Sácame das cuñas o vivir lento que observo nos adolescentes desde hai un tempo a esta parte. Férveme o sangue ó ver como avanzan, case arrastrándose, cara ós centros de ensino ou cara á casa a mediodía. Non apuran nin para comer! Fáltalles xenio!, como dirían os vellos.
Eu sempre pensei que era culpa do tiro baixo dos pantalóns e dos zapatóns todoterreo disfrazados de deportivos desatados cos que reptan moitos deles. Un compañeiro meu ten outra explicación: di que esta lentitude é unha reacción inconsciente ante o negro futuro que os espera; para chegar ás listas do paro ou a un contrato máis propio de escravos ca de persoas non fai falta correr moito.
Agora descubro que a tendencia de moda é o slow movement. Mira ti por onde, os nosos adolescentes estaban, sen sabéreno, na vangarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario