Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.11.09

A terra do medio

Quen queira ser universal, que lle cante á súa parroquia”. Repito esta cita con certa frecuencia e sempre digo que é de Shakespeare, aínda que non teño nin idea. En realidade, creo que é de Dostoievski pero eu non o digo porque os rusos teñen peor prensa. Se cadra quen o sabe é Antón Lamazares, que onte mesmo dicía "desde esta ciudad aprendí a querer a mi aldea". A cidade é Nova York e a aldea Maceira.

É inconcreta e ampla a parroquia de Vázquez Pintor. Chega desde Deza ata o Morrazo, pasando incluso pola Habana, pero ten o cerne na valgada que vai de Melide ata Agolada, co epicentro en Quián. Esa é A Terra do Medio, que xa ten o seu canto: fermoso texto en fermosa edición de A Nosa Terra.

A alegría da noticia editorial medra aínda máis cando, debullando nas súas páxinas, un atopa incluso sangue do seu sangue:

... foi en Soutolongo, no pendello da eira da casa do “compoñedor”:
-¿E logho que foi ho?
-Caeu da bicicleta, anda aprendendo; e derramou este brazo...
-Deixa ver aquí.
A artesa de pan era grande, de carballo; sentei con el en confianza e zas, un lóstrego a percorrer e un ai sen tempo. E velaí como aínda xorde e axuda o brazo dereito nesta escrita, cincuenta anos hai
.
(Vázquez Pintor: A terra do medio)

O compoñedor de Carracedo... Manolo, o irmán da avoa. Viaxa o recordo cara á infancia e volven as visitas á casa da avoa Amalia, en Sampaio, e as palabras de sempre:

- Suso, temos que ir ver a Manolo a Carracedo, que es igualiño ca el e halle gustar verte.

E alá iamos, percorrendo amodiño o quilómetro escaso que había entre as casas dos dous irmáns. O compoñedor de Carracedo non fora á Facultade pero aprendera os secretos do corpo cos libros do seu pai, o bisavó, que era médico coma o pai de Dostoievski. Nada de ritos, nada de embruxos; saber autodidacto. E acadou sona de poñer os ósos no seu sitio mellor ca ninguén na comarca.

Daquelas visitas a Manolo, lembro sempre unha caixa de galletas surtidas diante de min e a súa mirada azul que seica herdei, e gozo co recordo ó atopalo agora no medio d’A Terra do medio.

Ningún comentario: