Joselu é o futbolista de moda nos últimos meses: debutou coa selección española, marcou goles importantes, fichou polo Madrid...
Foto: Faro de Vigo |
Joselu Mato naceu en Alemaña pero criouse en Silleda. Nese noso concello deulle as primeiras patadas ó balón e tamén tocaba o clarinete na Escola Municipal de Música. Daquela era Triana para todos. O Director seica lle dixo un día: "Deixa o balón e aplícate á música, que do fútbol non vas vivir". Xa se ve que tiña bo ollo.
Joselu axiña fichou polo Celta e despois por varios equipos de España, Inglaterra e Alemaña. Estivo moitos anos a un bo nivel polo mundo adiante, pero o éxito indiscutible tardou algo en chegar. Nos dous últimos xa non houbo dúbida da súa calidade: no Alavés e no Español converteuse nun dos futbolistas máis rendibles. Goles desde a humildade.
En Silleda celebraron os seus éxitos e decidiron honralo: engadíronlle o seu nome ó campo de fútbol, que agora se chama Estadio do Outeiriño Joselu Mato, e os da Escola de Música dedicáronlle unha sentida homenaxe.
Nese acto, alguén de Silleda fixo de speaker e falou todo, todiño en castelán. Despois colleu o micro Joselu, que naceu en Alemaña e leva anos vivindo en lugares distintos de España, de Alemaña e de Inglaterra e falou como falaba de pequeno: en galego.
Outro gol de Joselu que celebramos desde a distancia, de paso que lle desexamos que anote moitos máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario