Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.7.11

Facundo Cabral

Hai un par de días mataron a balazos a Facundo Cabral. Contoumo con lamento Mar nun e-mail e eu non sabía case nada dese tipo con trazas de Eugenio e nome de bolsa de pipas.

Disque Facundo Cabral era cantautor. Polo que me foi contando You tube, a min paréceme máis ben que era un poeta con guitarra. Poida que todos os cantautores o sexan. E alguén dixo un día que os poetas fan arte inútil.

- Ben mala sorte tivo Fulanito. Mira ti en que foi dar a súa filla!
- E logo?
- Seica anda metida en cousas de drogas e rouba.
- Vaia susto me deches! Pensei que me ías dicir que era poeta.

Se a poesía é arte inútil, os cantautores fan arte inútil con guitarra. Vaia parvada: facer arte inútil e encima levar un peso ó lombo... Por que alguén pode matar un artista inútil?

Se cadra eles mesmos deron as respostas: Para que queredes un poeta vivo/ se non sabedes que facer con el/ matádeo e celebrádelle as pompas –blasfemou Pexegueiro-.  O que máis me gusta da poesía, os silencios –Kiko Neves-. Un seica gostaba matar poetas namorados/  para salvar princesas –Cordal-...

Será que hai poetas que escriben poemas-pedradas na cabeza. Hai poetas que escriben poemas para que o silencio non merque por migallas as cicatrices dun corpo. Hai poetas que cultivan por ti bonsais de bolboretas na barriga/ para que non morran/ para que non medren. A poesía é unha arma, disparemos –Celso Emilio-.

En Guatemala mataron a balazos a Facundo Cabral. Non sei por que se mata a alguén se fai arte inútil. Será que é mentira iso da inutilidade.

OBSERVACIÓN A POSTERIORI: Vaia ho! Parece ser que a Facundo Cabral matárono por estar no lugar equivocado. Non era el o obxectivo. Poida que toda a súa vida estivese no lugar equivocado.

3.7.11

Bolanda


Fixéronme chegar o segundo número de Bolanda,  cadernos de historia fozega, que edita en Foz a asociación Pomba do Arco .

En tempos de formatos dixitais cada vez con máis presenza, dá gusto que sobreviva en papel unha publicación periódica cunha presentación tan ben coidada.

Canto ó contido, interésanme especialmente os apartados de poesía: un texto de Baixeras e cinco poemas/cinco imaxes de Caxigueiro, ese poeta pouco coñecido por esconderse detrás dun artista plástico recoñecido. Alégrame que vaian vendo a luz algúns dos seus textos, que eu xa lle coñezo inéditos e que merecen un sitio nas mans dos lectores. 

Que siga sendo azul o ceo de Bolanda e que corran limpas as augas do Iadid.

25.6.11

Non che digo nada...!

Alguén tivo hai anos a idea de gravar ben gravada a nosa lingua nunha mesa de mármore e así se conserva nun bar da Bandeira. 

Non sei se aínda existen os "vinos Alborada", pero quedan as palabras. Se cadra convén gravar o dicionario enteiro.
---------------
NOTA: cando escribín o parágrafo anterior non sabía isto. Evidentemente, agora reafírmome máis aínda no escrito.

20.6.11

Ollando atrás










Parece que estamos condenados ó debate permanente e que non podemos dar un paso adiante sen ter primeiro que librar unha batalla ridícula contra supostos argumentos que o tempo se encarga de desenmascarar.
Deberiamos botar a vista ó camiño andado e analizar as consecuencias dos logros que se foron acadando nas últimas décadas, malia os atrancos. Sería doado comprobar como a pretendida hecatombe da que se falou en repetidas ocasións non foi tal. Nin os pequenos inconvenientes.

Cando se botou a andar a TVG había quen sostiña que debía incluír programación en castelán e seica houbo quen subiu polas paredes porque os responsables non o decidiron así. Hoxe vese con normalidade o seu monolingüísmo no medio de tanta oferta de canles exclusivamente en castelán, pero aínda así, parece que o último episodio do proceso de demolición no que estamos inmersos é abrirlle as portas de xeito renarte á entrada do castelán.
Ninguén colle cara a Andalucía equivocado, querendo vir a Galicia, polo feito de que na M-40 os indicadores poñan A Coruña e non La Coruña. A ninguén lle sobe a tensión nin pilla un trauma polo feito de que o mapa do tempo da TVE poña Ourense e non Orense. Ninguén se perde pola nosa terra polo feito de que boa parte dos topónimos –aínda non todos- fosen restituídos ás súas formas lexítimas. Ninguén anda ó pairo polas nosas vilas e cidades polo feito de que os rótulos poñan Rúa e non Calle,… que a xente non é parva. Pero aínda así hai quen teima en modificar a lei de normalización lingüística para legalizar os estragos, copiando o que se fai co urbanismo aberrante.
Ningunha empresa deixou de vender máis por etiquetar en galego os seus produtos, se decidiu facelo, ou por publicitalos no noso idioma. Todo o contrario: o galego é moitas veces valor engadido, indicio de calidade. Ata houbo quen chegou a etiquetar en galego patacas de Murcia para que non parecesen de fóra, que aínda hai patacas e patacas.
Cansámonos de oír que o idioma ía ser un atranco para que viñeran aquí talentos con cerebros redentores que nos salvasen da nosa suposta mediocridade. Actualmente podemos dicir nomes de moitas persoas de distintos lugares do mundo que falan o galego con soltura ou que non o falan, pero que o entenden perfectamente e con respecto e que viven entre nós sen que o idioma lles supoña ningún atranco.
Poderiamos citar moitos outros exemplos. Temos perspectiva suficiente para ver que a recuperación do galego non lle produce dano ningún á nosa Terra nin a ninguén, e dános dignidade. Deberían telo en conta os que aínda alporizan un día si e outro tamén, os que impulsaron un decreto para o ensino sen seren capaces aínda hoxe de dicir o nome dun colexio ou dun instituto onde antes só se puidese falar castelán no recreo, como se cansaron de repetir. Deberían telo en conta os que se opoñen ó uso do galego, catalán e vasco no Senado. Deberían telo en conta os que queren castelanizar a TVG e os que queren cometer toponimicidios. Deberían telo en conta os que se opoñen a que sigamos dando pasiños para recuperar o que perdemos, porque a historia falará deles, serenamente, e terán netos que lerán as actas do xuízo.

13.6.11

Galeuzca en Ribadeo




Co gallo do asinamento do pacto Galeuzca, unha delegación de galegos, vascos e cataláns realizou en 1933 a denominada “viaxe triangular”, a xeito de confraternización das tres nacionalidades.

O asunto trátao polo miúdo Helena González nun artigo publicado no último número da revista Grial (nº 189). A autora traza con detalle a etapa galega, que tivo lugar a finais de xullo, e di que entre os membros da delegación catalá estaba Joaquim Renart, que deixou mostras daquela viaxe no seu Quadern de dibuix nº 49. Despois de entrar por Ourense e de visitar distintos lugares de Galicia, a expedición sae polo Cantábrico en dirección a Euskadi. O 28 de xullo pernoctan en Ribadeo no hotel Comercio e daquela permanencia o debuxante catalán conserva no seu caderno unha tarxeta (ilustración 28v) cunha curiosa anotación gastronómica: “Comeuse un caldo estupendo que picaba moito”. Ademais disto, o caderno, que pode consultarse integramente na web da Biblioteca de Catalunya, inclúe un debuxo de Porcillán (ilustración 29r) –unha das poucas imaxes paisaxísticas, xa que predominan os retratos- e unha estampa típica dunha muller mariñá (ilustración 28r).

Parece ser que na prensa da época quedan moitas crónicas daquela viaxe. Pola contra, tras rastrexar as publicacións locais, sorpréndenos non atopar ningunha referencia en ningún dos exemplares de Las Riberas del Eo daquelas semanas, a pesar de que lle dedicaron amplos espazos ó Estatuto e a outros asuntos relacionados coa política do momento. Tampouco hai referencias na sección “Viajeros”, onde se dá conta de canto transeúnte pasaba por Ribadeo, acompañado ou non “de su bella esposa”. Non sabemos se tampouco se reflectiu esa visita en La Comarca del Eo, publicación en principio máis próxima ideoloxicamente, porque non atopamos ningún dos exemplares comprendidos entre o 9 de xullo e o 27 de agosto.

En calquera caso, velaquí quedan as estampas de Joaquim Renart, o mesmo que noutro lugar escribiu:

Vers Santa Maria de Ortigueira tornàrem a trobar la mar i seguint el Llarg de la costa per la província de Lugo, Vivero i Ribadeo, que marca la ratlla divisòria i clou aquells paradisos naturals, on l'home, podent viure a meravella, ha de fer-ho, a voltes, d'una manera mísera i anguniosa. 
(O resaltado é meu)
Vaia ho! E nós sen decatarnos das nosas condicións de vida posibles e das certas. 

30.5.11

Costa de Moyano




















I
Os dous de sempre (e similares)
15 M, costa de Moyano. Mercadiño do libro de segunda man. Amólame comprobar que cada vez é maior a presenza dos mesmos autores que inundan o escaparate de calquera librería: César Vidal, Pío Moa, ... Tampouco me sorprende moito que a xente queira botalos da casa.

II
Sen almorzo en Ribadeo
Algo distinto: unha 1º edición de Del Miño al Bidasoa en bo estado. Pídenme 300 € e ofrezo 30 por facer unha graza; á vendedora non lle fixo graza ningunha.

Párome a ler o apartado correspondente a Ribadeo e comprobo que é falso que fose o Español o bar onde lle negaron o almorzo ó camiñante, como me teñen dito. Cela di que foi un bar do parque; o Español queda lonxe. Algo aprendín.

III
"Esas cosas vascas..."
Un home achégase cunha bolsa ben pesada e pretende venderlle libros ó vendedor de libros. Abre a cremalleira e amosa o material.
- No interesa. La cosa está muy mal y eso no se vende. Eso no...
- ¡Están autorizados, eh! No piense que...
- Mire, esas cosas vascas pueden tener salida si mañana se acaba ETA, y Dios no lo quiera porque se llevaría el mérito Zapatero.
Eu pensaba que a xente que trata con libros tiña outra sensibilidade. Marcho.

IV
Era o 15 M. Mentres, en Sol...


27.5.11

Cans


Pasoume Tania o CanZine, a revista oficial do festival de cine de Cans no cal ela leva varios anos colaborando. Outra vez volveron os cadeliños amarelos empoleirarse nos tellados para ver, desta vez, o paso de Fernando León de Aranoa, Jorge Coira, Wyoming, María Pujalte e moitos outros.

Aínda que andei por alí nalgunha ocasión e vin o ambiente do torreiro, é un evento que nunca vivín de cheo pero polo que sinto especial simpatía. Gústame polo que ten de creativo, de rural, de culto, de participativo, de solidario, ... É unha mostra de que o rural se pode poñer en valor, de que as pitas poden convivir coas guitarras eléctricas, de que as estrelas poden compartir chimpín, tasca e cubata cos paisanos, de que o cine pode revivir nos ghalpóns e nos cubertos mentres esmorecen as salas tradicionais.

Nun tempo de derrubamento programado do país, deséxolle longa vida a este evento. Que dure e medre, evolucionando o necesario, sen perder a esencia.

19.5.11

Cereixas de Valcarce



Paramos na Veiga de Valcarce, a onde o regueiro das Lamas chega desde Pedrafita medrado e rebautizado. A raia no mapa queda do lado de acá, pero quen teña oídos ben se decata de que a pintaron sen moito xeito. Os papeis teñen conta do que lles poñen, din sempre os vellos.

Cómese ben e un pode mercar produtos da terra. Non hai queixa dos produtos, pero si dos vendedores da terra: a cooperativa Valle del Valcarce. Ese "valle del val..." tenme pinta a min de ser o conto do "río guad-". Coma comer patatas con patacas. Será o bilingüismo harmónico.

É o que pasa cando ignoramos o que nos din as palabras de noso que nos chegan desde lonxe e as usamos como simples etiquetas.

Con todo, as cereixas estaban boas.

10.5.11

A Veiga é coma un tempo distinto


Ningunha novela sobre a emigración me é indiferente. A Veiga é coma un tempo distinto, coa que Eva Moreda gañou o premio Terra de Melide no 2010, ademais de non serme indiferente, gústame.

Sen que seguramente teña nada que ver, a obra tráeme á memoria un poema que lle lin á autora cando tiña quince ou dezaseis anos. Creo lembrar entre os versos un montón de brazos aflorando dunha superficie pantanosa, buscando algo firme ó que amarrarse, o que fose, para salvarse. Vexo agora a semente daqueles brazos agarrándose ó aire, en Portobello Road, nunha forma moi distante e moi distinta. Vexo agora a semente daquel poema adolescente en forma dunha novela madura, depresivamente fermosa.

NOTAS:
  • Non hai queixa da horta: medran ben os espárragos e as leitugas. Será que lles chegou desde Lois Pereiro a furia e a forza necesaria.

8.5.11

Gromos novos


Pensaredes algúns que volvo porque teño algo novo que dicir sobre asuntos que noutros tempos me ocuparon. Non. Volvo polos espárragos. Volvo para dicir que teño gromos de espárragos e allos porros que medran nas miñas macetas con azos anovados mentres a máis de vinte metros por debaixo pasan cochesaltavoces prometendo tamén futuros de esperanza.


E mentres miro como medran milímetro a milímetro, leo A lingua galega no Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas, Calabor e Val do Ellas: Historia, breve caracterización e situación sociolingüística actual, o último agasallo que o profesor e amigo Xosé Henrique Costas me fixo chegar desde a súa fábrica de ilusións.


O libro é un percorrido actualizado pola historia e a situación sociolingüística do galego exterior ás fronteiras de mentira que un día nos riscaron sen criterio nun mapa e na cabeciña dalgunha xente. Recomendable lectura para quen queira ter datos rigorosos en tempos de barullo interesado.

En canto remate, mentres espero a que os espárragos dean a talla para un revolto con ovos da casa, tratarei de memorizar o título, onde ó autor si que se lle foi un pouco a man.