Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.5.07

Tópicos sobre a lingua galega - III: As imposicións e o impoñedores

A SERIE EMPEZA AQUÍ
“Agora impónsenos o galego á forza a todos. Eu o que non acepto é que mo impoñan

Os “impoñedores” ―ou debería chamarlles “impostores”― fanme moita gracia. E como me caen simpáticos, voulles propoñer un exercicio moi sinxeliño. Trátase de contestar SI ou NON a cada unha das seguintes preguntas:
GALEGO:
1- É lingua propia?
2- É lingua oficial?
3- Temos o deber de sabelo?
4- Temos dereito a usalo?

CASTELÁN:
5- É lingua propia?
6- É lingua oficial?
7- Temos o deber de sabelo?
8- Temos dereito a usalo?

E para que lles resulte máis doado, voulles dicir onde están as respostas, resaltando as palabras clave:

Constitución Española (1978)1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho de usarla.
2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades de acuerdo con sus Estatutos
3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección.

Estatuto de Autonomía de Galicia (1980)1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso nor­mal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do gale­go en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
Lei de Normalización Lingüística (1983) Redacción actual.
Art. 1º.
― O galego é a lingua propia de Galicia.
― Tódolos galegos teñen o dereito de usalo.


Se o exercicio se fixo ben, e supoño que si, observarase que só o galego é a lingua propia de Galicia, e que o castelán, a pesar de non ser propio, tamén é oficial. Non pasa nada; tamén as patacas viñeron de fóra e ben que nos gustan.
Volvendo ó rego: temos dereito a usar o galego ou o castelán indistintamente. Perfecto. Ah!, pero só temos o deber de coñecer o castelán; o galego, non, porque así se establece na Constitución.
E esa tolerancia lingüística da que tanto se fala, non aparece desta vez: cando na primeira redacción da Lei de Normalización Lingüística (1983) se lles deu por establecer que os galegos tiñan o deber de coñecer o seu idioma, este apartado declarouse inconstitucional e houbo que suprimilo. A redacción inicial dicía así:

Lei de Normalización Lingüística (1983)Art. 1º.
― O galego é a lingua propia de Galicia.
― Tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo.

Pero houbo que modificala e deixala como a citamos máis arriba. Ou sexa, a única lingua propia de Galicia é o galego e, se queremos, podemos usalo. Pero obrigados, o que se di obrigados, só estamos a saber castelán.

Imposición do galego?
Está ben que haxa patacas, pero non que teñamos que comelas á forza! O único idioma que a todos se nos impón é o castelán, porque así está establecido na Constitución. Os impoñedores xa saben contra quen teñen que escornarse.
CONTINUACIÓN

               NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.