
Navia, 12 da mañá: presentación do Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia (Occidente de Asturias)
Baixo os brazos escalazados dun Cristo que non entende nada, o Padre Carlos debulla o libro con palabras ben medidas. Comedidas. Emilio –creo lembrar que se chamaba- berra con máis xenio:
- Son asturiano e falo galego! Son asturiano e falo galego!
Coma el, outros 40.000. Aínda que non o saiban.
Tamén falamos dos ausentes, dos que levan meses tirando pedras, rompendo pontes.
- Que gusto dá oír a gheada –dixo alguén.
Falaba das palabras para o peche, poucas pero ben-ditas (por algo estabamos na capela) de Quique, a voz que chegou do sur ateigada de ilusión. A man que sempre está, o nome que nunca aparece. Paixón e humildade. Armenia ó lonxe.
Bebemos viño nun lugar de onde seica expulsaron hai pouco a Castelao -debe ser que o seu saber molestaba nas paredes- e improvisamos un xantar no que empezamos colgando os carnés nas bocas que falan a mesma lingua en terras diferentes, para sabermos quen somos os que alí cadramos pola mesma causa. Comemos con alegría un arroz triste e non quixemos lingua por non sabermos de que lingua nos falaban. Andamos revoltos entre as setas dos montes que apagamos na miña punta. Acendemos lumes en bitácoras decentes e indecentes. Unha Estrela chegou desde Compostela e xogou a ser caníbal. Recitamos versos palindrómicos e fixemos política con plenos en garitos innombrables. E que sei eu!
De remate sacamos a foto da peña do Bilbao e espallámonos de novo, desde o Navia do Fragoso –trasnada cunqueiriana- ó Navia de Asturias que antes foi noso. A mesma lingua.
Mañá, se cadra, outros contarán outra película, tirarán máis pedras. Xa estamos afeitos.
2 comentarios:
As nacions existen por enriba das fronteiras, e os seus lindes son naturais e non artificiais, marcanos as súas identificacións e non a escuadra e o cartabon. as nacions esisten con ou sen terra...
o galego de asturies é galego e non asturiano, o asturiano da galiza é asturiano e non galego, incluso o galego e o asturiano poden ser os mesmos... todo pode ser menos a negacion da sua existencia. polo demais que tiren as pedras que queiran.
Um saudo!
Estou totalmente de acordo contigo e, en relación con isto, recoméndoche a lectura dun artigo titulado "Fronteiras", publicado no número 15 da revista "Animal".
O autor debe ser un tipo raro, pero o artigo ten o seu aquel.
Publicar un comentario