Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.2.07

Unha de augardente!

Sei, máis ou menos, como funciona a dinámica das linguas. Sei que a sintaxe pode compararse coa estrutura dos edificios, que aguanta máis e tarda máis en deteriorarse, pero tamén é máis difícil de recuperar cando se estraga. Sei que o léxico é parecido á pintura das paredes, que se deteriora con máis rapidez, pero que tamén se pode recuperar con máis facilidade. Abonda con que unha palabra moribunda se use con certa insistencia na TVG, nos libros de texto e con que a utilicen tres ou catro figuras con algo de sona para que deixe de parecer rara e libresca e resulte familiar para os falantes.

Sei todo iso, pero aínda así non podo evitar enrabiarme ó ver como a palabra augardente (coas súas variantes aughardente, aguardente e aghuardente) desapareceu nos últimos tempos, a fume de carozo, en favor de oruxo, calco dun alleo orujo que non sei quen demo nos meteu na casa, pero que prendeu mellor cós eucaliptos.

A cousa debeuna comezar a Xunta coa vergonzosa denominación “Orujo de Galicia”, uníronse correndo uns cantos envasadores, uns cantos guiris desexosos de produtos da terra –que case sempre piden a modalidade “me va poné un orujito”-, catro indíxenas sempre prestos a imitar os guiris e despois xa se sumou toda a tribo. Hoxe mesmo, Yolanda Castaño despediuse con esa palabra en Cifras e letras, pouco despois de non dar por válido "latoso".

Entendo que, se o criterio do programa é o Xerais, non se acepte "latoso" e si "meteoasat", pero que non se promocione orujo, que tampouco aparece no Xerais nin, que eu saiba, en ningún outro dicionario de galego.

Máis grave é o dos pronomicidios, pero iso queda para outro día. Agora, todos á tasca.

- Unha de augardente! Pola raia da copa, como se serviu sempre!

2 comentarios:

Xurxo dixo...

Home home... se polo menos dixeran OruHo, co h aspirado, tiña un pase.... en fin... pais que temos.

Suso F. Acevedo dixo...

Éche o que hai...!