Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.4.13

Escraches en Castropol, hai cen anos



A min non me gustan os escraches, aínda que entendo a inciativa como reacción desesperada, porque peor ca que a un o vaian apupar á casa é non ter casa na que ser apupado.

Tampouco me gusta o nome. Non sei quen inventou palabra tan fea podendo chamarlle, por exemplo, fanfarria ou fanfarra, que dos dous xeitos se denomina unha algarada pacífica, acompañada de cánticos e instrumentos musicais ruidosos, montada para estorbar ou meterlle medo a alguén.

Disque a palabra é cousa de arxentinos. Aínda me custa crelo, co elegantes que son falando. Non hai máis que oír a Jorge Valdano, que é capaz de venderlle un coxo ó Real Madrid sen quitar o sorriso da boca nin erguer a voz. Ben pensado, fanfarria tampouco é nome moi bonito.

O nome será arxentino e dos anos 90, pero que non pensen os políticos que os escraches son cousa tan nova. Por Castropol algún xa perdía o sono hai cen anos pola mesma causa, e poeta houbo que deixou constancia para a historia:

(Castropol, nº 247. 20 de xaneiro de 1912)

        ¡CORAXUDOS!

  Xa se deitara temblando,
despertou despavorido,
as doce daba el reló,
e escuitou...
  —Eí tan —se dixo—;
veñan os guardias al punto,
el fusil traigan consigo,
disparen, maten e collan
e á cárcel los leven vivos.
  No me deixan descansar,
vaia al deño el ser político.
  —¿Que teis?—lle dice a muller—.
  —¿Pois tu non sintes el ruído?  
  —¿Que ruído? Debes soñar.
  —¡Soñarei! Sonan os chifros,
  —Anda, que son as orellas.
  —¡Ojalá! Son esos pillos.
  —Mira, dorme, non delires.
  —¿Pois, que hai nestos ouguidos?
  —Fácil he de adiviñar:
el medo que teis contigo.
                                                   FARRUCO

Como vedes, sigo coa prensa especializada...

3.4.13

Virxilio Viéitez, imaxes daquel tempo

FOTO: VIRXILIO VIÉITEZ
Fálame Tomás, emocionado, da exposición de fotos de Virxilio Viéitez en Madrid. Gustaríame poder dicir, tendo en conta as idades, “este retratoume de pequeniño”, pero o certo é que non son consciente de saber da súa existencia ata hai uns anos, cando tivo certa repercusión na prensa o éxito da súa presenza nunha boa galería de París. Non coñezo del máis ca uns cantos retratos que foron saíndo nos medios, pero celebro o recoñecemento que se lle está outorgando.

Se cadra tamén é porque vexo nalgunhas das súas instantáneas mundos que vivín de pequeno, miradas anónimas que me son amigas; pero creo que celebro o seu éxito e que lle poña a carne de pita ós que visitan o evento, principalmente, porque é da Terra de Montes e esperta en min emocións de tempos idos.

A Terra de Montes é para min infancia en Aciveiro cada 8 de setembro e adolescencia primeira en Soutelo e Forcarei, e en toda a contorna. Houbo un tempo no que tirabamos cara a alá. Subiamos as curvas do Penadoiro e axiña aparecía ante nós o mosteiro, que explorei por horas cando estaba feito un pardiñeiro. Corrín detrás do balón no prado do cura e no campo da recta do 70 -chamábaselle así polo punto quilométrico-. Tamén xoguei trofeos de verán no campo de  Forcarei, que xa era cousa seria porque era plano, ben rectangular, e tiña porterías regulamentarias. Corrín diante dun enxame de abellas en Vilapouca. Vin correr coellos e perdices diante do coche, de madrugada. Malbailei a Miguel Ríos e a tantos outros na Paraíso e na Montes, cun cubata na man, de tipo duro, e A saia da Carolina en verbenas da contorna. Xantei marisco a embute no París e churrascadas en Soutelo. E rin, rin moito. Axexei nas festas mozoulas do campamento da Freixa, se as deixaban ir, e as emigrantes que volvían no verán e no Nadal de Andorra e de Suíza. Notábanse ben as temporadas. ...Ai, os ollos! É que a Terra de Montes é tamén, e se cadra por encima de todo, paisaxe: petoulos grises de granito emerxendo por encima das toxeiras amarelas de chorima cando toca, antes foron os malvas das carpazas e das uces. Verde, sempre. Por veces negro dos incendios, que entran tamén polo nariz. Levo na alma o cheiro do chamusco, as imaxes dos serróns de lume arrasando nas ladeiras, as laparidas na noite, os guizos no medio da borralla, e o panasco que vai furando na candieira para que comece outra vez o ciclo da vida.

Aciveiro, Millerada, Dúas Igrexas, Vilapouca, Soutelo, O Cachafeiro, A Portela de Lamas, Folgoso, Sabucedo, Forcarei, ... espazos compartidos. Se cadra non foron moitas veces, pero decátome de que quedaron gravados a ferro na miña memoria dos sentidos e das emocións, que agora espertan desde lonxe os ollares de Virxilio, o retratista de Soutelo. 

2.4.13

Os meus días e outro meu bar

O meu emporio empresarial segue medrando. Despois de A MIÑA BEBIDA, A MIÑA ORQUESTRA, O MEU BAR, A MIÑA ZAPATARÍA, A MIÑA TASCA, A MIÑA VILA, OS COSTUMES DOS MEUS CAMPURRIANOS, A MIÑA TORRE, etc., etc. etc. (ver marxe dereita do blog), agora tócalle a OS MEUS DÍAS, que van ter especial difusión, xa que se emitirán na TVG.
OS MEUS DÍAS
E de paso, outro MEU BAR (e van non sei cantos), onde o celtismo se vive intensamente:
O MEU BAR

23.3.13

Poesía galega en "Puerto de Vega"

PUERTO DE VEGA (ASTURIAS)
Pasou o 21 de marzo, que seica é o día mundial da poesía. Xa sabemos que son malos tempos para a lírica, pero a un sempre lle gusta atopar bocanadas de aire fresco, aínda que sexa en tempos pasados.

A prensa actual é ben pouco motivadora: xa levamos unha semana co mesmo Papa e, non podendo apampar mirando de que color é o fume das chemineas, un non atopa nada en que matar as horas. Xa podían cambiar outra vez! O resto aburre, ofende ou indigna.

Se cadra é por iso que enredo mergullándome en publicacións doutros tempos, como ben notaría quen siga o blog ultimamente. E ás veces atopo lírica viva onde menos contaba:

CANDO: 19 de marzo de 1921. 

ONDE: "A Veiga", precioso sitio do occidente asturiano, próximo ó río Frexulfe, onde Xoán Babarro situou os lindeiros do galego.

QUE: Velada infantil na que un par de nenos deleitan o público cun poema en galego:
También deleitó gratamente al público el graciosísimo poema en gallego recitado por simpática pareja infantil "O miñato e mais a pomba", con lo que finalizó tan hermosa velada



Castropol, nº 575, 30 de marzo de 1921

Nenos recitando poesía en galego en "Puerto de Vega"... Que tempos!


18.3.13

Madeus!



CHATARRA DIVINA QUE TANIA ATOPOU EN SANTA SUSANA

Sorprendámonos, blasfememos!, que as circunstancias ben o permiten, pero fagámolo con xeito: en galego.

Teño oído que, cando de blasfemias relixiosas se trata, usamos o castelán porque o galego nunca foi lingua da Igrexa, nin para o bo nin para o malo, nin para o rezo nin para a blasfemia. Non faltará razón: ás veces desfila medio santoral en procesión, cos seus superiores incluídos, e ninguén di Deus ou Virxe, senón Dios e Virgen, aínda que se fale en galego.

O mesmo que o galego non se usou tradicionalmente para rezos nin para blasfemias, tampouco se utiliza para expresións exclamativas de carácter relixioso que indiquen asombro, sorpresa ou similares.

NOTA SOBRE A PUBLICACIÓN
DE AMARGURAS DUN VIAXE
Por iso me chamou a atención atopar repetidamente a expresión Madeus! nos textos poéticos de FARRUCO, pseudónimo co que Ramón García González publicou tres ou catro ducias de poemas na prensa local, nas primeiras décadas do século pasado. Ademais, tamén é autor dun libro, Amarguras dun viaxe, publicado en 1920.

Usaba unha linguaxe moi achegada á fala popular da súa zona, o occidente de Asturias, incluídos os vulgarismos, castelanismos e dialectalismos; así que imaxino que ese elemento tan seu tamén estaba presente na fala da xente que o rodeaba.  

Que eu saiba, o termo non aparece nos dicionarios de galego elaborados en Galicia, pero recóllese no Vocabulario del bable de occidente de Bernardo Acevedo Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, e dáselle o seguinte significado: 
Madeus: Juramento de poca importancia. Cfr. cast. ant. madios, equivalente al `ma-dia’ de los griegos. Ús. de Valdés al Eo. V. madezas A.F.
A min madeus paréceme unha contracción de Madre de Deus!, pero madezas, expresión que se dá como equivalente, explícase como “¡Como hay Dios!”. Se cadra tamén madeus procede de aí: coMo hAi DEUS!. Non o sei. En calquera caso, eu deixo aquí a expresión, para que saia no GOOGLE mentres non sae no CORGA.

E tamén reproduzo algúns exemplos tomados dos textos de FARRUCO (Por similitude, podémolos ler escoitando a Madredeus):


1- Augurio
(...)
- ¿Y que van faguer os vellos?
- ¿Que van faguer? Pois tá claro:
morrer tamén ¿non é tempo?
- É, madeus. Aunque...
(...)

2- A pulga
(...)
A pulga non se descuida,
aquí y alí fina clava
el aguillón, y en sorber,
madeus si entende de pausas,
pero Florencio, que é home
a quen non sentan as chanzas
 (...)

3- A compota
(...)
Os vapores que da ola
fartos de olor se escapaban,
al refregarlle a nariz.
enternecíanlle a entraña,
e iba sentindo un afecto
hacia a cazola, y tan rara
atracción, que as maus, madeus,
si nos bolsos se lle aguantan.

4- Os dous anos
(...)
¿Y que queredes? ¡Madeus,
si a min tamén non me chifra!
Tomou un couso na mau,
apretou... ¡Non sei que diga!
¡Pois non saliu un conexo
dando el focín y as patías!
Tomou outro ¡un galo hermoso!
Outro despois ¡y unha pita!
Madeus, aquelo era cousa
ben de encanto ou bruxeiría. (...)

5- Bon ano
(...)
que se apilen nel caxón
muitos billetes de Banco.
¿ Y con esto, xa, madeus,
se pode pasar bon ano! (...)

6- ¡Poder de vicio!
Tía prisa, Xuaquina, aquela tarde;
madeus que tía prisa, no acougaba. (...)

7- El trasno
(...)
- Cala á boca; cada vez que me acordo, nena, temblo,
porque che era un trasnazo coma un oso,
y os dedazos, madeus, eran de ferro.

8- Como ayer
Nin el cavaba, nin ela, unha vez
tomaba de entre os dedos a calceta;
sempre andaban del brazo, sempre ociosos,
empapados nel goce das bellezas.
¡Madeus, era demais! Pero entre aquelos
encantos, non falataba a súa treta. (...)

9-  Queren?
(...)
Ademais; as bocas de anos
cailles mal, madeus, a risa:
melas y melas amostran
y a veces, vaya, xa pingan.

10- Unha pregunta
(...)
Pero agora ¿a que familia
pertenecen esos Pablos?
¿Aus que se chaman católicos?
¡Pois, madeus, que son dos prácticos!


11.3.13

Rosalía e Bernardo Acevedo Huelves

BERNARDO ACEVEDO HUELVES

Febreiro xa se foi e con el unha morea de actos en homenaxe a Rosalía, co gallo do seu nacemento.

Eu quero unirme humildemente á festa reproducindo un poema en asturiano de Bernardo Acevedo Huelves porque vexo nel versos e ideas que me parecen debedores dalgúns que Rosalía publicou en Cantares e dalgún texto de Murguía no cal, coma neste caso, tamén botou man da pureza e das orixes da lingua con argumentos algo febles. Xa se sabe que o entusiasmo patriótico non sempre vai axugado co rigor filolóxico.

Os Cantares de Rosalía son ben coñecidos, así que non os reproduzo. En canto a Murguía, refírome a este fragmento:
El dialecto gallego es uno de los que España conserva más puro su origen latino, y en el cual se advierte a cada paso las huellas poderosas de los antiguos idiomas célticos, que se hablaban en Galicia antes y durante la dominación romana. A poco que se observe, nótase que sus voces, en la mayor parte, son débil corrupción del latín, sin que se vean en el gallego, como sucede en el castellano, esas ásperas palabras que ha tomado del árabe como símbolo de su pasada servidumbre. Formose el gallego antes que el castellano, y llegó también a su perfección antes que éste. Es su padre, como lo es del portugués, ejemplo vivo de lo que podía llegar a ser el gallego, si en vez de corromperse y viciarse con voces y giros castellanos, hubiese aspirado a su perfección y sido un idioma nacional. (Murguía, 1868)

Que Marta Rivera de la Cruz, que seica sabe moito do asunto, me corrixa se me equivoco, pero eu vexo relación entre as fontes indicadas e este poema de Bernardo Acevedo que deixo aquí enteiro. Atopeino co título de “Joyas del bable” no número 149 de Ecos vegadenses (outono de 1930), pero tamén aparece como “Loanza del bable” na Antoloxía de poetas asturianos de Pedro G. Arias:

 I
...
Gústesme porque yes pobre,
tan probina como vieya,
fabla dulce de mió Asturies,
encanto de la mió tierra.

Gústesme porque, humildica,
como l’homilde violeta,
que non piensa’n ser carbayu
nin pino, nin clavelera,
vives como fai mil años
escondida nas aldeas,
sin apetecer les gales
nin codiciar la riqueza,
de tou fiu ‘l castillano
que t’escarnez y desprecia.

II
¡Tu fiu!... ¡Medrau ‘stá
esi ‘ngratu en fachenda!
Fosi muchos años fa
de la quintana u naciera,
y con dotores y sabios
trabó amistá notra tierra;
y ¡mal añu! Inchose tanto
de vanidá y de soberbia
que non quier llamte má
el mazcayu, por vergüenza…
como si non foeses tú,
anque probe u anque vieya,
cien veces más noble qu’il
y que toán la Cademia.

III
Dicen qu’está rica… ¡al diañu
doi toa su riqueza!
Robote las gargantilles
que tien, llatines y griegas;
cuando tú matabes moros
con foces, palos y piedras,
deprendía el sol lladríos
p adir lladrando a Castiella;
más tarde garró goxaes
de xirigonza francesa
y ahí lu tienes, que non sabe
de u ye, ni aonde se alcuentra.
Quien lu arrepare non diz
que tal madre’n ti tuviera,
porqu’il ye mar cenagosu
traidor y amargu’n concencia,
y tú yes regatu mansu
de corriente clara y fresca,
onde se miren les flores
y los anlabos s’espeyan
y onde texe filos d’oro
la xana zaragatera

IV
¡Que lu fala Castelar
y que Cervantes lu enseña!
¿Y qué? ¿Por eso ye bono
el castillán?... ¡Ya quisiera!
Cervantes y Castelar
falarin faciendo señas,
que lo grande de lus dos
non ye’l verbo, ye la idea;
y anqu’sto non fora ensina,
tanto illos más grandes fueran
si su pensar engrazasen
en la fabla de mió tierra
balndina, dulce, sabrosa
como la miel de l’abeya.
Facer una gran estauta
teniendo gran ferramienta
non ye, pa Dios nin pal mundo,
nin nunca fo, una gran cencia;
el mérito’stá en que salga
con una navaya vieya,
y salen porque lo dicen
nel “NIño enfermo” Caveda,
nel “Cantar”… Xuan Aceval,
na “Danza” Tiudro Cuesta;
Tiudoru, esi namoradu
del bable, esi gran poeta
que tien más premios ganaos
qu’ hay en el cielo d’estrellas.

V
Non, castillanos, non; mi alma
por más que i deis cien vueltas,
vuestra llengua fiede a moro,
y a cucho francés apiesta,
mientras q’ al vieyu llatín
sólo arreciende la nuestra.
¡Ay! si como ye de pura
tuvies un pouco de fuerza,
s’irguiés y se cepillara
vistiéndose a la moderna,
sería riu caudalosu
d’agua trasparente y fresca
y non se trocara nunca
en jamás por otra llengua,
El castillano ¿qué ye?
¡Don Naide Mucha-fachenda!
Que güelva a Francia el francés
que se metió por Castiella,
y al moro güelva lo moro,
y el inglés a Inglaterra;
que quede’ strañu l’strañu,
¡y a ver, dempués, que i queda!

VI
Quiérote, bable, y no sé
remediar esta querencia;
quiérote porque yes probre...
Siempre mi atrae la probeza
cuando ye, como tú, suave
y sencillina y meiguera.
      BERNARDO ACEVEDO

3.3.13

Campanónimos

Para Luz, que sabe de nomes o que o demo ignora.

Como as malas compañías sempre acaban influíndo, aínda sen saber moito de onomástica, téñome preocupado algo polos nomes da zona onde respiro:

Houbo tempos nos que poñía o alumnado a investigar sobre os seus antropónimos, topónimos, zooónimos, oikónimos, apotecónimos e supoño que algún outro -ónimo que agora non lembro. Un día, de paso que me vendía peixe,  tamén me contou Secundino información valiosa sobre os nomes do mar de por aquí. Eu pensaba que no mar estaba feita a parcelaria e que todo era unha leira, e resulta que cada zona chámase dun xeito. Seica son talasónimos estes nomes.

Pero nunca se me pasou pola cabeza preocuparme polos nomes das campás que vexo agora mesmo só con apartar a cabeza do monitor e virala algo á esquerda, e hai uns días descubrín que están bautizadas desde hai case cen anos. Reproduzo o texto da fonte:
En la inmediata villa de Ribadeo se encuentran colocadas ya en la torre de la parroquial dos magníficas campanas fabricadas en los talleres de fundición que en Carabanchel Bajo (Madrid) tiene don Constantino Linares. Tienen dichas campanas un agradable timbre, siendo su peso de 50 arrobas una y de 40 otra, y se les puso por nombre "Santa María del Campo" a una y "Bárbara" a otra, nombres que corresponden a la patrona de la parroquia el primero y a la abogada de las tormentas el segundo.      
 (Castropol, nº 328, 10 de maio de 1914) 

25.2.13

Tempos de facer que se fai


Andamos de novo a voltas co decreto 79/2010, mal chamado Decreto para o plurilingüísmo. O TSXG invalidou algúns dos seus artigos e a Xunta non acaba de dicir publicamente se vai presentar recurso ante o Supremo ou se vai acatar as sentenzas. Soa a ameaza maliciosa: "Ou tragas unha cunca de aceite de bacallau ou che meto catro pola andorga". Mira, fai o que queiras, que total xa tanto ten, xa estamos coa boca aberta cara ó ceo coma os paxariños no niño, esperando a que nos metan dentro o que sexa.

A verdade é que pouco máis ten. O mal xa está feito, o mal foi toda a campaña de insidias e mentiras relacionadas co idioma que desde a oposición espallaron en tempos do bipartito os que agora mandan. Aínda lembro a cara  circunspecta de Feijoo dicíndolle a Jiménez Losantos, que non tardou moito en chamarlle "pardillo", que en Galicia había centros de ensino onde os alumnos só podían falar castelán no recreo. Aínda hoxe estamos esperando a que diga o nome dun só centro onde pasase tal cousa. Daquela chapodaron a póla da dignidade que empezaba a abrollar e nunca máis retoñou.

Digan o que digan os tribunais, o decreto é unha trapallada. Fíxose a mala fe e encima non o cumpre nin a propia Consellería, que invade o repositorio do espazo Abalar de materiais en castelán incluso para materias que deben impartirse en galego.

Claro que o ensino seica non importa moito: tanto Anxo Lorenzo antes coma Valentín García agora teñen manifestado en máis dunha ocasión que hai outros ámbitos nos que se pode incidir con máis eficiencia. Vaia por diante que nada persoal teño contra ningún deles e que todas as referencias que oio de quen os coñece é que son boas persoas, pero que lles tocou, e asumiron, tempos de facer que se fai. Claro que si; o que deberían explicar entón é porque fixeron depender de novo a política lingüística da Consellería de Educación e non de Presidencia, como na etapa anterior, para darlle máis transversalidade. Pero colguen de onde colguen, tamén han de recoñecer que o seu razoamento moi sólido non é. É como se un vai ó médico porque ten unha doenza e lle din que iso non é moi importante porque ten moitos outros órganos.

Seica no ensino se producen só o 4% dos cambios lingüísticos. É que no ensino moi poucas cousas se ven a curto prazo; no ensino seméntase, e non precisamente unha planta de crecemento rápido. No ensino séntanse bases que no futuro determinan comportamentos e actitudes, ou polo menos iso se pretende, e non deberían botar ó río a sementeira.


16.2.13

Asturias acaba no Nalón

Eh, eh...!, gardade as pedras que tedes para acantazarme que non son eu quen digo tal cousa. Iso de que "Asturias acaba no Nalón" é simplemente o título dun artigo que a escritora e xornalista de Coaña Eva Canel publicou na revista Asturias, da Habana, e que reproduciu o Castropol do 10 de novembro de 1916.

Creo que o artigo é ben interesante para reflexionar sobre a fronteira lingüística entre Galicia e Asturias e para a relación do galego coa lusofonía.

NOTA: Creo que se le mellor se premedes no enlace do Castropol e despois pasades páxina coa frechiña ca se intentades ler as imaxes que eu pego a continuación.



4.2.13

75 anos sen "Ecos vegadenses", un espazo para o galego no occidente de Asturias


Na segunda quincena de xaneiro cumpríronse 75 anos da saída á rúa do último número de Ecos Vegadenses. Era o 285, segundo anotación feita á man por Eustaquio Lago, director da publicación, sobre o 284 que figura impreso nun exemplar ó que tivemos acceso grazas á xenerosidade da súa filla Amparo, que conserva boa parte dos exemplares desta publicación quincenal, imposibles de atopar en ningún outro sitio.
O contexto
Os anos finais do XIX e os primeiros do XX foron vizosos para o xornalismo na Mariña oriental e no occidente de Asturias. En 1866 Don Norberto Cascante fundou en Ribadeo La Cuenca del Eo e, dous anos despois, El ciudadano, que apenas durou unhas semanas. Con eses dous precedentes, nas seguintes décadas foron xurdindo outras cabeceiras, de vida máis ou menos efémera: El Eo (1879-1880), Las Riberas del Eo (1881-1971), El Occidente de Asturias (1882-1896), Faro de Tapia (1898-1899), El porvenir asturiano (1903-1908), Castropol (1905-1925), El Agricultor (1907-1916), El Ribadense (1909-?), El Avance Asturiano (1911-12), El Río Navia (1913-1936), El Eco de Navia (1916-1930), La Semana Naviense (1913-?), Brisas del Eo (1916-1919), Juventud (1917), La Democracia (1919), La Argallada (1917-1924), La Comarca del Eo (1919-), Vida Boalense (1925-?), El Aldeano (1929-1933), El Franco (1931-?), Horizontes (1932), El Radical del Eo (1932-?), Atalaya (1933-?) e algún outro que seguramente descoñecemos. O número aumentaría se ampliásemos un pouco máis o ámbito territorial, incluíndo Mondoñedo e Foz.
Os artífices
Desde a desaparición de Brisas del Eo, na Veiga non saía á rúa ningunha cabeceira e dous mozos inquedos non quixeron que a vila estivese máis tempo sen un medio de comunicación propio. Así naceu Ecos Vegadenses, subtitulado periódico quincenal independente, que puxo na rúa o seu primeiro número o 1 de marzo de 1924. Os artífices foron Álvaro Fernández Suárez, nacido só dezasete anos antes a uns centos de metros, na beira galega da ría, e Eustaquio Lago Galán, dez anos máis vello, que acabara sendo reloxeiro por herdade familiar pero que sempre tivo unha clara vocación artística. O primeiro, que acabou tendo unha meritoria carreira como escritor, marchou para Madrid ó pouco tempo de saír o xornal para continuar cos seus estudos, así que a publicación quedou baixo responsabilidade única de Eustaquio Lago.
A familia Lago procedía de Riotorto. Pódese dicir que eran dunha casa acomodada, para os tempos que corrían. O pai de Eustaquio descubrira o gusto e as súas habilidades para amañar reloxos sendo estudante no seminario de Mondoñedo, nun establecemento próximo ó que acudía no seu tempo libre. Aquela aprendizaxe afeccionada acabou por ser o seu medio de vida, xa que co tempo abriu na Veiga a reloxería que aínda existe e que agora rexenta un neto.
Eustaquio Lago
Como era habitual na época, o matrimonio tivo moitos fillos e a emigración foi o camiño para algún deles. Así acabou Eustaquio Lago en Bos Aires, con só dezaseis anos, onde manifestou e tratou de formar unha vea artística que sempre mantivo e que lle daría, ó seu regreso, certo nome como pintor, debuxante e autor de talla e gravado. Pero o clima porteño non lle foi saudable, enfermou e iso provocou a súa volta á terra. Contaba que sandara nada máis ver o Cantábrico e, certamente, a saúde acompañouno, xa que faleceu xusto o día no que cumpría 95 anos, o 20 de xaneiro de 1992.
O xornal
Inicialmente, o xornal editábase en Ribadeo, e a partir de 1926 na imprenta Mancebo de Mondoñedo. O formato do primeiro número era de 32 x 44 centímetros, pero xa no segundo pasou a 35 x 50, aínda que anos despois volveu ás dimensións iniciais. Tamén variou a extensión: a maior parte dos números son de catro páxinas, pero houbo etapas de oito e ocasionalmente chegou a doce.
Coma outros xornais de ámbito local, Ecos Vegadenses foi testemuña e deu conta da actualidade máis próxima e tamén das circunstancias históricas que acabaron levando ó golpe de estado de Franco e á guerra, así como dos primeiros anos da mesma. No primeiro número podemos ler unha declaración de intencións: “En estas columnas hallará libre columna todo justo anhelo, toda queja, toda demanda razonada”.
Había información regular da zona e tiña corresponsalías estables en varios lugares do occidente de Asturias e da Mariña oriental. A polémica polo trazado do ferrocarril Ferrol-Xixón, que encheu moitas páxinas da prensa de toda a ría naquelas décadas, estivo presente en varios números, reclamando o seu paso por Porto, como así acabou sendo, mentres que no Castropol e en El ribadense defenderan o paso desde Ribadeo a Castropol, máis ou menos, á altura dos cemiterios das dúas localidades. O articulismo costumista propio da época ocupou bastante espazo, pero tamén a novela folletinesca e outros textos literarios. Tamén o fútbol ou foot-ball, como aparece encabezada a sección nalgún número, tivo espazo case fixo no xornal. Non imaxinaba daquela Eustaquio Lago que unhas décadas despois o seu neto Pablo acabaría sendo futbolista de primeira división. Contan que xa o avó gababa as habilidades co balón que lle vía ó neto cando peloteaban na horta.
O contido completábase con publicidade e con esquelas, que con certa frecuencia ocupaban toda a portada. A partir de 1936, como era obriga, son frecuentes os panexíricos do Caudillo e da súa cruzada, tanto en prosa como en verso. Non son raros os exemplos de artigos que se publican simultaneamente en varios xornais e en lugar preferente. Así, por exemplo, no penúltimo número de Ecos Vegadenses atopamos na portada o artigo “La falange es católica”, asinada polo presbítero J. Rodríguez Fernández, que tamén se publicou na portada de Las Riberas del Eo nas mesmas datas.
O xornal repartíase na zona e tamén se enviaba a outros lugares do Estado e a Sudamérica, onde tiña varios subscritores. Mantivo o mesmo prezo durante toda a súa andaina: 20 céntimos cada número solto, 1 peseta por trimestre para os subscritores e 8,50 cada ano se se remitía ó estranxeiro. Era un custe inferior ó doutros xornais similares, como o Castropol ou Las Riberas del Eo.
Lingua e literatura
O idioma do xornal era maioritariamente o castelán, pero tamén había sitio para o galego. Xa na portada do primeiro número atopamos un poema en galego de Antolín Santos Mediante, poeta e mestre taramundés que foi colaborador habitual dos Ecos Vegadenses. En moitos números figuran os seus poemas en galego, incluso en 1937, e tamén artigos en castelán. Unhas veces asinaba co seu nome e outras botando man de pseudónimos: PAZPALLAR, AESEEME, Laureano Irimia, Un padre de familia católico, Un feligrés, ... Varios deles xa os desvelou Xoán Babarro, que estudou e editou a súa obra, e algún outro podemos descubrilo agora xa que a carón dos pseudónimos, en varios dos exemplares que consultamos figura o que debemos supoñer como nome verdadeiro do autor, escrito á man por Eustaquio Lago. No xornal tamén se celebra o éxito de Santos Mediante na Festa da Poesía Galega, organizada en Lugo polo San Froilán, onde lle concederon o premio ó mellor poema en galego polo seu texto “A un moiño desfeito”.
Ademais, atopamos poemas en galego de Nan de Allariz, de Conrado Villar Loza, de Federico Magadán e de Fernán Alba, pseudónimo de Álvaro Fernández Suárez, cofundador do quincenario. Deste autor publícase tamén nos comezos do xornal a novela por entregas Elena, en castelán.
En prosa, hai artigos en galego de Herminio García Allande e do propio Eustaquio Lago, que asinou co pseudónimo de Un home da caye del sur unha serie de textos, a xeito de cartas entre dous amigos, nos que repasa con humor algúns temas de actualidade local. A maiores, atopamos pequenos fragmentos en galego en artigos redactados en castelán, cando se trata de reproducir palabras textuais dos labregos.
Ecos Vegadenses recolle tamén textos con vocación de asturianidade. En concreto, hai varias series de copliñas populares que aparecen baixo o nome de Coplas asturianas e un poema de Bernardo Acevedo titulado Joyas del bable, que nos lembra a defensa que fai Rosalía do galego e de Galicia fronte a Castela nalgúns poemas de Cantares Gallegos: 
Non, castillanos, non; mi alma
por más que i-déis cien vueltas,
vuestra llengua fede a moro,
y a cuchu francés apiesta,
mientres q’al viellu llatín
sólo arreciende la nuestra.
 Tamén se inclúen varios textos costumistas en castelán cargados de trazos do asturiano, asinados por Adeflor, pseudónimo correspondente a Alfredo García García.
Remate
Coma toda empresa xornalística, non resultou doada a súa subsistencia desde a perspectiva económica, pero a pinga que colmou o vaso e provocou a súa desaparición foi un feito en principio intranscendente: como era frecuente nos xornais deste tipo, Ecos Vegadenses daba conta da chegada e partida de viaxeiros. Nun dos últimos números, informou da viaxe dunha autoridade local e cadrou que non contaba con permiso para facela. Non se saben as consecuencias que a descuberta da mesma tivo para o persoeiro, pero non deberon ser poucas, porque as súas presións contra o xornal foron tantas que na segunda quincena de xaneiro de 1938, Eustaquio Lago decidiu poñer fin a aquela empresa que o ocupara e ilusionara durante catorce anos.

24.1.13

E dará igual, ho!

Pasou hai dous días. Falaba eu co responsable dunha funeraria:
- E non terá por aí un B para poñer nun "Rivadeo" que está alí con V?
- E dará igual unha cousa cá outra, ho!
- Home, igual non dá. Ese V manca os ollos.
O tipo miroume coma quen mira un neno encaprichado. Foi indo cara as coroas e os ramos que rodeaban o féretro de meu pai e púxose a remexer por alí. Achegueime e ensineillo:
- É este. Encargárono os meus compañeiros de traballo.
Pensei que ía amañar o asunto, pero non foi así. Alí seguiu durante horas o ramo coa súa cinta IES DE RIVADEO, ata que marchamos. Aquel V sobreviviu toda a intensa nevada do martes, que deixou o Candán branco coma as montañas das postais que meu pai me mandaba desde Suíza naqueles vinte anos de emigración. Desde o cemiterio vese ben.

Eu non lle volvín dicir nada ó funerario, que non tiña o corpo para moitas lerias -e tivo sorte de que Tania non o coñecese-, pero agora que o penso entristéceme a súa insensibilidade e non quero nin pensar como valorará ese home o labor dos docentes que se esforzan cada día por conseguir que o seu alumnado use a lingua con corrección. É ben triste que dea igual unha cousa cá outra. Así nos vai.