Un día pregunteille a Secundino:
- Existen as leiras do mar? Van cambiando os nomes na auga como cambian cada pouco na nosa terra?
- Existen -contestou, mentres me desescamaba unha robaliza salvaxe, non de granxa-.
E empezoume a falar das leiras que percorría coa súa lancha: As Carrallas, O Guitón, Arredo, Panchorro, A Beirada da Fonte, Aviada, Ratas de Rinlo, Portelas... Faloume dos motivos, da profundidade do mar en moitas delas, da composición do fondo... e de tantas cousas máis. Era o seu mundo e debullábao con paixón.
- E situaríasmas nun mapa se cho dou?
- Si, ho!
E poucos días despois foi riscando nos papeis as mesmas leiras das que me falara. Era o seu mar, o mar que fora a súa vida.
Mapas do mar de Ribadeo, cos talasónimos escritos da man de Secundino |
Un día parou de golpe o motor da lancha que era el e agora hónrase á beira da súa ría, encabezado con palabras dun mar que el nunca dixo. E choran de pena Cunqueiro e Cabanillas, Manuel Antonio e Bernardino, poetas do mar noso que o entenderían ben e adorarían compartir con el palabras amigas na beiramar do norte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario