Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.12.09

Azafrán das meigas, tollemerendas, libros, ...

Foto: Xandra
I
Nun comentario desta entrada falou hai pouco Alexghalpón do azafrán das meigas ou quitamerendas. Descubrín así como se chamaba aquela flor malva que nunca souben nomear, malia a miña orixe rural, pero que tanto me gustaba ver na cima do Souto, onde se amoreaba a folla debaixo dos carballos.

Na Eira de Balixe chámanlle tollemerendas á quitamerendas de Xandra, e din que non é o mesmo có azafrán das meigas, ou flor de azafrán. Eu non tercio no asunto, que pouco sei de plantas que non se comen, pero con eses nomes chégame o olor a carballeira e a infancia. É pena de que morran as palabras, e máis aínda sendo tan bonitas –as palabras e as flores malvas-.

II

Malvas son tamén os sombreiros dos que fala Marcos Calveiro na obra coa que gañou recentemente o Premio Lazarillo, concedido pola Organización Española para o Libro Infantil. Unha vez máis, un autor resulta premiado cunha obra en galego, competindo con obras de todo o Estado, escritas en castelán, catalán e éuscaro.

No prazo dun ano, sucedeu o mesmo con Xusto Beramendi, galardoado co Premio Nacional de Ensaio e con Agustín Fernández Paz, que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil.

Se o tempo non está moi desagradable, probade a dar un paseo polos escaparates das nosas librerías e buscade neles estas ou outras obras en galego... Si, xa sei que raro sería que as atopásedes; son espazos reservados para César Vidal, Jiménez Losantos, Pío Moa e similares.

III
Resulta máis doado atopar unha flor quitamerendas na beira do camiño ca libros en galego nos escaparates das librerías galegas. Será cousa de meigas.

5 comentarios:

Anónimo dixo...

Hai non moito tempo tiven que esperar unhas 3 horas no aeroporto de Santiago de camiño ao Galeusca e entretívenme meténdome na libraría e intentando localizar algún libro en galego. Nin un había. Comentándoo máis tarde cos colegas éuscaros e cataláns, os primeiros dicían que en Euskadi a situación é a mesma, mentres que os segundos afirmaban que si hai unha presenza importante do catalán neste tipo de librarías. Vale, eu entendo que nunha libraría de aeroporto non se venda a Otero Pedrayo, nin a Ferrín, nin a calquera dos nosos poetas, que unha viaxe en avión normalmente pide un tipo de literatura menos densa, pero penso que no momento actual hai non poucos autores/obras que poderían cumprir esa función. Sen embargo, non se lles dá pulo.

Anónimo dixo...

Acábaseme de ocorrer unha solución: e se aparece un Losantos ou un Moa ou un Vidal que escriba en galego? Home, sería algo kafkiano, pero tendo en conta que hai un grupo nacionalsocialista galego que se expresan só en galego e son independentistas, pois o certo é que ten que haber de todo...

Gloria Lago dixo...

Xa estades querendo impoñer o galego...libertad! libertad!

Suso F. Acevedo dixo...

Os impoñedores sómosche o demo; non temos remedio.

Anónimo dixo...

Nacen as tollemerendas / polos campazos i os chaos / na Cemba da Requesmeda / no Souto de San Romao.
(é dos Eidos de Novoneira, acabo de atopalo por casualidade)