Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.4.10

Cándido Sanjurjo

Parroquia de Abres (A Veiga)

Tardei en aprender o tinglado dos tres Abres: Santiso de Abres é un concello asturiano, A Ría de Abres é unha parroquia galega do concello de Trabada, e xusto en fronte está Abres, unha parroquia asturiana do concello da Veiga. Alí vivía Cándido Sanjurjo, que faleceu a semana pasada.

Non vou eu facer aquí un pranto por unha persoa á que case non tratei, pero si quero deixar unha pequena lembranza de quen me acolleu cordialmente cando precisei a súa axuda.

Petei na porta da súa casoupa fronte ó río e abriume el mesmo. Eu só o vira un par de veces pero nunca lle falara. Conteille ó que andaba e acolleume con agarimo. Pasoume ó seu lugar de traballo, cheo de andeis con carpetas ben etiquetadas. Ensinoume libros e cartafoles con manuscritos e papeis diversos. Remexeu neles e deume uns cantos para escoller. O único que me pediu foi que non lle modificase a escrita, como lle fixeran noutra publicación cada vez que lle pediran algo.
- Enchíanme todo de apóstrofos e cambiábanme outras cousas. Deixei de mandarlles nada. Se non lles vale como escribo eu, non lles dou máis nada.

Referíase ó galego de Asturias, o que sempre falou. Tamén me deu ilustracións que el mesmo fixera para o artigo que escollín. Fun á Veiga fotocopiar o que me interesaba e devolvinllo antes dunha hora, que non quería eu custodiar moito tempo tesouros alleos. E falamos máis. Entre unha cousa e outra, botamos media tarde, porque todo o facía moi amodo, parándose nas explicacións propias de quen anda polos noventa anos de experiencia e conserva a memoria lúcida. A só uns metros baixaba, tranquilo aquel día, o río que el convertera en eixe da súa vida.

Uns meses despois volvín alí para darlle un exemplar de A herdade que nós temos. Sei que o gardou con agarimo porque vin como me falaba e me lía dedicatorias doutros cos que o agasallaran antes.

Esa e outras similares foron as mellores experiencias daqueles meses nos que eu andei a voltas coa prosa en galego de Asturias. Mereceu a pena.

3 comentarios:

xavier dixo...

Simple e fermoso como a vida mesma, Suso.

Anónimo dixo...

Se fue una de las personas que más memoria guardaba de lo nuestro y también una de las que más cariño y respeto sentía por la tierra.
A.

Marlene dixo...

"Pese al localismo que le caracterizaba??!!" Estes da Coz de Galicia nunca aprenderán, eh?
O teu post gustoume moito.

Apertas.