Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

19.3.07

Culto ó fútbol. Fútbol oculto

Xoves, 15 de marzo.
Reenvíanme un e-mail que, baixo o título “Por eso no me gusta el fútbol”, inclúe unha antoloxía das últimas “reflexións intelectuais” de Salva Ballesta, ese dianteiro que agora xoga no Levante:

"Me gustaría conocer a Tejero " (dixo en 2006).
"Me merece más respeto una caca de perro" (en contra do barcelonista Oleguer).
Na sola das súas botas loce a inscrición Arriba España. "Lo tengo como los caballos, con hierro incandescente. Tenemos que ser todos españoles, porque vas a cualquier país y lo defienden a muerte. Aquí parecemos todos gilipollas".
"La patria es tan importante como la familia” -dixo. "A los cinco minutos me llamó mi padre y me dijo: 'eres el que más cojones tiene de toda España, y así tiene que ser. Como no digas eso, te desheredo'".
¡Que la bandera de España es la bandera de tu país! Yo la llevo donde hay que llevarla. ¡Con dos cojones!".
Sobre o Estatut de Catalunya: "¡Me parece una vergüenza! Una pasada".
Sobre a guerra de Irak: "Si [Aznar] me hace ir, voy el primero. Todos los militares que van allí, si son militares de verdad, van encantadísimos".
Sobre o 11-M: "Dadles 72 horas a los que hay que dárselas y verás cómo con esto acaban rápido. La sociedad española quiere agarrarse a las leyes, porque si actúas de la manera en que hay que actuar, dicen que atentas contra la humanidad, pero yo lo tengo claro y tengo dos cojones para decirlo. Hay que dejarse de pancartitas y hostias".

Venres, 16 de marzo.
Co título de “Altavoces del catalán en Francia”, a prensa dá conta da participación do barcelonista Oleguer e do internacional francés Thuram nun acto de apoio a un manifesto da escola Bressola, en Perpiñán, en defensa do uso do catalán nas escolas da zona francesa de fala catalá. É un obxectivo polo que loita a Bressola desde hai 30 anos. Apoian o mesmo manifesto outras persoas do mundo do fútbol, como o presidente do Barça, Giuly, o seleccioandor francés, e tamén xente allea a este deporte: Ariadna Gil, Manu Chao, Lluis Llach, Quim Monzó e Isabel Clara-Simó.

Domingo, 18 de marzo
Baixo o título “Unha persoa, un poema”, o suplemento cultural do Diario de Pontevedra dá conta das preferencias poéticas de varias persoas. Unha delas é Fernando Vázquez, adestrador do Celta, que se decanta polo poema “Jerry Lee Lewis” de Estirpe, de Ferrín, coa seguinte xustificación:
“En Jerri Lee Lewis ironiza cos símbolos de toda unha xeración, que dalgunha maneira considero a miña, tanto os culturais como os estéticos ou os musicais, desde Gene Vicent aos mods, dende Tommi Steel ata as galletas María. No poema atópase mesmo pop en confrontación coas esixencias políticas da resistencia ó franquismo. En resumidas contas, gústame a pirueta que Méndez Ferrín traza a partir das circunstancias históricas da época e as arelas adolescentes”.

Eu non esquezo que lin por primeira vez Longa noite de Pedra nun autobús que me transportaba a un campo de fútbol para xogar un partido. O libro levábao un compañeiro de equipo que despois defendeu a camisola do Celta en varias categorías. Ningún profesor me falara nunca da obra nin de Celso Emilio. Foi alí, pouco antes de xogar un partido de fútbol, onde me enterei de que a noite era de pedra, coma as conciencias.

Xa non é a primeira vez que me refiro á inxustiza que cometen os que aínda continúan identificando fútbol con incultura. Creo que algún día vou escribir a fondo sobre iso, que non todo son Salvas e "con dos cojones".

13.3.07

Independícense (se queren)

“Menos mal que queda la prensa regional. Fuera de Madrid hay más tranquilidad” (Manuel Campo Vidal, 11 de marzo).

“La crispación que domina la política española tiene mucho de batalla de salón cocinada en Madrid, ya que todos los ecos de desastre nacional se extinguen en cuanto uno apaga la radio o compra en el quiosco un diario periférico” (Xosé Luís Barreiro, 12 de marzo)

“La gresca que protagonizan algunos medios de comunicación con sede en Madrid está causando alarma entre los propios periodistas, que detectan la agudización de un progresivo encono o radicalización de carácter sectario. Algo que no existe en los medios de comunicación del resto de España...” (Carlos G. Reigosa, 12 de marzo)

Non debe ser casualidade que tres comentaristas políticos coincidan na mesma idea en dous días. Eu penso o mesmo desde hai tempo: Madrid é un mundo á parte e descoñece en boa medida a realidade da periferia, pero compórtase como se fose o embigo do mundo. Nótase na prensa e na rúa, no que un le e no que un escoita cando vai por alá ou cando os de alá veñen por acá.

Non digo que esteamos totalmente alleos ós temas que enchen, un día si e outro tamén, as portadas dos diarios de Madrid, pero non adoitan ser asuntos prioritarios para nós. Viven tan pechados en torno a esa placa co Km.O da Porta do Sol –por certo, creo que mal orientada-, están tan empeñados en deseñar o noso presente e o noso futuro, que non se molestan en observar o que na periferia queremos para o presente ou en preguntar qué futuro desexamos. Pero falan coma se tivesen toda a información e toda a sabedoría do mundo.

En certa ocasión lin unha columna nun xornal madrileño onde se confundía a Mesa pola Normalización Lingüística coa Dirección Xeral de Política Lingüística, que é tanto como confundir ADEGA coa Consellería de Medio Ambiente, e dicía que “unha lei galega obriga a usar o galego en...” cando debería dicir “un colectivo solicita que o galego se use en...”. O autor confundía a demanda dun colectivo non institucional cun decreto do goberno autonómico. Pero o erro estaba alí, nas primeiras páxinas dun xornal madrileño de tirada nacional, e figura nunha recompilación de artigos do mesmo columnista da que se venderon miles de exemplares. Probablemente calquera lector de fóra tome por certo o que non é máis ca unha parvada, porque o seu autor ten prestixio e leva consigo tratamento de usía.

Non é unha excepción: cousas así pasan a diario e vanse asentando tópicos e ideas falsas que nada favorecen a convivencia. Por iso non é de estrañar que moita xente pense que en Cataluña pouco menos que fusilan ó amañecer os castelanfalantes, cando o certo é que Barcelona é unha cidade principalmente castelanfalante, e non debe ser tan intolerante con España e co español cando alí existe un equipo de fútbol que se chama precisamente Español. Pregúntome se en Madrid pemitirían coa mesma actitude a existencia dun equipo que se chamase Catalán.

O malo é que todo é exportable; tamén a tensión e os problemas. Por iso creo que non sería mala cousa, se eles queren, concederlles a independencia –a Madrid, por suposto-, que na periferia xa nos iriamos entendendo.

11.3.07

Que ben cabidiños!

Nunha canle de TV calcularon a proporción asistentes/espazo da última manifestación de Madrid. Para seren certas as cifras dos convocantes, tocan a 19 persoas por metro cadrado.

Seguro que son certas, que eles non menten... O que non entendo é que critiquen os apartamentos da ministra Trujillo. Sendo tan ben cabidiños valen ata para familias numerosas.

8.3.07

Asturias, patria perdida


La Voz de Galicia acaba de vender o Diario de León. Segundo informan, a decisión obedece a un cambio de estratexia empresarial: abandonan a intención de irse estendendo polo leste a base de comprar cabeceiras e optan por reforzar, aínda máis, o seu papel en Galicia.

Empresarialmente, o Diario de León non ía mal. Desde que o mercaran, aumentara a tirada, o número de lectores e tamén o de empregados. Aínda así cámbiase a estratexia porque non ten sentido continuar furando polo centro se resulta imposible avanzar polo norte, e Asturias amósase inexpugnable.

Sempre pensei que a causa real do reavivamento da polémica lingüistica no occidente de Asturias non estaba tanto na lingua de Galicia coma na Voz de Galicia, pero na Voz con maiúscula e con La, como lle gusta a Sir Paco. O xornal galego dedicaba, desde hai uns anos, unha páxina diaria na súa edición de A Mariña a informar sobre o occidente de Asturias, e pouco a pouco fora gañando lectores eonaviegos.

Evidentemente, isto era molesto para a competencia asturiana. Creo que non é casualidade que La Nueva España se empregase a fondo na polémica lingüística da zona, nesa campaña que acusa ós galegos de tramar un plan malévolo, pouco menos que para conquistar ó amañecer esa lingua de terra que avanza polo leste coma unha cobra, como escribiu Ferrín.

Gañaron. Hai que recoñecer que gañaron. A pesar de que a convivencia na zona non é tan tensa como pode parecer a quen siga o asunto a través de La Nueva España ou dos distintos foros virtuais, pouco a pouco foise xerando na parte asturiana un certo sentimento antigalego que deu lugar, entre outras consecuencias, a que non estea ben visto mercar a prensa galega na zona. Pola contra, a banda galega amósase máis allea ó conflito e a prensa asturiana séguese vendendo como se vendía, e está presente en case todos os bares como é habitual dende hai tempo.

Esta semana, a edición da Mariña de La Voz de Galicia xa non inclúe a páxina que desde hai anos dedicaba ó occidente de Asturias. Sen dúbida é unha das consecuencias do cambio de estratexia ó que nos referiamos ó comezo. Esperemos que sirva, cando menos, para que na banda asturiana acouguen un pouco. Seguro que si, porque xa non hai conquista empresarial, e a cultura nada lles importa.

28.2.07

Literatura de etiqueta

Coñecín un individuo ó que non lle gustaba nada a literatura, pero sabía de memoria a etiqueta dun montón de marcas de cervexa.

Eu non chego a tanto, pero gústame ler o texto da cata dos distintos viños. Teño a sensación de que todo é inventado, de que os autores dos microrrelatos –porque son auténticos microrrelatos- nin probaron o viño, ou se cadra probárono de máis. A clave do oficio está en combinar de distintas maneiras “froitos secos, rubí intenso, barrica de carballo, froitas do bosque, arrecendo, prolongadas sensacións, autenticidade, corpo, brillo, maduración lenta”, uns cantos nexos e pouco máis.

Redactar este tipo de textos pode ser unha profesión con futuro, porque o asunto xa se estende a outros produtos. Hai uns días vendéronme un que poñía:

“... chispeante en el paladar, ofreciendo un sabor auténtico. Conjuga elegancia y rusticidad gracias a su aspecto bicolor: un rojo intenso y brillante salpicado de lenticelas”.

Un viño? Non; unha mazá francesa!

NOTA: ofrécese microrrelatista para produtos da terra; razón aquí. Non son Camilo Franco, pero tratarei de non desmerecelo.

24.2.07

Con senso na lingua

Levo dous días deluvando os ollos para asegurarme de que é certo o que leo, e non unha alucinación producida polo nitramón do Ostedijk*. Explícome:

ONTE anunciaron que PSOE, BNG e PP acadaron o consenso sobre o novo decreto que ha de regular o uso do galego no ensino, con presentación pública conxunta e todo. HOXE leo que o decreto tamén contenta a pais, editores e sindicatos. Só falta que MAÑÁ o aplaudan Maneiro, Blanco Valdés e Carlos Luís Rodríguez desde as súas columnas, e Paco Vázquez desde o seu pazo encantado. Entón si que xa me dá o infarto.

*Ostedijk: hai que ver o ben que fan as cousas estes holandeses, colocando os grupos infrecuentes de fonemas ben ordenadiños (ijk), para que sexa doado memorizalos. Non coma os alemáns, que botan as letras onde lle cadra e non hai quen se quede con todas.

23.2.07

Unha de augardente!

Sei, máis ou menos, como funciona a dinámica das linguas. Sei que a sintaxe pode compararse coa estrutura dos edificios, que aguanta máis e tarda máis en deteriorarse, pero tamén é máis difícil de recuperar cando se estraga. Sei que o léxico é parecido á pintura das paredes, que se deteriora con máis rapidez, pero que tamén se pode recuperar con máis facilidade. Abonda con que unha palabra moribunda se use con certa insistencia na TVG, nos libros de texto e con que a utilicen tres ou catro figuras con algo de sona para que deixe de parecer rara e libresca e resulte familiar para os falantes.

Sei todo iso, pero aínda así non podo evitar enrabiarme ó ver como a palabra augardente (coas súas variantes aughardente, aguardente e aghuardente) desapareceu nos últimos tempos, a fume de carozo, en favor de oruxo, calco dun alleo orujo que non sei quen demo nos meteu na casa, pero que prendeu mellor cós eucaliptos.

A cousa debeuna comezar a Xunta coa vergonzosa denominación “Orujo de Galicia”, uníronse correndo uns cantos envasadores, uns cantos guiris desexosos de produtos da terra –que case sempre piden a modalidade “me va poné un orujito”-, catro indíxenas sempre prestos a imitar os guiris e despois xa se sumou toda a tribo. Hoxe mesmo, Yolanda Castaño despediuse con esa palabra en Cifras e letras, pouco despois de non dar por válido "latoso".

Entendo que, se o criterio do programa é o Xerais, non se acepte "latoso" e si "meteoasat", pero que non se promocione orujo, que tampouco aparece no Xerais nin, que eu saiba, en ningún outro dicionario de galego.

Máis grave é o dos pronomicidios, pero iso queda para outro día. Agora, todos á tasca.

- Unha de augardente! Pola raia da copa, como se serviu sempre!

22.2.07

Un invento pelotudo

A semana pasada morreu Alexandre de Fisterra, o inventor do futbolín. Tardei anos en oír por primeira vez ese nome; na miña terra sempre dixemos "xogar ós ferreiros".

Acórdome perfectamente de cando, onde e como descubrín este invento e do salvaxe que me pareceu:
Foi na taberna de Delia, que estaba fronte á escola onde empezaron a desbrozar a miña ignorancia. Eu aínda non daba a altura da mesa e, desde a miña perspectiva de neno pequeno, o que vía era a dous tipos de cada lado metendo berros e movéndose bruscamente adiante e a atrás. Por iso, a miña primeira impresión foi que o xogo consistía en darlle coa punta da barra no estómago ou nas pelotas ó tío de en fronte, e pareceume cousa de moito mérito atreverse a xogar a iso.
Afortunadamente estaba equivocado, e axiña descubrín que había bólas e que o obxectivo era outro.

Lembro as discusións que había polas normas cando se xogaba algún partido internacional, ou sexa, contra xente doutras parroquias:
- Non vale arrastrar!
- Aquí sempre valeu!

- Os goles “d’arredor” non valen!
- Si que valen!

Tardei en saber que o invento era galego e tamén en coñecer a súa nobre orixe: darlle contento ós nenos mutilados que gustaban do fútbol. Boa causa.

17.2.07

Almas de construción masiva

Ultimamente erguémonos cada día cun novo escándalo urbanístico nas portadas dos xornais. Con tanto lío, apenas houbo espazo para difundir que Aznar, por fin, recoñeceu que non Iraque non había armas de destrución masiva.

En moitos concellos de Galicia, entre emigración e non natalidade, cada vez hai menos xente, pero constrúense máis casas. É evidente que temos o país cheo de almas de construción masiva.

12.2.07

Slow movement

Sácame das cuñas o vivir lento que observo nos adolescentes desde hai un tempo a esta parte. Férveme o sangue ó ver como avanzan, case arrastrándose, cara ós centros de ensino ou cara á casa a mediodía. Non apuran nin para comer! Fáltalles xenio!, como dirían os vellos.

Eu sempre pensei que era culpa do tiro baixo dos pantalóns e dos zapatóns todoterreo disfrazados de deportivos desatados cos que reptan moitos deles. Un compañeiro meu ten outra explicación: di que esta lentitude é unha reacción inconsciente ante o negro futuro que os espera; para chegar ás listas do paro ou a un contrato máis propio de escravos ca de persoas non fai falta correr moito.

Agora descubro que a tendencia de moda é o slow movement. Mira ti por onde, os nosos adolescentes estaban, sen sabéreno, na vangarda.

7.2.07

Fortalezas ástures

En Asturias acaban de constituír unha agrupación de agrupacións para defenderse dos galegos. Non están tolos estes ástures.

Hai anos, viaxando pola raia norte de Portugal decateime de que todas as fortalezas defensivas estaban do lado sur do río (Valença, Monçao, Melgaço). Por algo sería. Está ben claro que os perigosos son sempre os galegos.

Din as malas linguas que en Asturias xa están ultimando unha iniciativa para pedirlle a Fomento infraestruturas defensivas. Polo de pronto solicitan unha fortaleza en San Tirso de Abres, e máis tarde queren outras en Ibias, Taramundi, A Veiga e Castropol.

3.2.07

Letras na pedra- II: Otero Pedrayo en Monterroso


Xa falei un día do meu gusto polas homenaxes que reproducen fragmentos literarios. Velaquí outro exemplo:

Na fachada dun bar de Monterroso atopei está esta placa cun poema que Otero Pedrayo dedicou ó xamón. Non diredes que o motivo non é poético. Otero tiña bo ollo, non coma outros que lle fixeron poemas ás bombillas.

Non reproduzo todo o texto do poema porque a foto é mala, e non son capaz de lelo. O mellor é que quen teña interese vaia a Monterroso.

Debaixo do texto hai unha plaquiña que di:

Homenaxe do Concello de Monterroso
no 1º centenario do autor
24-setembro-88