Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.5.11

Gromos novos


Pensaredes algúns que volvo porque teño algo novo que dicir sobre asuntos que noutros tempos me ocuparon. Non. Volvo polos espárragos. Volvo para dicir que teño gromos de espárragos e allos porros que medran nas miñas macetas con azos anovados mentres a máis de vinte metros por debaixo pasan cochesaltavoces prometendo tamén futuros de esperanza.


E mentres miro como medran milímetro a milímetro, leo A lingua galega no Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas, Calabor e Val do Ellas: Historia, breve caracterización e situación sociolingüística actual, o último agasallo que o profesor e amigo Xosé Henrique Costas me fixo chegar desde a súa fábrica de ilusións.


O libro é un percorrido actualizado pola historia e a situación sociolingüística do galego exterior ás fronteiras de mentira que un día nos riscaron sen criterio nun mapa e na cabeciña dalgunha xente. Recomendable lectura para quen queira ter datos rigorosos en tempos de barullo interesado.

En canto remate, mentres espero a que os espárragos dean a talla para un revolto con ovos da casa, tratarei de memorizar o título, onde ó autor si que se lle foi un pouco a man.

3 comentarios:

Marlene dixo...

Unha alegría que o toupo volva fuzar (e máis cando hai uns bos espárragos de por medio). Apertas.

Lady Caverna dixo...

Non sabes que alegría me acaba de dar ver que volviches fuzar. Falando de esparragos, o outro día cociñeinos coa miña tandem: esparragos frescos con salsa holandesa ...(si, so o digo para dar envexa) adoro este país!
Unha aperta dende Göttingen !

Suso F. Acevedo dixo...

Amigas,
Alégranme as vosas alegrías. Procurarei "fuzar" de novo unha vez á semana, coma nos vellos tempos. Máis non, que os espárragos medran moi devagariño.