Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.8.09

A forza que vén de lonxe VIII: Yanelis Velazco

A SERIE EMPEZA AQUÍ
A SERIE EMPEZA AQUÍ
Entrei no mes de agosto comendo tortilla ó abeiro dos carballos que nos protexían na noite dunha orballeira miudiña, case imperceptible.

Nese marco recibín de Yanelis Velazco Fajardo o agasallo do seu libro Xosé Vázquez Pintor, la memoria que reconstruye un mundo, que é o resultado da súa investigación sobre a obra poética deste escritor amigo.

Calquera lugar é bo para que a un lle regalen un libro, e máis aínda se leva da man da autora palabras de agarimo, pero ese lugar é para min especial porque a poucos metros desa mesma carballeira de Castro, nunha escola unitaria, hai xa ben anos, era o propio Vázquez Pintor quen poñía na miña man Gándaras, o primeiro libro en galego que vin e toquei na miña vida. Eu era un neno que soletreaba as primeiras sílabas e entender non entendín nada do que alí estaba escrito na lingua que eu falaba e nunca vira escrita, pero ás veces penso que aquel detalle puido marcar dalgún xeito a miña vida.

Yanelis Velazco (Matanzas, 1976) é licenciada en Filoloxía e profesora na Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana, e como acabou tamén pousando os ollos na poesía de Pintor é cousa que ela mesma explica aquí. Despois debullou os seus versos con detalle e grazas a ela sei eu algo máis de soños e ensoñacións.

Yanelis estivo estes tempos en Santiago e, entre outros actos, oficiou de pregoeira na feira do libro de Melide. Hoxe mesmo regresa á Habana para seguir ocupándose da crítica literaria e das nosas letras, como fan cada vez máis estudosos desde distintas universidades do mundo, moitos dos cales pertencen á Asociación Internacional de Estudos Galegos, presidida por Craig Patterson.

Yanelis Velazco é tamén forza que vén de lonxe.
CONTINÚA

Ningún comentario: