I
Alan Lomax |
Seica un tal José María Rodríguez andaba os camiños coa
coitela na man capando porcos por terras ourensás. Parece que tamén mataba. O 8
de decembro do 52 tocaba matanza en Faramontaos, na Merca.
Seica un tal Alan Lomax andaba polo país adiante gravando músicas populares. Era o ano
52 e acompañábao a Garda Civil, que non tiña nada mellor que facer e un texano de case dous metros cunha gravadora na man podía ser un tipo perigoso. Antes, xa lle dera por gravar
os negros de Mississipi e Louisiana e o FBI acabou redactando sobre el un
informe de 800 folios.
Filgueira Valverde |
Seica un tal Filgueira Valverde lle recomendou a Lomax asistir á
matanza do porco nalgunha eira do país. Non sei se o fixo con intención de que
gravase os berros do porco co coitelo espetado na gorxa, pero o que o americano
gravou foi a melodía do chifro co que o capador anunciaba a súa presenza.
Seica un tal Miles Davies acabou escoitando a gravación do
chifro do capador de Faramontaos e inspirouse nel para compoñer The pan piper, que abre o seu álbum Sketches of Spain.
Miles Davies |
De todo o que lin estes tempos sobre Filgueira Valverde, o
que máis me gustou foi saber a súa participación nesta historia. Paréceme que demostra
sensibilidade pola súa parte, aínda que tamén habería que saber que pensou o porco de que lle mandase a un texano como testemuña da súa agonía.
II
Souben desa historia no último número de Luzes (nº 16), unha
magnífica publicación dirixida por M. Rivas e X.M. Pereiro sen ningunha axuda
oficial. Se cadra, a estes dous tamén había que poñerlles a Garda Civil á beira, que teñen un bolígrafo, saben escribir e, polo tanto, son perigosos.
Portada do nº 16 da revista Luzes |
Ningún comentario:
Publicar un comentario