Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.2.13

Tempos de facer que se fai


Andamos de novo a voltas co decreto 79/2010, mal chamado Decreto para o plurilingüísmo. O TSXG invalidou algúns dos seus artigos e a Xunta non acaba de dicir publicamente se vai presentar recurso ante o Supremo ou se vai acatar as sentenzas. Soa a ameaza maliciosa: "Ou tragas unha cunca de aceite de bacallau ou che meto catro pola andorga". Mira, fai o que queiras, que total xa tanto ten, xa estamos coa boca aberta cara ó ceo coma os paxariños no niño, esperando a que nos metan dentro o que sexa.

A verdade é que pouco máis ten. O mal xa está feito, o mal foi toda a campaña de insidias e mentiras relacionadas co idioma que desde a oposición espallaron en tempos do bipartito os que agora mandan. Aínda lembro a cara  circunspecta de Feijoo dicíndolle a Jiménez Losantos, que non tardou moito en chamarlle "pardillo", que en Galicia había centros de ensino onde os alumnos só podían falar castelán no recreo. Aínda hoxe estamos esperando a que diga o nome dun só centro onde pasase tal cousa. Daquela chapodaron a póla da dignidade que empezaba a abrollar e nunca máis retoñou.

Digan o que digan os tribunais, o decreto é unha trapallada. Fíxose a mala fe e encima non o cumpre nin a propia Consellería, que invade o repositorio do espazo Abalar de materiais en castelán incluso para materias que deben impartirse en galego.

Claro que o ensino seica non importa moito: tanto Anxo Lorenzo antes coma Valentín García agora teñen manifestado en máis dunha ocasión que hai outros ámbitos nos que se pode incidir con máis eficiencia. Vaia por diante que nada persoal teño contra ningún deles e que todas as referencias que oio de quen os coñece é que son boas persoas, pero que lles tocou, e asumiron, tempos de facer que se fai. Claro que si; o que deberían explicar entón é porque fixeron depender de novo a política lingüística da Consellería de Educación e non de Presidencia, como na etapa anterior, para darlle máis transversalidade. Pero colguen de onde colguen, tamén han de recoñecer que o seu razoamento moi sólido non é. É como se un vai ó médico porque ten unha doenza e lle din que iso non é moi importante porque ten moitos outros órganos.

Seica no ensino se producen só o 4% dos cambios lingüísticos. É que no ensino moi poucas cousas se ven a curto prazo; no ensino seméntase, e non precisamente unha planta de crecemento rápido. No ensino séntanse bases que no futuro determinan comportamentos e actitudes, ou polo menos iso se pretende, e non deberían botar ó río a sementeira.


1 comentario:

Melodi dixo...

Suso querido, acabo de ter unha práctica de lexislación na que estivemos a discutir como protexer unha lingua a nivel administrativo. Moitas suores frías me entraron cando un compañeiro do grupo de prácticas me pregunto: ¿Pero ... el gallego es un dialecto no, o una lengua? Pero peor che foi cando un dixo que a mellor forma de protexela é pola ó nivel da gastronomía e o encaixe de bolillos en vez de darlle unha entidade propia, que total á lingua ben lle chega para que non se perda ... E máis podería contar desta clase da UCM ...