Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.7.11

Facundo Cabral

Hai un par de días mataron a balazos a Facundo Cabral. Contoumo con lamento Mar nun e-mail e eu non sabía case nada dese tipo con trazas de Eugenio e nome de bolsa de pipas.

Disque Facundo Cabral era cantautor. Polo que me foi contando You tube, a min paréceme máis ben que era un poeta con guitarra. Poida que todos os cantautores o sexan. E alguén dixo un día que os poetas fan arte inútil.

- Ben mala sorte tivo Fulanito. Mira ti en que foi dar a súa filla!
- E logo?
- Seica anda metida en cousas de drogas e rouba.
- Vaia susto me deches! Pensei que me ías dicir que era poeta.

Se a poesía é arte inútil, os cantautores fan arte inútil con guitarra. Vaia parvada: facer arte inútil e encima levar un peso ó lombo... Por que alguén pode matar un artista inútil?

Se cadra eles mesmos deron as respostas: Para que queredes un poeta vivo/ se non sabedes que facer con el/ matádeo e celebrádelle as pompas –blasfemou Pexegueiro-.  O que máis me gusta da poesía, os silenciosKiko Neves-. Un seica gostaba matar poetas namorados/  para salvar princesasCordal-...

Será que hai poetas que escriben poemas-pedradas na cabeza. Hai poetas que escriben poemas para que o silencio non merque por migallas as cicatrices dun corpo. Hai poetas que cultivan por ti bonsais de bolboretas na barriga/ para que non morran/ para que non medren. A poesía é unha arma, disparemosCelso Emilio-.

En Guatemala mataron a balazos a Facundo Cabral. Non sei por que se mata a alguén se fai arte inútil. Será que é mentira iso da inutilidade.

OBSERVACIÓN A POSTERIORI: Vaia ho! Parece ser que a Facundo Cabral matárono por estar no lugar equivocado. Non era el o obxectivo. Poida que toda a súa vida estivese no lugar equivocado.

Ningún comentario: