Del toupo non sei nada. Sei que fuza, que fuza por cuando vai chuver. Cuando fai un montón de tierra, que fuza pa riba, dicen: "Mira, vai chuver, que fuza el toupo". [X. Babarro (2003): O galego de Asturias]
14.12.09
Tradutores automáticos
7.12.09
Azafrán das meigas, tollemerendas, libros, ...
Na Eira de Balixe chámanlle tollemerendas á quitamerendas de Xandra, e din que non é o mesmo có azafrán das meigas, ou flor de azafrán. Eu non tercio no asunto, que pouco sei de plantas que non se comen, pero con eses nomes chégame o olor a carballeira e a infancia. É pena de que morran as palabras, e máis aínda sendo tan bonitas –as palabras e as flores malvas-.
II
Malvas son tamén os sombreiros dos que fala Marcos Calveiro na obra coa que gañou recentemente o Premio Lazarillo, concedido pola Organización Española para o Libro Infantil. Unha vez máis, un autor resulta premiado cunha obra en galego, competindo con obras de todo o Estado, escritas en castelán, catalán e éuscaro.
No prazo dun ano, sucedeu o mesmo con Xusto Beramendi, galardoado co Premio Nacional de Ensaio e con Agustín Fernández Paz, que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil.
Se o tempo non está moi desagradable, probade a dar un paseo polos escaparates das nosas librerías e buscade neles estas ou outras obras en galego... Si, xa sei que raro sería que as atopásedes; son espazos reservados para César Vidal, Jiménez Losantos, Pío Moa e similares.
III
30.11.09
Tempos revoltos
Non quero eu falar de quen propón sacar a lingua do debate partidario xusto ó día seguinte de que todos os oradores do seu partido (Rajoy, Feijoo, Louzán) metesen a lingua nos seus discursos en Pontevedra para colleitar ovacións paifocas.
En Carril, a poucos metros de onde saquei a foto, o dono dun restaurante falaba e falaba sen parar cun colega, intercalando galego e castelán, mentres nós dabamos conta dunhas navallas, dunhas ameixas e dunhas cantas cousas máis con casca e bicho dentro.
Cada vez que viña á mesa traer unha nova ración de bichos, o tipo facía algún comentario, sempre en castelán, e mesmo nos acabou contando con detalle o moito que vendera este verán, para que viramos que no da crise había algo de trola. Eu de vez en cando tamén dicía algo, sempre en galego. Se cadra foi por iso que, cando a cousa ía xa polo medio, preguntou:
- A vós pódovos falar en galego, ¿non?
- Por suposto que si, e preferímolo.
E seguiu falando, todo o tempo en castelán, pero moi amable, eh! Eu creo que se lla chego a pedir, ata me trae alí a árbore xenealóxica das nécoras e o libro de instrucións para comelas.
Bromas á parte, penso que se ó remate da cea alguén lle preguntase ó homiño aquel en que idioma nos estivera falando, probablemente diría que en galego, porque creo que tivo intención de facelo e mesmo nos preguntou, aínda que as palabras lle saísen en castelán. Simplemente, o seu cerebriño, sen pedirlle permiso, decidiu que a relación co cliente debía ser en castelán. O galego queda para os chipiróns. Velaí a diglosia. Velaí a importancia dos membros do Foro Peinador.
NOTA:
23.11.09
A terra do medio
É inconcreta e ampla a parroquia de Vázquez Pintor. Chega desde Deza ata o Morrazo, pasando incluso pola Habana, pero ten o cerne na valgada que vai de Melide ata Agolada, co epicentro en Quián. Esa é A Terra do Medio, que xa ten o seu canto: fermoso texto en fermosa edición de A Nosa Terra.
A alegría da noticia editorial medra aínda máis cando, debullando nas súas páxinas, un atopa incluso sangue do seu sangue:
... foi en Soutolongo, no pendello da eira da casa do “compoñedor”:
-¿E logho que foi ho?
-Caeu da bicicleta, anda aprendendo; e derramou este brazo...
-Deixa ver aquí.
A artesa de pan era grande, de carballo; sentei con el en confianza e zas, un lóstrego a percorrer e un ai sen tempo. E velaí como aínda xorde e axuda o brazo dereito nesta escrita, cincuenta anos hai.
(Vázquez Pintor: A terra do medio)
O compoñedor de Carracedo... Manolo, o irmán da avoa. Viaxa o recordo cara á infancia e volven as visitas á casa da avoa Amalia, en Sampaio, e as palabras de sempre:
- Suso, temos que ir ver a Manolo a Carracedo, que es igualiño ca el e halle gustar verte.
E alá iamos, percorrendo amodiño o quilómetro escaso que había entre as casas dos dous irmáns. O compoñedor de Carracedo non fora á Facultade pero aprendera os secretos do corpo cos libros do seu pai, o bisavó, que era médico coma o pai de Dostoievski. Nada de ritos, nada de embruxos; saber autodidacto. E acadou sona de poñer os ósos no seu sitio mellor ca ninguén na comarca.
Daquelas visitas a Manolo, lembro sempre unha caixa de galletas surtidas diante de min e a súa mirada azul que seica herdei, e gozo co recordo ó atopalo agora no medio d’A Terra do medio.
15.11.09
Literatura dramática e teatro en galego do Eo-Navia
Trátase do terceiro volume da colección Òlga, promovida por Quique Costas desde o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer as distintas manifestacións literarias en galego estremeiro.
O libro de Rita Bugallo inclúe fragmentos, algúns deles inéditos, de obras teatrais eonaviegas pertencentes a Conrado Villar Loza, Armando Cotarelo Valledor, Francisco F. Arias Campoamor, Manuel García "Galano", José María Bedia, Tomás Niembro e Jesús Álvarez Valdés.
As obras escolmadas pola autora mansellesa editaranse íntegras proximamente nun CD que recolle en PDF e en versión para e-books os tres títulos xa publicados na colección Òlga e outros relacionados co Eo-Navia.
A lingua e a literatura eonaviega estarán, deste xeito, presentes en formatos de vangarda que facilitarán o seu coñecemento a través das novas tecnoloxías.
10.11.09
Caxigueiro
Hai poetas que se empeñan en non ser poetas e esconden as palabras tras as pedras, o barro e a chatarra, ... tras a beleza das pedras, do barro moldeado e da chatarra feita arte.Hai poetas que raptan os versos e escóndenos na paisaxe modelada, pero os versos agroman ó final de cada etapa. Caxigueiro, agora temén na rede.
din dun pobo
que para vivir de aluguer
vendeu o amencer
a néboa e a memoria
non son felices
os homes non lembran
o sabor das bágoas
(Caxigueiro: O rapto da paisaxe)
NOTAS: PARABÉNS AMIGOS
Parabéns a Xoán Babarro polo seu recente premio Pura e Dora Vázquez de narrativa.
Parabéns a Eva Moreda polo seu recente dobre premio (poesía e narrativa) no certame GZ Crea.
Parabéns a Toni Deaño polo seu recente premio Valle-Inclán de investigación.
3.11.09
Fala rururbana
“...i non se as puxo”. Mentres me cortaban o pelo hai uns días, oín esta lindeza lingüística na silla do lado. Era unha muller que falaba dunha amiga que pensaba poñer unhas mechas, pero despois pensouno mellor e non as puxo. Saín de alí coas ghedellas amañadas, pero cunha xostregada no oído da que aínda non me repuxen.Sobre ese “i” espúreo non vou comentar nada que non teña dito xa Alonso Montero, que lle ten dado ben voltas. O pronomicidio xa é outro cantar.
Aínda que poucas veces se chegue ó nivel aberrante do exemplo inicial, cada vez é máis frecuente oír construcións do tipo “Mo dixo el”, “O fai sempre”, etc. nas que a colocación do pronome anda a velas vir.
Antes eran expresións típicas de neofalantes e neses casos o erro é comprensible, que os idiomas apréndense a modo, coma todo. Pero agora son frecuentes en boca de persoas que veñen de ambientes galegófonos e que sempre falaron en galego. Eu, de tanto ver a Horatio, xa fun aprendendo e teño un perfil:
Normalmente muller, aínda que non só. De 30 a 50 anos. Procedencia rural pero instalada nunha vila ou cidade galega por motivos laborais ou familiares. Ten un establo a carón da vivenda de seus pais e un ascensor á porta da súa casa, e usa este trazo lingüístico para marcar esta diferenza vital, se cadra inconscientemente.
26.10.09
O tren e a literatura
Seguro que algo máis hai, pero agora mesmo só me lembro do famoso poema de Curros Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da miña terra), de O divino sainete, tamén de Curros, do relato O vello que quería ver o tren de Dieste (Dos arquivos do Trasno), de Bull & Mignonne de Gonzalo Navaza, no Ticino suízo, (Erros e Tánatos) e de Terminal de Xelís de Toro.
- "É como se tivese un tren minúsculo correndo no meu cerebro. Noto as súas rodas metálicas correndo polos sulcos".
A maiores, a colección de trens eléctricos que seica tiña Carlos Casares. Pero iso ten relación co literato, non coa literatura.
Se eu fose autor, creo que tería semente para escribir algo sobre o asunto, botando man duns cantos recordos:
I: Suicidio
Supoño que eu sabía anteriormente da existencia do tren, pero a primeira lembranza da que son consciente está relacionada co suicidio, cando un día apareceu a parroquia revolta porque un veciño vello se botara diante dunha máquina. Souben daquela que algunha xente adiantaba voluntariamente a data da súa morte, algo que ata ese momento nunca se me pasara pola cabeza.
II: Lecer
Co tren relaciónase a miña primeira excursión: Un día no que, sen que saiba por que, eramos moi poucos os nenos que estabamos na escola, o mestre meteunos a todos no seu coche e levounos ver un túnel. Cruzámolo andando ida e volta, e regresamos ben contentos para a escola. Se hoxe un docente fai iso, méteno preso por realizar unha actividade extraescolar non prevista na PXA sen pasar polo Consello Escolar nin contar coa autorización dos pais e da inspección. E por tolo, claro. E se cadra aquel mestre ata nos sacou fotos sen que nosos pais autorizasen o uso da imaxe.
III: Moedas
Os Agulló, compañeiros de colexio, vivían a carón da vía e de vez en cando traían a clase moedas retortas porque as puxeran nos raís para que as machacase o tren. Agora decátome do fermosa que era, como metáfora, aquela imaxe de Franco nas pesetas esmamallado polo tren.
IV: Soldados
Gardo na memoria unha viaxe a Lisboa, nun vello comboio ateigado de xente, e lembro especialmente a imaxe dos soldados barulleiros e borrachos deitados no estante das maletas, pegadiños ó teito. Nunca tal vira.
V: Cemiterio
Impresionoume unha vez a enorme cantidade de lápidas de xente de menos de 40 anos nun cemiterio dun lugariño de Dozón, todas da mesma época. A carón, bastantes de xente moi lonxeva. Daba a sensación de que alí todo o mundo morrera antes dos 40 ou despois dos 80 anos. Segundo me dixeron, a explicación estaba en que moitos mozos da parroquia traballaran na construción do túnel da Abeleda, próximo ó lugar,e despois caeran coma moscas, vítimas da silicose.
Se eu fose autor, daríalle un pouco de vida ó tren na nosa literatura, pero a min dáseme mellor facer tortilla de patacas.
ENGADIDO (29/10/09):
19.10.09
Unidos pola lingua
7 graos ó saír da casa, cediño e con sono no corpo; 6 á altura de Barreiros, 5-4 por Celeiro, 3 en Vilanova, 2 en Abadín con néboa pecha... Todo apuntaba a un día tirando a frío, pero a calor humana xurdiu de novo en Compostela. Unidos pola lingua, unha vez máis. Resposta firme que sae de dentro, que o corpo pide. Consecuencia das políticas do señor Núñez. E así será tantas veces como queira, porque o sono non pode apagar o soño compartido, no país da néboa. 12.10.09
Ben barato sae!
Ben pouco custa obter indulxencias para 10.000 anos! E se cadra aínda chegaban uns aniños menos.
6.10.09
A forza que vén de lonxe en Prolingua
5.10.09
Prolingua
En 1983, no Parlamento de Galicia aprobábase a Lei de Normalización Lingüística sen ningún voto en contra de ningunha das forzas políticas representadas. O articulado desta lei é aburrido, coma todos os textos legais, pero eu teño lido máis dunha vez os debates que precederon a súa aprobación, segundo se recollen no diario de sesións e sempre gocei facéndoo. Lendo o que dixo cada un dos portavoces, parece que aquel día todos querían defender o galego con máis forza có opoñente.
Algúns anos despois aprobouse no Parlamento o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tamén recibiu o voto favorable de todos os parlamentarios de todas as forzas políticas. É un texto longo e aburrido, pero necesario. Despois houbo cambio de goberno e os do mesmo partido que o impulsaran empezaron desde a oposición a darlle patadas nas pelotas en forma de valoración despectiva do que o Plan establece: o mínimo do 50% das materias en galego, as escolas infantís en galego, campañas para a galeguización das lápidas, avances no uso por parte da empresa privada, etc, etc. Os agresores foron collendo forza a base de mentiras oportunamente difundidas desde a casa e desde fóra. E chegamos onde chegamos.
Hai uns meses naceu Prolingua, aínda que non se deixou ver en persoa ata este sábado. Foi en Santiago. Prolingua nace para darlle vida a unha lingua que algúns se empeñan en que esmoreza. Impudicamente. Son os mesmos que mataron o Plan Xeral antes de que medrase e que agora lle botaron o ollo a unha Lei de Normalización Lingüística que ninguén cuestionara en décadas.
Igual ca na aprobación da LNL ou no PXNL, en Prolingua converxen forzas plurais, de todas as tendencias políticas, de todas as camadas sociais, guapos e feos, loiras e morenas, calvos e peludos, e incluso xente á que lle deron clase de galego en castelán en tempos de bilingüismo harmónico. Dá gusto ver agromar isto en tempos de emerxencia. Por iso é unha semente que debe medrar, que ten que medrar.