Luz Méndez e outros, antes de comezar a presentación de "Toponimia de Agolada" |
Volvín ós pendellos de Agolada, que xa non teñen feira pero
si vida. Desta vez o motivo foi a presentación de Toponimia de Agolada, de Luz Méndez, co que se inaugura a colección "Terra Nomeada", promovida pola RAG coa
colaboración económica –sempre imprescindible- da Deputación de Pontevedra. É
unha interesante iniciativa coa que se pretende espallar o coñecemento e o
valor da toponimia dun xeito divulgativo, fuxindo de explicacións para expertos
que moitas veces resultan excesivamente densas para o gran público.
O local escollido no recinto dos pendellos quedou pequeno
para a ocasión. Foi unha lástima que chegase puntual para a presentación do
libro porque perdín case toda a visita guiada que o historiador Manuel Bustofixo previamente polo conxunto arquitectónico dos pendellos. Tendo en conta o
pouco que aínda pillei e os coñecementos e entusiasmo do guía, estou seguro de
que debeu ser ben interesante.
Un momento da presentación |
Houbo varias intervencións de expertos e de autoridades: o
Alcalde de Agolada, o representante de Cultura da Deputación, Gonzalo Navaza,
Xesús Ferro e a propia autora. Todas elas foron amenas e non moi extensas, algo
que tamén se agradece cando os participantes son moitos e un está de pé. Tamén
tocaron os gaiteiros de Bico da Balouta e cadrou que acabei parolando cun deles
asentado alá pero nado en Ribadeo. Tivemos tempo para que recordase un pouco o
Ribadeo da súa infancia, para que me contase a historia do tesouro do Marqués
de Sargadelos e como el, sendo novo, revisou unha por unha todas as covas da
ría de Ribadeo por se daba con el.
Por se todo isto fose pouco, cadrei alí co sempre mestre e
vello amigo Vázquez Pintor, con quen me retratei na noite. Recordamos a
anterior visita ós pendellos, cando aínda non estaban amañados, e como aquela
mesma tarde acabamos pingando coma pitos e medio espidos para enxoitarnos na
palleira da súa estirpe de Quián, un dos topónimos que Luz Méndez explica no
seu libro.
Con Vázquez Pintor |
Mereceu a pena a viaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario