Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

3.11.09

Fala rururbana

...i non se as puxo. Mentres me cortaban o pelo hai uns días, oín esta lindeza lingüística na silla do lado. Era unha muller que falaba dunha amiga que pensaba poñer unhas mechas, pero despois pensouno mellor e non as puxo. Saín de alí coas ghedellas amañadas, pero cunha xostregada no oído da que aínda non me repuxen.

Sobre ese “i” espúreo non vou comentar nada que non teña dito xa Alonso Montero, que lle ten dado ben voltas. O pronomicidio xa é outro cantar.

Aínda que poucas veces se chegue ó nivel aberrante do exemplo inicial, cada vez é máis frecuente oír construcións do tipo “Mo dixo el”, “O fai sempre”, etc. nas que a colocación do pronome anda a velas vir.

Antes eran expresións típicas de neofalantes e neses casos o erro é comprensible, que os idiomas apréndense a modo, coma todo. Pero agora son frecuentes en boca de persoas que veñen de ambientes galegófonos e que sempre falaron en galego. Eu, de tanto ver a Horatio, xa fun aprendendo e teño un perfil:

Normalmente muller, aínda que non só. De 30 a 50 anos. Procedencia rural pero instalada nunha vila ou cidade galega por motivos laborais ou familiares. Ten un establo a carón da vivenda de seus pais e un ascensor á porta da súa casa, e usa este trazo lingüístico para marcar esta diferenza vital, se cadra inconscientemente.

18 comentarios:

Dilaida dixo...

É moi normal e oense a miúdo cousas coma que contas, pero eu non estou moi de acordo no perfil que ti describes porque eu onde máis noto a mala colocación do pronome e a utilización incorrecta do te/che é en xente moza.
Hai moita xente que como pensa en castelán ao traducir di esas "frases" coma a que ti escoitaches na cadeira que estaba ao teu lado na perruquería e o mesmo pero ao revés pásalle aos que van de "fin@s" e pensando en galego din "pásame el sal" ou "no te me come nada".
Bicos

Suso dixo...

Xa, xa sei que hai desde sempre ese tipo de perfil que ti dis, pero ultimamente eu noto cada vez máis estes erros en xente co perfil que describo.

Por outros trazos, notábase ben que a muller que eu tiña ó lado na perrucaría era e fora sempre galegofalante. E podería poñer media ducia de casos coma ela, con nome e apelidos, que coñezo e dos cales sei a súa historia biográfica e lingüística. É a eses ós que me refiro como novidosos.

Suso dixo...

En calquera caso, xa sabía eu que estaba escribindo un post arriscado, e mesmo vexo vir cara a min os exércitos amigos de feministas, postfeministas, parafeministas e outras -istas.

Saúdos

Dilaida dixo...

Sinto moito que me malinterpretases. Eu non intentaba facerche ningunha crítica, simplemente intentaba aportar algo máis a túa entrada e dicirche que desde o meu punto de vista eses tipos de erros tamén se dan entre a mocidade e dígocho porque traballo con eles todos os días e escoito como falan.
E para nada de "feminista", polo menos a min non se me ocorreu pensar en nada diso, non sei se ti o fixeches con esa intención, pero eu... pódoche asegurar que non.
Bicos

Suso dixo...

Amiga Dilaida, non tomei o teu comentario como unha crítica; todo o contrario: agradézocho. E e estou de acordo co que dis, só que o complemento.

E o do feminismo non ía por ti. Seguro que hai outras lectoras que se dan por aludidas :)

Unha aperta

Melodi dixo...

Eu sei dun rapaz de terras de Ortegal que falaban con ese acentiño tan bonitiño de por alí ( vaia, que me gustaba o seu galego con certa gheada) e dende que me anda por terras ribadenses comezou a colocarme mal os pronomes, non sei cando fala, pero polo menos cando me escribe ...

Deschant dixo...

Se cadra non ten tanto que ver no caso do que está falando, pero eu penso que nalgúns casos pode haber algo de hipercorrección. Teño coñecido a xente da miña idade ou un pouco máis vella ou máis nova, galegofalante, que despois de pasar polo ensino sinte certa inseguridade coa súa forma de falar galego e acaba corrixindo o que xa lle sae ben de xeito natural. Este foi máis ou menos o comentario que me fixo unha vez unha rapaza galegofalante:
-É que despois de pasar polo instituto, con tanto galego normativo, xa non sabes se o pronome ten que ir diante ou ten que ir detrás!
E eu respondinlle máis ou menos que, no fondo, todas esas listas de "o pronome vai diante", "o pronome vai detrás" son para os castelanfalantes, que non nos dá saído a colocación de xeito natural*. Os galegofalantes podían pasar diso olimpicamente, pero eu imaxino que moitos, en lugar de confiar no seu instinto, comezarán a analizar e acaban metendo o pronome onde non corresponde.

* Bueno, eu, humildemente, creo que, despois de moitos anos de práctica, conseguín que me saian ben 9 colocacións de cada 10 (aproximadamente), o cal non é un grande logro, pero desde logo máis que Feijóo xa é.

Suso dixo...

Non creo que a situación que eu describo se deba a hipercorrección por dous motivos:

1- Se fose por iso, deberían detectarse tamén casos de pronomes colocados íncorrectamente pero en posición distinta á do castelán. Por exemplo: "Non sei porque poste así". É máis, cando a xente lle dá moitas voltas teoricamente á colocación do pronome, chega a pensar que se coloca sistematicamente ó contrario ca no castelán.

2- Non esquezas que, aínda que eu non o comento, esa persoas tamén usan sistematicamente o I (debería poñer Y?), e iso non se pode explicar por hipercorreción.

Saúdos
Suso

Marta dixo...

Estou totalmente de acordo con Suso. Debemos ter en conta que temos un Galego Académico que non se parece en nada ó que se fala realmente. Non falamos igual os de Ribadeo que os da Pontenova,e só nos separan 35km. A fala dos Ancares non se parece á da Mariña, é mais, en Burela xa falan de xeito distinto a Ribadeo. Eu tiven a oportunidade de relacionarme con xente de toda Galicia, e hai moitas, (en Ribadeo dise muitas) diferencias. Falemos en galego, pero con naturalidade, (non por "modas")según aprendemos dos nosos maiores. Eu creo que se nos entendemos cos veciños, está ben falado. Como sigamos así, todos acabaremos falando "Palmírez" (Refírome como no Luar da TVG).

Suso dixo...

Marta,
Eu tampouco digo iso. Ten en conta que:

1- A norma académica é distinta do que se fala en todos os idiomas, non só no galego. Sucede tamén no castelán, o que pasa é que moitas veces ignoramos a xente "normal" que fala castelán e pensamos que todos falan coma os presentadores do Telediario. Para comprobalo non hai máis que fixarse en como fala a xente que entrevistan ás veces pola rúa, os tarados de "Gran Hermano" ou os energúmenos que meteron en "Curso del 63". Eses tamén son xente que fala "con naturalidade", cada un ó seu xeito, que se entenden uns cos outros, e ninguén reivindica a súa fala como referente substituvivo da norma do castelán.

2- Os nosos maiores conservaron un tesouro e xa non é pouco, pero tamén hai que ter en conta que o galego estivo a monte e medráronlle moitas malas herbas. Dos maiores debemos pillar sen medo a sintaxe e a fonética, pero temos que ser conscientes de que o léxico se transmitiu moi deturpado e cómpre entresacalo un pouco, facer algo de limpeza.

Unha aperta

Marta dixo...

Sigo estando de acordo contigo...
Podemos falar empregando a gramática correctamente co vocabulario de cada zona... O que non me gusta (¡ollo! non digo que sexa incorrecto) é o emprego de palabras como por exemplo: cativos, cando por aquí sempre se chamaron nenos ou pícaros, o porco sempre foi un cocho, comemos "pito" asado, e a modo de conxunción no sitio da Y, empregamos o E. Espero que ninguén se ofenda, é unha opinión persoal.
Bicos

Marlene dixo...

Suso:

Eu, obviamente, pertenzo a esa horda de feministas ás que sabías que ías provocar, así que me dou abertamente por aludida.
Todas as cuestións que aquí debatides son ben interesantes. En efecto, non se pode considerar que a forma en que falan os vellos está ben. Miña tía avoa sempre dicía "grazas" (que tanto se debatiu no seu momento) e "hoxe", pero tamén "jueves" etc. As normas nunca se fan a gusto de todos, pero son necesarias. Pasará moito tempo, penso eu, ata que os falantes non vexan como algo alleo, igual que fala co castelán, epero non teño dúbida de que acabará por asentarse sen problema. Teñamos en conta que a primeira gramática do español ten séculos de existencia, lévannos moita vantaxe, pero darémolo feito (aínda que para iso haberá que tumbar algún Feixoo). Por certo, penso que era John Rutherford o que tiña unha teoría sobre a orixe da palabra "pícaro" referido a neno... Chuchos.

Marlene dixo...

Suso:

Eu, obviamente, pertenzo a esa horda de feministas ás que sabías que ías provocar, así que me dou abertamente por aludida.
Non é que desconfíe do teu criterio, pero eu ese fenómeno do que falas vino sobre todo en sindicalistas homes... Así que xa ves, cada un é testemuña de realidades ben distintas... ; )
Por outra banda, todas as cuestións que aquí debatides son ben interesantes. Tal e como concluídes, eu tamén penso que non se pode considerar que a forma en que falan os vellos está ben porque si. Miña tía avoa sempre dicía "grazas" (que tanto se debatiu no seu momento) e "hoxe" (en Ribadeo abunda o "hoy"), pero tamén "jueves" etc. As normas nunca se fan a gusto de todos, pero son necesarias. Outra cousa é que esteamos de acordo con tódalas decisións que se toman (persoalmente creo que nos venderon co "ao/aos"). Pasará moito tempo, penso eu, ata que os falantes non vexan a norma como algo alleo, pero non teño dúbida de que acabará por asentarse sen problema. Teñamos en conta que a primeira gramática do español ten séculos de existencia, lévannos moita vantaxe, pero darémolo feito (aínda que para iso haxa que tumbar a algún Feixoo). Por certo, non era John Rutherford o que tiña unha teoría sobre a orixe da palabra "pícaro" referido a neno? Chuchos.

laradoar dixo...

Eu como recén chegada e feminista non podo máis que dicir que teño un caso moi achegado que se axusta con precisión ao perfil descrito por Suso e co que concordo completamente. Ten nome e apelidos e faino incoscientemente, de aí que lle custe mudalo.
Por outra banda, parabéns polo blog e graciñas a Marlene por presentarmo, un pracer.
E por certo, o exemplo vivente que ilustra á perfección o que conta Suso no post é máis ben do Sur, nacida no Condado e residente en Vigo.

Suso dixo...

Lara(doar),
Xa, xa, ... ti fasme a pelota porque acabas de descubrir que teño un montón de empresas e que son un bo partido.

En serio, benvida á toupeira, e graciñas a Marlene pola súa difusión.

Unha aperta

Luz Méndez dixo...

E vostede Suso, como é que escribe "establo"?
Se non hai palabra máis fina ca corte!

Suso dixo...

É que na corte teño estrume e no establo teño plaqueta (ou moqueta) e podo convidar as comadriñas de limpo e relucente que está.

Bicos

Luz Méndez dixo...

Cos compadriños, se a corte está ben estrada ben me vale para o convite. Sempre que haxa xamón e viño, claro!

Bicos tamén.