Houbo un
tempo no que a miña amiga Luz tiña por costume mandarme felicitacións de Nadal
no mes de agosto, algo que moito lle agradecía porque a froita valórase máis en
tempos de escaseza.
O mesmo fago
eu hoxe, ocupándome dun poema de Nadal en pleno mes de abril. Dei con el
revisando vellos exemplares de prensa da zona, costume ó que me aplico cando
prefiro ter información sobre sucesos do pasado antes que ler desinformación
sobre a actualidade.
O texto, que
se publicou o 24 de decembro de 1955 en Las
Riberas del Eo, é un diálogo entre unha galega e unha castelá, e envíao
desde A Veiga (Asturias) María Luísa de Trío Rico, autora da que nada sei.
Comeza o
poema e despois do segundo verso xa se nos di que a galega “se admira de ver a
la castellana”. Sempre fomos moi dados a admirar os de fóra.
Con todo,
despois dos saúdos protocolarios e de explicar o motivo da viaxe á cabana onde
naceu o neno, á galega éntralle unha arroutada patriótica e pasa a facer unha
defensa da paisaxe galega fronte á seca chaira castelá, algo que moito nos
alegra a esta hora do partido. Parece que Rosalía planea sobre os versos:
¡Non hay cousa máis hermosa
qu’a terriña das rías baixas!
¡Os seus bosques rumorosos –parece que agora é Pondal quen dá unha voltiña polo texto-
os seus prados d’esmeralda
[...]
Non hai cousa máis preciosa
cá miña terra adorada.
Oféndese a outra
e, aínda admitindo os valores de Galicia, pasa a exhibir as fazañas castelás:
Fernán González, Alfonso VI, Fernando III, O Cid, Cervantes, Calderón, Isabel a
Católica e outros paisanos pásanlle polos morros á galega coma unha manda de
porcos bravos en desbandada. E remacha a cousa coa inevitable alusión á
superioridade da lingua castelá:
¡Ya con razón lo decía
Carlos V emperador!:
“¡El idioma castellano
propio es para hablar con Dios!”
Non pasa
nada. Os galegos conformámonos con falar co demo. Con todo, a galega, “herida
en su regionalismo”, contraataca cunha restra de galegos ilustres: Colón, María
Pita, San Pedro de Mezonzo, o Apóstolo Santiago... e Franco. Vaia, ho! Por un
momento, pensamos que ía poñer encima da mesa auténticos defensores do País e vai
e abre un álbum de partidas de bautismo de renegados.
Contentámonos
ó comprobar que o discurso abonda para poñer remate á loita de fillos ilustres,
xusto cando chegan á cabana. Pero aínda nos espera outra labazada, outra vez á
conta do idioma:
“Fáloche en castellano
ou enténdesme en galego –dille a galega ó neno-
“¡Pois non sabes os apuros
qu’eu tou pasando, meu Neno”.
Menos mal
que está á beira a curmá de Zumosol:
No pases ya más apuros
que yo hablaré por las dos –di a castelá.
Existindo
Castela, para que vai ter voz Galicia...
Ningún comentario:
Publicar un comentario