Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.5.07

A lingua dos parrulos

Hai máis ou menos un mes andaba eu por Lizarra. O Arga baixaba cheo e bravo, coma toda a cunca do Ebro naqueles días, e botei un bo anaco vendo pasar parrulos río abaixo, a fume de carozo, derrapando con dificultade cando se querían arrimar á beira. Non todos o conseguían, e non me sorprendería que algún deles estivese poucos días despois esgarabellando entre os xuncos do delta, onde o Ebro amansa despois de tanta carreira, por medo a perderse para sempre no sal quente do Mediterráneo.

Tamén acababa de pasar por Lizarra a Korrika. Trátase dunha marcha en defensa do euskera que se realiza bianualmente por toda Euskal Herría por iniciativa das euskalteguis (academias de euskera).
O percorrido varía en cada edición, pero soe andar por 2.300 Km, e percórrese en dúas semanas, de xeito continuado, sen parar nin de noite. Unha testemuña artesanal que se conserva desde a primeira edición, en 1980, vai pasando de man en man e para levalo cómpre comprar previamente os quilómetros. O prezo varía moito dunhas zonas a outras, pero por algunhas etapas páganse cifras elevadas. Acompañando a quen encabeza a marcha coa testemuña corren todos os acompañantes que o desexen.
Paralelamente, organízanse distintos actos culturais (Korrika kulturala)ó longo de todo o traxecto, desde varios meses antes.

Estes días botou a andar por Galicia adiante o Correlingua. Ando buscando semellanzas e véñenseme á cabeza parrulos á deriva.

Tópicos sobre a lingua galega II- A cooficialidade e os constitucionalistas

“A Constitución di que os dous idiomas son oficiais, así que cada un pode usar o que queira”.

Esta afirmación, moi frecuente entre o funcionariado para esquivar o cumprimento do seu deber, obedece unicamente a unha lectura parcial ou interesada da Carta Magna, ou o que é peor, a unha non lectura da mesma. Á Constitución pásalle coma ó Quixote, que todo o mundo o cita, pero case ninguén o leu.

Se se analiza con atención o texto constitucional verase que, certamente, no Título Preliminar, artigo 3, establécese a cooficialidade dos dous idiomas, pero iso non quere dicir que se use indistintamente cada un deles en todo momento e lugar. De feito a redacción exacta dese punto di:

Artículo 3.
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
2. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.


Antes de continuar, fago un inciso para lembrar tamén que na súa disposición final establécese que “Esta Constitución (...). Se publicará también en las demás lenguas de España”. Non sei se se cumpriu, pasados case 30 anos, este mandato; polo de pronto, a tradución do artigo 3, que acabo de citar, é miña.

Volvo ó rego. A maioría da xente parece que coñece moi ben o punto 1, pero parece que ignora os puntos 2 e 3, que tamén forman parte da Constitución, e non din pouco.

O punto 2 dálle poder ós Estatutos de cada comunidade para regulamentar esa cooficialidade, e o punto 3 di que a pluralidade lingüística de España é un patrimonio cultural e deberá ser obxecto de especial respecto e protección. Polo tanto haberá que ver como se desenvolve no Estatuto de Autonomía de Galicia este apartado, ou sexa, como se regula a cooficialidade, e tamén de que xeito se lle presta especial respecto e protección á diversidade lingüística.

A Constitución non traza máis que as liñas xerais, e vaise concretando en normas inferiores. Haberá que ver, en consecuencia, qué di non só o Estatuto, senón tamén a Lei de Normalización Lingüística e os Decretos posteriores que, pouco a pouco, van concretando o papel de cada un dos idiomas na nosa sociedade, ou sexa, a cooficialidade. (Xa chegará o momento de citalos textualmente).

E ningunha destas disposicións legais é anticonstitucional. Se o fose xa tería sido modificada porque a historia demostra que non hai precisamente permisividade en favor do galego. De feito, cando se estableceu a primeira redacción da Lei de Normalización Lingüística, houbo que revisala porque atentaba contra a Carta Magna, como veremos noutro momento.

Antes de deixar a un lado a Constitución, queremos lembrarlle ós que tanto gustan de citala, a outra idea á que nos referiamos máis arriba: a obriga de respectar e protexer a diversidade lingüística. Supoñemos que non será necesario recordar aquí o significado dos termos diversidade, respecto e protección. E se alguén ten dúbidas respecto a cales dos dous idiomas cooficiais en Galicia está máis necesitado de protección, recomendamos a consulta de informes recentes de institucións tan pouco sospeitosas de parcialidade como son a UNESCO ou o Consello de Europa.
CONTINUACIÓN

NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

6.5.07

Tópicos sobre a lingua galega - I

Portada da edición en papel dos Tópicos sobre a lingua galega
(Imaxe engadida en 2014)
PREME NA IMAXE PARA ACCEDER Ó CADERNO

Hai discusións que non deberían durar máis de cinco minutos e duran unha hora. Hai discusións que só deberían darse excepcionalmente, pero repítense unha e outra vez, e sempre cos mesmos argumentos. Esas conversas acaban aburrindo máis cós chourizos ceboleiros. A min pásame, por exemplo, co tema da lingua galega.

Houbo un tempo no que chegou a aburrirme tanto estar sempre oíndo e dicindo o mesmo, que un día puxen por escrito o que xa estaba cansado de repetir de palabra, fixen unhas cantas fotocopias e empecei a levalas sempre encima, de xeito que, cando saía a disputa, amañaba o asunto dicindo:
-Le isto.

E entón xa podía falar de fútbol ou do tempo, como fai toda persoa culta e civilizada.

Non vaiades pensar que a cousa non funcionou, porque repartín unhas cantas copias. Como tamén é tema de disputa a diario na rede, vou ir colgando aquí o que eu chamei Tópicos sobre a lingua galega, por se me le alguén a quen lle guste falar de fútbol e do tempo, como fai a xente culta.
CONTINUACIÓN


NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

29.4.07

Antigaleguismo de tasca barata


O que un día uns desalmados lle fixeron a un profesor universitario, deixándoo detrás dun taboado por non impartir as súas clases en galego, é unha canallada denunciable e punible.
Pero que ese mesmo profesor, día tras día, desde os diversos púlpitos onde lle dan voz, se comporte coma un forofo de tasca barata, é impropio dun adulto sensato, por moito que intente disfrazar o seu rancor e o seu ánimo de vinganza con argumentacións demagóxicas rubricadas de vez en cando co seu rol de constitucionalista, que campa moito.

Hai uns días, con mal aparentada cara de traxedia, referíase nun programa da TVG ó novo decreto sobre o galego no ensino, denunciando a gravidade de que miles de alumnos castelanfalantes estuden materias en galego. Digo eu que iso terá exactamente a mesma gravidade que o feito de que miles de alumnos galegofalantes leven anos estudando materias en castelán, sen que el dixese nin pío.
Afortunadamente, a maioría do alumnado que hoxe está nos centros de ensino non universitarios ten a mente suficientemente libre de prexuízos e con máis capacidade ca algúns catedráticos como para que non lle supoña ningún trauma estudar materias en calquera dos dous idiomas oficiais da nosa comunidade. Do mesmo xeito que non é ningún trauma que algúns alumnos reciban clases doutras materias en inglés nos centros bilingües, que cada vez abundan máis.

Onte atacou de novo desde o seu púlpito dominical, disparando desta vez contra a iniciativa promovida por todos os partidos políticos con representación parlamentaria para instar á Xunta a levar a cabo unha campaña de galeguización dos apelidos. Di o columnista:

“Los gallegos nos apellidamos como nos apellidamos, por más que a nuestros parlamentarios les moleste, porque así se apellidaron nuestros padres. Y éstos (ver NOTA final), a su vez, porque así se apellidaban los suyos, que heredaron los apellidos de sus antepasados”.

Pois non sempre é certo, e hai documentos que o demostran, coma este onde conviven Outeiro e Otero referíndose á mesma persoa:


"... que cobro de Patricio de Outeiro, también mayordomo que ha sido de esta cofradía, (...) por lo cual se dá por libre al dicho Patricio de Otero de todo..."

(Documento do século XVIII)


Tampouco cómpre ser ningún lince para decatarse de que os Fojo foron un día Foxo –gráfica ou foneticamente- como os Meijide eran Meixide. Eu teño copia do libro de familia de miña avoa –non estou falando do tempo dos australopitecos- no que figura o apelido da metade dos seus fillos con B e a outra metade con V, e cada un transmitiullo ós seus descendentes como lle cadrou.

Se un tal señor Blanco quere seguir sendo Blanco, como pode ser, ou non, que fosen sempre os seus antepasados, que o sexa. Pero se un Otero descobre que un día foi Outeiro e quere volver a selo, se un Fojo quere recuperar o Foxo do que saíu, se eu quero ter o V da miña avoa que filoloxicamente me corresponde, nada debe impedir que poida facelo e nada malo hai en que o goberno mo diga.
En moitos países non menos democráticos có noso, os apelidos cámbianse, póñense, quítanse, únense, sepáranse, modifícanse, altéranse, ... e non sae ningún columnista con argumentos peregrinos.

Supoño que buscar ideas orixinais e sensatas para saír con tanta frecuencia nos medios pode resultar difícil para o autor, pero non debería cebarse tanto cun tema inspirado nunhas táboas chantadas por catro desalmados. Porque aburre.

NOTA:
O mínimo que se espera dun catedrático universitario é que escriba correctamente no idioma que voluntariamente escolla. As actuais normas de acentuación do castelán establecen:
“... Sea cual sea la función que desempeñen, los demostrativos siempre son tónicos y pertenecen, por su forma, al grupo de palabras que deben escribirse sin tilde según las reglas de acentuación. (...) Por lo tanto, solo cuando en una oración exista riesgo de ambigüedad porque el demostrativo pueda interpretarse en una u otra de las funciones antes señaladas el demostrativo llevará obligatoriamente tilde en su uso pronominal”
No caso do seu éstos, non hai ambigüidade ningunha. Sobra o til.

28.4.07

Detalles que valen un libro


Hai pequenos detalles que abondan para xustificar un libro:

Lin La sombra del viento, antes de que todo o mundo falase do seu contido, atraído pola foto da portada. Os ollos de Asne Seierstad na solapa da edición de Círculo de Lectores de El librero de Kabul ben merecen o que custa o libro. Se eu fose o autor desas imaxes ou se se me ocorresen títulos coma Sombra do aire na herba, Con pólvora e magnolias, Seivas de amor en tránsito, A vella peneira a noite ou Una medusa en el desierto publicaría un libro cunha portada fermosa e todas as páxinas en branco, porque creo que non se valora debidamente o de dentro cando se saborea un comezo tan bonito.

23.4.07

Letras na pedra IV: Francisco Lourido, na beiramar cantábrica



Máis letras na pedra: os versos de Francisco Lourido, desde a beiramar cantábrica ó outro lado do océano, onde publicou en galego e castelán.

Recoñezo que non sabía moito del. Busquei na Gran Enciclopedia Galega e comprobei que lle dedican seis liñas, sen foto. Á palabra “Galiña” dedícanlle once páxinas e doce fotos.

A min tamén me gustan os ovos fritos, pero, para ir compensando, neste blog poño 14 versos do poeta e dúas fotos, e non penso escribir nada sobre galiñas.

Teresa, graciñas polas imaxes.

16.4.07

Fernand'Esquio e os pendellos de ouro e diamantes

Batendo case co pirindolo da pucha nas trabes do pendello, un home entrado en anos vai e vén releando no prezo dun cento de repolos migueliños. Non moi lonxe uns dedos curtidos polos anos e os traballos esvaran a modiño polo gume dun fouciño traído de terras de Riotorto. Á sombra da parede, unhas mulleres de pano negro na cabeza quéixanse de que o tempo non axuda nada e todo torra. Na taberna máis cercana, tres veciños botan unhas cuncas de Ribeiro mentres chega a hora de meter no papo unhas racións de polbo, que xa ferve na caldeira.

Todo isto é ficción histórica, pero son estampas que ben poderían darse hai uns anos á beira dos pendellos de Agolada.
Despois chegou o tempo da ruína. As trabes dos pendellos enchéronse de couza e, entre as pedras das paredes, medraron as silvas e os lagartos.

Pero despois do esquezo volveu a ilusión. Seguro que algúns soñaron con tirar con todo e erguer alí unha nave nova ou un edificio que competise en altura co Farelo. Pero os ollos mancados pola illa de Toralla chegaron desde o mar de Cangas e, con outros amigos dos pendellos e do país, soñaron usos máis racionais.

Son eles os que, desde hai uns anos, argallan os “Encontros nos pendellos”, eventos no recinto para demostrarlles ós veciños e ó mundo que aquelo pode ser riqueza para un pequeno concello do interior, non sobrado de tesouros.

Xa encheron os pendellos de xente chegada da Extremadura que fala coma nós, e de músicos chegados do país enteiro. Trouxeron xente que soña, pero que tamén come e bebe e goza e cóntallo ós amigos, que tamén veñen un día, caladiños. E todos dan cartos.

O día 21 de abril o recinto vai ter vida de novo coa presentación do libro Poesía viva, pura poesía, conmemorando o 25 aniversario dos premios Esquío. Poesía e música unidos nunha festa que lle dará azos, unha vez máis, os pendellos de Agolada.

Desde o ceo, Fernand’Esquío, repite os seus versos máis picantes:
A vós, dona abadessa
de min, don Fernand’Esquyo
estas doas vos envío,
porque ssei que sodes essa
dona que as merecedes:
quatro carallos franceses,
e dous ...
E sorrí ó decatarse de que abadessa rima con Victoria Beckham

11.4.07

Cando chegue o tempo do vivir tranquilo


Hai poucos días estiven en Haro –o nome fíxoseme familiar- e aloxeime no hotel Los Agustinos. Trátase dun edificio do século XIV que antes foi convento, hospital, escola, cuartel militar e cárcere.
Da súa etapa como convento quédalle o nome. Dos seus tempos como escola e como hospital, nada que se vexa. Dos seus anos de cárcere mantéñense ducias e ducias de inscricións nas paredes e nas columnas do claustro.
O que máis abundan son nomes de persoa e lugares de procedencia gravados con letra irregular, salvo excepcións. Non son raras as faltas de ortografía. Debe ser que o tempo era moito e a arte escasa.

Ando agora mirando a fondo o catálogo da exposición “Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galicia, 1936-1977”. Trátase dun volume tan fermoso coma estremecedor. Hai ducias de imaxes que me chaman a atención, por un ou outro motivo: as miradas, a tenrura dalgunhas cartas de condenados a morte -tamén hai faltas de ortografía, por suposto-, ... Pero sobre todo sorpréndeme a actividade e a creatividade de moitos dos presos.
Entre todos eles, impresióname o optmismo que transmiten as fermosas páxinas de libros ilustrados e escritos por Ángel Johan durante a súa estancia no cárcere de Las Palmas, entre o 37 e o 41. Penso que ben merecen unha edición facsimilar.

“Cuando llegue el tiempo del vivir tranquilo ...” -comeza un dos seus poemas.

31.3.07

Do Navia ó Navia: o mesmo río, a mesma lingua


Navia, 12 da mañá: presentación do Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia (Occidente de Asturias)

Baixo os brazos escalazados dun Cristo que non entende nada, o Padre Carlos debulla o libro con palabras ben medidas. Comedidas. Emilio –creo lembrar que se chamaba- berra con máis xenio:

- Son asturiano e falo galego! Son asturiano e falo galego!

Coma el, outros 40.000. Aínda que non o saiban.
Tamén falamos dos ausentes, dos que levan meses tirando pedras, rompendo pontes.

- Que gusto dá oír a gheada –dixo alguén.

Falaba das palabras para o peche, poucas pero ben-ditas (por algo estabamos na capela) de Quique, a voz que chegou do sur ateigada de ilusión. A man que sempre está, o nome que nunca aparece. Paixón e humildade. Armenia ó lonxe.

Bebemos viño nun lugar de onde seica expulsaron hai pouco a Castelao -debe ser que o seu saber molestaba nas paredes- e improvisamos un xantar no que empezamos colgando os carnés nas bocas que falan a mesma lingua en terras diferentes, para sabermos quen somos os que alí cadramos pola mesma causa. Comemos con alegría un arroz triste e non quixemos lingua por non sabermos de que lingua nos falaban. Andamos revoltos entre as setas dos montes que apagamos na miña punta. Acendemos lumes en bitácoras decentes e indecentes. Unha Estrela chegou desde Compostela e xogou a ser caníbal. Recitamos versos palindrómicos e fixemos política con plenos en garitos innombrables. E que sei eu!

De remate sacamos a foto da peña do Bilbao e espallámonos de novo, desde o Navia do Fragoso –trasnada cunqueiriana- ó Navia de Asturias que antes foi noso. A mesma lingua.

Mañá, se cadra, outros contarán outra película, tirarán máis pedras. Xa estamos afeitos.

28.3.07

Heidi


Acabo de ler un artigo sobre o modelo de ensino en Suíza que fai que os alumnos “aprendan catro idiomas de forma natural”, segundo reza o título.

A lectura dese artigo fai que me lembre dunha columna publicada hai algún tempo na prensa galega. Daquela redactara unha resposta que despois decidín non colgar aquí porque non quero converter o meu blog nun diálogo de xordos con columnistas que nin coñezo nin me van ler, pero agóra apetéceme recuperar o que daquela escribín. Velaí vai:

Fuzando na Voz (9-02-07) atopo unha columna de Luís Ventoso que leva por título Heidi 2. Supoño que xa saíu un Heidi 1 que eu non vin.
Con algún inxenio, prosa fluída, boa arte e mala leche, o autor cóntanos que o avó de Heidi regresa a Galicia e pode optar a unha das casas de madeira que promociona a Consellería de Vivenda. Heidi vai a unha galescola co seu Mandilón Oficial e xoga coa Boneca Parlanchina Galega. Tamén o avó terá o seu mandilón se decide ir a unha residencia de maiores, segundo lle conta Superpiñeiro. A Sta. Rotemmeyer non pode ser profe nunha galescola porque non domina o galego normativo. Pedro, o cabreiro, en principio ten dificultades porque non hai saída para os queixos, pero ó final amáñase o asunto. O gran problema preséntase coando o avó enferma e bota catorce horas esperando a ser atendido. Entón Heidi pensa que aquí habería que facer coma en Suíza: dar prioridade ás cousas de comer.

Esta admiración por Suíza tráeme á cabeza o capítulo dun libro que lin hai tempo. Escribo de memoria, pero creo que se titulaba “O marabilloso exemplo da Confederación Helvética”. O seu autor é un político coñecido. Coma eles, eu tamén admiro o modelo suízo.

O que non di o columnista nin o político é que se Heidi volvese a Suíza iría a unha escola onde só é oficial o idioma propio da zona e ninguén di que “se rompe Suíza” nin é impedimento para que os alumnos estuden e dominen outras linguas, incluídas as das outras zonas de Suíza. Heidi sabería idiomas como os sabe o futbolista galego suízo Ricardo Cabanas, por exemplo.

“En el terreno de juego cada cual da las instrucciones al compañero en el lenguaje que le sale de manera espontánea, “sobre todo los gritos y las broncas”, bromea Cabanas. “Estamos acostumbrados a cambiar de registro y no pasa nada”, minimiza.
Desde luego Cabanas no tiene ninguna dificultad para hablar con ninguno de sus compañeros ni casi de sus rivales: sabe español, italiano, inglés, francés y alemán. “
(El País, 13-6-2004)

Tampouco di o columnista nin o político que no marabilloso exemplo da Confederación Helvética, no país onde lle dan prioridade ás cousas de comer, cando se viu que no territorio de fala retorromanche este idioma perdía presenza visual en favor do alemán, o estado aprobou unha norma obrigando a todos os establecementos de hostalería a facer constar en retorromanche os seus rótulos, as cartas co menú, etc. Botáronlle unha man a un idioma en apuros e ninguén dixo “se rompe Suíza”.

Tampouco di o columnista nin o político que o marabilloso exemplo da Confederación Helvética, o país onde lle dan prioridade ás cousas de comer, hai uns anos participaba en Eurovisión con todos os seus idiomas, por rigoroso turno rotatorio. E ninguén dixo “se rompe Suíza”.

Tampouco di o columnista nin o político o que me contou un extraballador do país helvético, benquerido por min:
- As obras que se fan aquí, en Suíza tiraríanas nada máis acabalas.
Falaba tamén das obras públicas, por suposto. Por iso non se lle afunden as estradas.

Creo que eu tampouco dixen que o capítulo “O marabilloso exemplo da Confederación Helvética”, que suscribo de cabo a rabo, pertence ó libro “Galicia na memoria e no horizonte”, e o seu autor é Manuel Fraga, o mesmo que non fixo absolutamente nada, nin antes nin agora, para que este país se parecese ó marabilloso exemplo da Confederación Helvética, onde atenden as cousas de comer sen desatenderen as outras

26.3.07

Chora Grándola


Grándola chora e non me estraña.

E que pasaría en Alemaña sen medidas profilácticas? E que pasaría de verdade en Holanda? Que pasará aquí cando chegue a moda -que chegará-?

Non o sei nin quero sabelo, pero os políticos que nos seguen dando cada día circo de balde deberían pensar niso, nas causas e nas consecuencias.

Eu prefiro seguir co Zeca, que xa chega abril:

o povo é quem máis ordena
dentro de ti, oh cidade!

22.3.07

Letras na pedra - III: Neira Vilas olla o Ulla





Nas fermosas ínsuas de Gres, onde o Ulla abraza os carballos e os borrachos caen ó río polo San Ramón, a Asociación de Escritores en Lingua Galega deixou constancia da súa homenaxe a Neira Vilas.