Tópicos sobre a lingua galega, editado pola Mesa pola Normalización Lingüística |
Houbo un tipo alá en México que un día, se cadra, cargou o carro con tequila en exceso e garabateou con acerto corenta ou cincuenta follas. O tipo chamábase Juan Rulfo e a aquela tandada de cuartillas chamoulle Pedro Páramo.
É certo que tamén publicou outras cousiñas, co mesmo bo ollo para os títulos, pero o que lle deu nome foi aquela obra publicada por primeira vez no 55 e que despois se reeditou, reimprimiu, traduciu e fotocopiou centos de veces.
Se non fose disparatada a comparación, diría que uns cantos folios que unha vez escribín case a xeito de brincadeira van polo mesmo camiño.
Chameille en orixe Tópicos sobre a lingua galega e nunca pensei que chegasen moito máis alá da papeleira que hai onda a porta da miña casa. Errei: difundíronse primeiro en fotocopias, despois en formato dixital, o Concello de Ribadeo editounos por primeira vez en papel, aparecen fragmentos en libros de texto e noutras publicacións e, recentemente, acaban de editarse de novo.
Desta vez foi a Mesa pola Normalización Lingüística, a través de Mónica Pazos, quen me pediu autorización para publicalos nunha fermosa colección de peto e difundilos coincidindo co Día das Letras Galegas deste ano.
Agradezo unha vez máis tanta atención inmerecida, aplaudo e presumo da fermosa edición que deseñaron desde a MNL e, ó mesmo tempo, lamento que sexa necesario explicarlle á xente asuntos que deberían ser evidentes, desmentir afirmacións que deberían avergonzar a quen as di, tratar de facer País en tempos de demolición programada.
E que me desculpe Juan Rulfo, por metelo nesta festa con tanta desmesura.
E que me desculpe Juan Rulfo, por metelo nesta festa con tanta desmesura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario