Portada do manuscrito "Apeo de los lugares de S. Martiño, Sante y Freixeyro, sitos en la feligresía de Laro..." |
O 31 de xaneiro de 1599, cando Súa Maxestade Felipe
III alcumado “O piadoso” aínda non levaba catro meses de reinado, os meus
devanceiros de San Martiño, Sante e Freixeiro quedaban condenados a un saqueo argallado
polos de sempre
Mentres en Laro aturaban como podían o vento frío que aquel
día sopraba de Candán –é un supoñer-, uns cantos quilómetros máis ó norte, no
mosteiro de Sobrado dos Monxes, un tipo outorgáballe carta de poder a uns
sicarios para que perpetrasen con absoluta liberdade un apeo dos lugares de San
Martiño, Sante e Freixeiro, rexistrando cantas propiedades pertencesen ó
mencionado mosteiro. De testemuñas estiveron un fato de criados do mosteiro e
os frades Atanasio, Benito, Basilio e Gabriel, que Deus teña na súa Gloria.
É de supoñer que a intención non era precisamente rozar as
silvas ou amañar as pingueiras que nesas propiedades houbese, senón que os
veciños de Laro pagasen relixiosamente –e nunca mellor dito- por traballar eses
bens, que non sei como foran parar a propiedade de mosteiro tan distante.
Debeulles levar uns meses dar cos lugares mencionados e
ferrar os cabalos para a viaxe, pero o día 13 de novembro do mesmo ano de 1599 plantáronse
diante da igrexa de Laro os enviados e atraparon os veciños que “estaban oyendo misa mayor siendo
día de Domingo”.
A
partir de aí comezaron as citacións e as declaracións dos veciños, baixo
xuramento e ameaza de ir ó inferno se mentían. Cando a primeira quenda de
requiridos rematou de contar canto sabían, chamaron outros máis novos, por se
os primeiros tiñan mala memoria e esqueceran algún ferrado de terra.
Cóntase
todo o proceso nun documento que localicei por casualidade e que ando
debullando ós poucos, cando hai tempo e paciencia para ler os reviraganchos das
sesenta e nove páxinas manuscritas que levaban máis de catro centos de anos
agardándome e que agora se conservan no Arquivo do Reino de Galicia, onde
amablemente me facilitaron copia.
Neles
vou atopando nomes de leiras, montes e fontes que eu chamei de pequeno do mesmo
xeito, outras das que nunca oíra falar, nomes de veciños e veciñas moi distintos
ós de hoxe, apelidos coñecidos ou desaparecidos na zona... Poida que algún día
dea conta deses detalles, pero non vai ser hoxe.
Polo
de pronto, o que máis me emocionou foi atopar referencias á ermida que daquela
había cerca das casas de San Martiño. Ninguén ten memoria do edificio, pero
sendo eu pequeno subía e baixaba de cara á casa pola “congostra da Ermida”,
polo que sempre presupuxen a súa existencia, que os topónimos son moito máis
sabios do que pensamos.
Congostra da Ermida nunha imaxe do Vuelo americano, 1956 |
[...] mas el nabal y heredades sitos abajo de la casas del dicho lugar de San Martiño que llebará de sembradura una anega de centeno según que [...] la dicha heredad está marcada de por si y cerrada de muros y valo y de la parte de riba entesta en las dichas casas y en el adrio de la Hermida de dicho lugar y de la parte de abajo entesta en la congostra que va abajo de la dicha heredad.
Alusión á ermida de San Martiño, describindo os lindes dunha leira. |
Volveremos sobre o asunto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario