra que d’esa maneira s’acabe con esta peste que tantos males fay, non solo en Galicia, se non en toda España.Pao de toxo
Del toupo non sei nada. Sei que fuza, que fuza por cuando vai chuver. Cuando fai un montón de tierra, que fuza pa riba, dicen: "Mira, vai chuver, que fuza el toupo". [X. Babarro (2003): O galego de Asturias]
1.6.10
Castelao e os "firmós"- VII: A guerra continúa...
Castelao e os "firmós"- VIII: Desaparición de "Pau de toxo"
No exemplar de xuño remata a serie coa derradeira entrega, que é tamén a última colaboración de Pao de toxo en El Agricultor. Desta vez conta a historia dun labrego que, pensando que pagaba moita contribución, foi falar con outro que pagaba menos do que lle correspondía, para que lle explicase como facía. O conto non era como pensaba: efectivamente, o outro estivera pagando durante anos catro pesetas de menos porque lle regalaba dous lacóns ó cacique en cada matanza, pero un ano deixou de facelo e o cacique subiulle de novo as catro pesetas. O labrego acabou decatándose de que fixera un bo negocio, pois vendeu os dous lacóns por máis do que lle descontaba o cacique. A tía Luísa, que estaba oíndo a conversa maldí os caciques e o labrego fálalle dos verdadeiros responsables, os firmós:
[...]
- Non xure, tia Luísa, nin s’aborreza, qu’ a maneira d’acabar con eles, ell’ ampreada co raposo cando ven as galiñas; é pra matal- os caciques hay que matal- os firmós primeiro, pro non da maneira que emprean os rifeños cos nosos soldados, por qu’ esa sería boa de máis para esa chusma.
- ¿E logo, señor...?
- A fame, qu’ é a qu’ eles emprean pr’ acabar cos labregos.
Pao de toxo
Castelao e os "firmós"- IX: Conclusión
IX: Conclusión
25.5.10
Toponimia
Leo na prensa que os da comisión de toponimia andan á procura de 1.200.000 topónimos galegos. Non son poucos pero agora que Galicia é bilingüe por decreto a cousa é máis doada, porque imaxino que Sobrado dos Monxes / Desván de los Monjes contará por dous. E se valesen as denominacións das vías urbanas, tamén os de Tui botaban unha boa man co seu rueiro duplicado e ata triplicado.Fai ben a Xunta en buscar os nosos topónimos. Os nomes son cousa importante: o festival de Cans non se podería celebrar en Cans se o sitios e chamase Perros ou Rabo de Gato, poñamos por caso. Ou xa sería outra cousa.
Os recortes orzamentarios levaron ó exército español a suprimir o servizo de pombas mensaxeiras, e a propósito da noticia entérome de que o último voo oficial dun deses bichiños, que se incorporaran a filas en 1879, tivo lugar no 2006 e foi desde as Chafarinas a Madrid. Non parece cousa grave que se perda este servizo, pero si sería grave que un día se perdese un topónimo tan bonito coma Chafarinas. Antes de dar ese sitio, eu daría Madrid, Tarragona ou Badajoz, e Perejil de regalo, por suposto.
Penso en todo isto e lembro uns cantos topónimos que me rodearon de pequeno e que ultimamente revivín con algo máis de proximidade: San Martiño, a congostra da Ermida, a fonte de Santa Lucía, os prados da Capelaíña, a fonte do Frade, ... Todos a menos de 300 metros da miña cama.
Nin trazas se ven hoxe de que alí houbese santos, nin frades, nin monxes, nin ermidas nin capelas nin nada sacro, pero os topónimos son sagrados, e marcan. Por iso me entrou a dúbida de non ter feito ben as cousas: con esas orixes, eu agora tiña que ser arcebispo ou Papa, polo menos.
20.5.10
Cans, Novoneira e o cine
Volverán as proxeccións ás palleiras e as estrelas transitarán as pistas da parcelaria en chimpíns adornados para a ocasión. Agroglamour. Para rematar a festa, Luís Tosar será o amo do escenario con The Ellas.
Habíalle gustar a Novoneira esta cita porque tamén lle tiraba o cine. Por unhas notas autobiográficas que se conservan o arquivo de Dionisio Gamallo Fierros e que estes días se poden ver no instituto que leva o seu nome, sabemos que no ano 52 Novoneira estudaba cine na Escola Técnica de Cinematografía de Madrid coa intención de dirixir o seu guión Ese hombre, que segundo el mesmo escribiu era unha lección do que debía ser o cine na segunda metade do século XX.
Aquel proxecto debeu quedar en nada, pero ben seguro que ó courelao lle gustaría estrear en Cans, porque sentía orgullo da terra, o mesmo orgullo co que a gárgola de A. Palacios exhibe a bandeira da Patria a unha carreiriña dun can de Cans.
19.5.10
Lingua descoidada
2.5.10
Máis vidas
Un galo vello sábese decadente pero vánselle os ollos por unha pita nova de paso que envexa un galo novo que as ghala a todas; tamén se alegra da morte a coitelo deste o día da festa. Un vagalume comparte regueiro cun vello pescador e cunha cobra de río. Sapo e sapa van de paseo. Un ourizo cacho morre estripado no asfalto coma tantos outros... Pequenas historias de animais. Máis vidas que transcorren á nosa beira cada día e nas que non reparamos. Máis vidas.A linguaxe de Pintor, sempre viva e rica, lévanos desta vez ó detalle inadvertido, ó cotián, a un mundo co que convivimos e que non vemos. Ten algo de xogo, algo de brincadeira, pero animaliños somos todos, así que a cousa é máis seria do que parece.
E por se non quedase claro, ó final de cada historia o autor baixa do mundo da literatura e pon os pés no chan; difícil acrobacia que xa ensaiara con éxito en A tribo sabe. Ó final de cada historia espéranos a realidade: as cabeciñas do odio que lixaron as Azores, o dólmen dos Muíños ó que lle roubaron o nome, Primo Castro que agarda os tempos da memoria, o poeta que sangra, que non sabe o mundo canto doe o amor, que non o sabe.
Máis vidas.
26.4.10
Cándido Sanjurjo
Parroquia de Abres (A Veiga)
Tardei en aprender o tinglado dos tres Abres: Santiso de Abres é un concello asturiano, A Ría de Abres é unha parroquia galega do concello de Trabada, e xusto en fronte está Abres, unha parroquia asturiana do concello da Veiga. Alí vivía Cándido Sanjurjo, que faleceu a semana pasada.
Non vou eu facer aquí un pranto por unha persoa á que case non tratei, pero si quero deixar unha pequena lembranza de quen me acolleu cordialmente cando precisei a súa axuda.
Petei na porta da súa casoupa fronte ó río e abriume el mesmo. Eu só o vira un par de veces pero nunca lle falara. Conteille ó que andaba e acolleume con agarimo. Pasoume ó seu lugar de traballo, cheo de andeis con carpetas ben etiquetadas. Ensinoume libros e cartafoles con manuscritos e papeis diversos. Remexeu neles e deume uns cantos para escoller. O único que me pediu foi que non lle modificase a escrita, como lle fixeran noutra publicación cada vez que lle pediran algo.
- Enchíanme todo de apóstrofos e cambiábanme outras cousas. Deixei de mandarlles nada. Se non lles vale como escribo eu, non lles dou máis nada.
Referíase ó galego de Asturias, o que sempre falou. Tamén me deu ilustracións que el mesmo fixera para o artigo que escollín. Fun á Veiga fotocopiar o que me interesaba e devolvinllo antes dunha hora, que non quería eu custodiar moito tempo tesouros alleos. E falamos máis. Entre unha cousa e outra, botamos media tarde, porque todo o facía moi amodo, parándose nas explicacións propias de quen anda polos noventa anos de experiencia e conserva a memoria lúcida. A só uns metros baixaba, tranquilo aquel día, o río que el convertera en eixe da súa vida.
Uns meses despois volvín alí para darlle un exemplar de A herdade que nós temos. Sei que o gardou con agarimo porque vin como me falaba e me lía dedicatorias doutros cos que o agasallaran antes.
Esa e outras similares foron as mellores experiencias daqueles meses nos que eu andei a voltas coa prosa en galego de Asturias. Mereceu a pena.
18.4.10
Censura
Teño diante de min un texto de Uxío Novoneira que alude ó mesmo tema, ó seu xeito. Trátase do “Requiem das tachaduras” e publicouse en Galicia, unha ollada no ano 72, un libro colectivo editado polos alumnos do instituto de Ribadeo en 1972 para recadar fondos para unha viaxe e de paso facer unha análise da Galicia do momento desde a perspectiva de varios galeguistas.
13.4.10
Palabras claras
Algún tempo despois, aínda que con menos forza, o PSOE intentou devolverlle a pelota falando un día si e outro tamén das stock opcions dos amigos do PP. Stock opcions é unha expresión rara, que non só carece dun significado evidente para a maioría da poboación senón que ata resulta difícil de pronunciar con dignidade.
Desde hai algo máis dun ano a Feijoo vénlle funcionando perfectamente a súa mentira máis metireira a base de repetir unha única palabra: imposición. Outra vez unha palabra sinxela que todo o mundo comprende e cre, aínda que a realidade lingüística sexa ben distinta. Para referirse ó bipartito e a Touriño en particular tamén repetiron na campaña electoral outro termo ben clariño: despilfarro.
Pola contra, os do PSOE e os non PP en xeral levan meses gravando no cerebro da xente outra rareza para colgarlles ós populares: Gürtel.
Que desde o mundo policial ou xudicial se lle atribúa un nome exótico a un caso é comprensible, pero é un erro que politicamente se asuma unha expresión de significado opaco como etiqueta para tratar de desgastar o rival. Eu non entendo como desde o goberno non empezan a utilizar un día si e outro tamén palabras coma fraude, engano, roubo ou algo así para referirse ó caso Gürtel.
II
Parece que niso de escoller palabras claras os populares saben mellor ca ninguén o que entende a xente.
9.4.10
Prioridades económicas
7.4.10
Texto con memoria
Había tempo que tiña gana de colgar este texto*. Porque si.
Que na Arca ía todo canto hoxe podes ver
─ ¿e a Quimera?
tamén o leopardo de moitas azas
e as árbores floridas
─ ¿e cantabas?
cantaban as olas á fertilidade
amparando os ceos
nas tellas
nos tellados
cantaba Delfina Eydé apañando corvo no centeo
cantaba co abrigo novo
pelando améndoas
sachando cebolas
─ ¿e Elías?
cantaba Elías:
“eu estaba na casa de Laro, e vinos, aos atracadores
e detrás íalles a Garda Civil, e eles abriron as gabardinas
sacáronlles a metralleta e
tracatracatrá tracatracatrá”
e a Esfinxe recitaba enigmas e violaba aos mozos agonizantes,
antes hipnotizábaos
e esta Helena, a destructora de naos
e Penélope
e a muller que dicía ser provedora de lunares azuis da raíña das illas de
Derek Walcott
e unha anciá, moi minguadiña
e estaba dentro dunha botella, e tiña un xardín, moi en desorde
e nas árbores, pendurados de pinzas de roupa de plástico translúcidas, os oráculos
e dicía que cada un collese o seu
que ela xa non atendía
e ó seu carón medraba a mandrágora e o fiúncho
e unha ponla dourada
e alí era a Boca
a Furna dos Avernos
e tiña un galo
vestido de militar
e o galo dicía
─ quero..............................
.............................................................................
─ ¿e había Circo?
.............................................................................
pois todo é na Burata dos Infernos
─ había
(Chus Pato: A ponte das poldras)
*NOTA: Graciñas a Eva, que mo descubriu hai xa ben tempo.
