[Se cadra convén ler o engadido do remate, antes de empezar a ler]
Nada sabía antes –e pouco sei agora- de Ángel Santos Vila, ata que dei con el por casualidade nunha listaxe de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala en abril de 1921. Fixeime no seu nome porque o sitúan na Veiga (Asturias) e sempre tiven interese pola xente comprometida co galego no occidente de Asturias.
Nada sabía antes –e pouco sei agora- de Ángel Santos Vila, ata que dei con el por casualidade nunha listaxe de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala en abril de 1921. Fixeime no seu nome porque o sitúan na Veiga (Asturias) e sempre tiven interese pola xente comprometida co galego no occidente de Asturias.
Santos Vila, na lista de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala |
Buscando algo máis na prensa da época, atopeino en A Nosa Terra (xullo de 1930) formando
parte dunha incipiente Irmandade Galeguista de Ribadeo, a carón doutra media
ducia de nomes, encabezados por Francisco Lanza.
A Nosa Terra, xullo de 1930 |
Consultando o índice de A
Nosa Terra puiden comprobar que colaborou con certa asiduidade neste xornal,
remitindo poemas e artigos de inequívoco compromiso nacionalista desde varios lugares do país. Farei un pequeno
repaso destas colaboracións:
“Queixumes”
O texto máis antigo é “Queixumes”, un poema de
(des)amor, datado en marzo de 1917 e publicado no nº 15 de ANT, o 10 de abril do
mesmo ano.
Eu vivo sin amore, y-é moi triste
non tere a quen contare as negras penas
qu’amagoan e esnaquizan
o brando corazón de quen foi nado
pr’amar e mais pr’amar
[...]
“Galego e castelán ou
o castelán polo galego”
O segundo texto publicouno no dobre número 67-68 (30 de
setembro de 1918). É un longo artigo que asina como "A. Santos Vila, mestre
nazonal", no que defende firmemente o uso do galego no ensino.
Dirixe o artigo “ós galegos de boa vountá” e di que é un
chamamento “ó baril galego Fraiz Andón” e ós directores do resto das Escolas
Normais de Galicia
Non podemos desterrar o galego d’as escolas porque é algo consustancial c’o neno e informa todo os eu mundo espiritual, toda a súa vida de pasiois, sentimentos, impresiois, ideias, pensamentos. Ire contra il é demolere unha persoalidá sagrada feita na infanza por un mestre perfeuto e infallibre: pol’a Natureza.
“Soilo”
“¡Soilo!” é o título dun poema datado na primavera de 1919,
publicado no dobre número 85-86 de ANT (15 de abril de 1919) no que se
contrasta a alegría da nova primavera coa tristeza da voz poética, que non ten
compañeira que lle axude a mellor levar as durezas da vida. O texto está
dedicado a Nucha Moreno. Seguramente se trate de Generosa Moreno, con quen acabaría casando:
Como en anos pasados voltou a Pirmadeira
d’arumes toda cheia, silente e bulideira,
con froles n-as ramaxes,
con páxaros trementes,
e tintes os paisaxes
por meigos debuxantes.
Unha vella anduriña voltou ô meu tellado
a faguer o seu niño donde o ano pasado:
cubiza teño d’ela
e d’o seu compañeiro
qu’os aluma unha estrela
qu’eu non hacho tristeiro.
Voltarán pirmadeiras, voltarán anduriñas
e non terei o niño das probes ansias miñas.
Non terei compañeira
que m’axude a levar
a vida magoadeira
de cantar e chorar.
“Notas ó marxen da
discusión”
Neste artigo (ANT, nº 102, 5 de outubro de 1919) fai un
chamamento á concordia no medio das discusións que se daban xa na época sobre a
liña que debía seguir a normativa do galego escrito.
Refírese a tres tendencias, recoñécelle ós defensores de
cada unha delas boas intencións e convida a non enfrontarse por cal
debe ser o modelo normativo. O importante, di, é acadar o uso xeneralizado do
galego e deixar que o tempo diga cal é o camiño normativo máis acaído para o
noso idioma.
Remata o artigo retomando a idea inicial, pedido sosego e irmandade:Tres ourentaciós se marcan n-a escritura ortográfica d’o galego: a portuguesa, a fonética i-a tradicional. ¿Cal d’elas seguire? Ningunha e todas. A nosa! A qu’o tempo faga nosa. Porque ou temos persoalidá ou no-a temos. Se a temos, cómpre o seu robustecemento, a súa diferenzazón, a súa idiosincrasia persoalísima sin misturanzas. Si no-a temos é valeiro e necio pertendere sere o que non somos, deixando de sere o que con outros imos sendo.
[...]
Veña galego. Muito galego. Fagamos galego de abondo. Imitemos a maioridade i-os millores; percuremos qu’os rótulos d’os estabrecementos de todas crases sexan en galego; qu’os anuncios, os xornás, toda folla imprentada, esteñan en galego. Falemos galego n’a casa, n’a rúa, n’o círuclo; esquirbamos ôs parentes, os amigos, ôs comerzos en galego.
Acougade, hirmáns, e non rifemos sin causa. Somos hirmáns. C’o tempo, xa virán as uvas a maduro.
“Cuaderns d’estudi”
“Ollando a Cataluña” é o antetítulo deste título en
catalán que aparece no nº 103 de ANT (25
de outubro de 1919).
Santos Vila fala neste artigo da revista Quaderns d’estudi, editada en Barcelona
e que se reparte de balde entre todos os mestres de Cataluña. O autor glosa o
contido fundamental dos catro números que posúe e informa sobre a súa orientación de
renovación pedagóxica, lamentando que en Galicia non suceda algo similar:
Cando nós conqueriremos a forcia económica necesaria pra faguel-o mesmo! Cando desenrolaremos no pobo o sentimento patrio, o nazonalista, o d’a dinidá racial que nos permita unha aución cultural semellante? Ouh, catalás!
“Deus e o noso
idioma”
Publícase no nº 118 de ANT, o 25 de abril de 1920. A partir dunha anécdota que sitúa nun pazo do Ribeiro, o
autor reflexiona sobre o absurdo que é que a xente galegofalante renuncie ó seu
idioma para rezar.
Afirma que ese
abandono do idioma propio é incluso unha ofensa a Deus, un pecado no sentido
relixioso do termo, xa que Deus apreza a verdade, a autenticidade da persoa, os
sentimentos afectivos máis íntimos.
Eu me pergunto por que se reza en castelán n’as aldeias, donde se fala decote en galego, e non dou con razós ningunhas, e soilo alcontro causas pelengrinas e abafantes. Son as mesmas que van desleigando, desnaturalizando e castelanizando as nosas vilas e cibdades; son o rexime políteca d’a Hespaña, a hexemonía irritante i hestórica d’unha rexión d’a Iberia e o descoñecemento d’os nosos propeos valores ô fitar de cotío pr’os d’o Berzo pra aló.
“Follas secas”
É un poema publicado
no dobre número de ANT correspondente ó 5 de novembro de 1920. Ó longo
do texto, describe detalladamente unha
paisaxe de outono para concluír dicindo que a melancolía propia dese ambiente
invade tamén o seu corazón.
“Xifras doentes”
Poema publicado no nº137 de ANT (31 de marzo de 1921). Desta
vez a voz poética sitúa a acción na primavera, pero mantense no personaxe a
mesma melancolía de poemas anteriores. A acción describe os sentimentos dun
home namorado que observa no toro dun castiñeiro o nome da muller amada, que
tempo atrás gravara coa esperanza de que ela chegase a velo. Pero ela nunca soubo dese feito, así que aquelas
letras carecen de sentido para quen repare nelas.
“As primeiras neves”
Neste poema, publicado no nº 143 de ANT (1 de xullo de
1921), a voz poética rebélase contra os primeiros indicios da vellez ó
observarse reflectido nun espello.
O traxe galego
É o último artigo de Santos Vila en A Nosa Terra. Publicouse
no nº 185, o 15 de maio de 1923. Desta vez o autor critica o espírito folclórico
dunha exposición de traxes rexionais que vai ter lugar en Madrid, pero ó mesmo
tempo di que é necesario o evento para que se decaten de que a diversidade
cultural do Estado non se vai amalgamar nunha nova identidade por moito que o
intenten desde o poder central:
Isa proieutada esposición é nacesaria. É nacesaria para que os cegos e xordos de Madrí que non se asomaron á rialidá d’a Hespaña, por iso decadente, se procaten de que eisisten persoalidades carauterísticas, fisionomías propias, nacionalidás, espritos, culturas, civilizazóns, modalidades, idiosincracias raciales n-a mesma, que non é dado pertender uniformar, anular, asoballar, con pretestos imperialistas, con fins egoístas de hexemonías odiosas, con tópicos unionistas trabucados de melloramento social.
Remata o artigo pedindo que os galegos
rescaten o uso do traxe rexional con orgullo, fachenda e dignidade, non como se
ve de cando en vez nas vilas e cidades, só en corpos de gaiteiros, de actores
de teatro bufo ou dalgunha autoridade, porque tamén “séculos de asoballamento centralista acabaron c’a xeometría xenuína d’os
nosos xastres”.
OUTROS DATOS
Aí rematan as colaboracións de Ángel Santos Vila en A Nosa
Terra. Non sabemos que sería dos seus destinos a partir desta data (1923) e,
sobre todo, co asentamento da ditadura franquista despois do golpe de estado do
36.
Relación de colaboracións de A. Santos Vila en A Nosa Terra. |
Facendo algunhas pescudas en internet atopámos varias
alusións a Ángel Santos Vila. Tendo en conta as datas e os datos, damos por suposto que se trata da mesma persoa,
aínda que non temos a certeza.
Aparece como autor do libro Por la raza. Para ser sanos y fuertes, publicado en Burgos en 1922,
que acabou sendo prohibido nas escolas de Asturias en 1937 polas súas propostas euxenéticas.
En 1933, no libro Escalafones del Magisterio, figura un
Ángel Santos Vila, nacido en Lugo o 9 de xullo de 1891. Infórmase de que foi
Premio extraordinario e figura no primeiro escalafón de mestres de escolas
nacionais.
O 28 de marzo de 1954 publícase no BOE a resolución favorable dun recurso promovido por Ángel Santos Vila contra a Orde da Dirección General
de Enseñanza, do 16 de maio de 1951, pola cal se lle facían descontos no seu
salario a favor da “Institución de Huérfanos del Magisterio”.
Máis recentemente, atopamos en El Progreso un artigo asinado por José de Cora no cal fala con detalle de Generosa Moreno, viúva do mestre Ángel
Santos Vila. Polo contido do mesmo sabemos, entre outros datos, que Santos Vila faleceu en
Sacramento o 4 de xaneiro de 1966 e que ese mesmo ano constituíuse unha
Fundación co seu nome.
Buscando,
buscando... seguramente se pode dar con máis datos deste interesante mestre que
formou parte da irmandade galeguista de Ribadeo, pero un xa vai indo canso e é
a hora da merenda.
ENGADIDO [7/02/20]:
Despois de redactarmos e publicar esta entrada, soubemos da existencia do poeta Adolfo Santos Vila, nado o 27 de novembro de 1899 en Poboa de Trives e falecido o 15 de setembro de 1928 ó guindarse desde a ponte que une Petín con A Rúa, concello onde levaba tres meses como Director da Banca Barrie.
Como dicimos, Adolfo Santos Vila era poeta, polo existe a posibilidade de que algúns dos textos que citamos, asinados como "A. Santos Vila", sexa da súa autoría e non de "Ángel Santos Vila". Con todo, non o consideramos probable porque Ángel Santos Vila é inequivocamente o autor dalgún dos textos e no índice de A Nosa Terra atribúenlle a mesma autoría a todas as colaboracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario