Nunha taberna do Corpiño |
Volvín ó Corpiño. Non foi para felicitar o cura, a quen
seica van nomear exorcista titulado, senón para comer os callos na taberna de
enfronte á igrexa. Houbo un tempo no que ía con frecuencia os domingos pola mañá, pero cando tal un vese sen acompañantes, que algúns anos son moi cabróns.
A min gústanme eses bares-tenda onde un pode tomar un viño
mentres mira para os paquetes de macarróns ó lado das botellas de vermú, ou para
un almanaque coa imaxe da Virxe do Rosario colgado na parede a carón doutro
cunha menos virxe sen hábito nin trapo de caste ningunha. Ás veces tamén os hai de gatiños ou de cadelos.
Gústanme eses establecementos, que sempre chamamos tabernas. Sendo eu pequeno na miña
parroquia había oito: a de Dorinda, a do Caldeireiro, a de Pura, a de Castro, a
do Capador, a de Cavado, a de Indalecio e a do Herdeiro. Claro que, sendo todas
moi parecidas, algunhas tiñan a súa especialidade. Por exemplo, na de Dorinda
botábanse timbas de alto nivel, na do Caldeireiro mirábase o correo, na de
Cavado vendíanse fabas e xamóns e na de Indalecio comprábanse as caixas para os
defuntos, que non estaban no estante ó lado das botellas de vermú pero estaban
no cuberto do lado, que eu téñoas visto polo ventanuxo.
Hoxe só queda a do Caldeireiro, que deixou se ser bar para
ser só tenda, e a de Castro, que deixou de ser tenda para ser só bar.
Portada de "Bares tienda en Asturias" |
Non debe ser doado subsistir economicamente no rural con
negocios así. É unha pena. Sería bo que, antes de que desaparezan, alguén con tempo, gana e capacidade se
encargase de agasallarnos cunha publicación sobre as nosas tabernas do rural, os nosos bares-tenda, como
David Fernández Moro fixo hai dez anos cos de Asturias.
Mellor aínda sería retrasar a súa agonía. Debería haber
algún tipo de axudas para salvar as que se poida. Eu que sei..., poderían deixalas
exentas de IBI, como seica fan cos bens da Igrexa, darlle unha axuda como as que
lles conceden cada pouco ás concesionarias de autoestradas, a maiores, para que non deixen
de ser millonarias, ou poñernos a todos unha multa como a que pagamos para o asunto ese do Castor ou para o canon dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario