La Voz de Galicia acaba de vender o Diario de León. Segundo informan, a decisión obedece a un cambio de estratexia empresarial: abandonan a intención de irse estendendo polo leste a base de comprar cabeceiras e optan por reforzar, aínda máis, o seu papel en Galicia.
Empresarialmente, o Diario de León non ía mal. Desde que o mercaran, aumentara a tirada, o número de lectores e tamén o de empregados. Aínda así cámbiase a estratexia porque non ten sentido continuar furando polo centro se resulta imposible avanzar polo norte, e Asturias amósase inexpugnable.
Sempre pensei que a causa real do reavivamento da polémica lingüistica no occidente de Asturias non estaba tanto na lingua de Galicia coma na Voz de Galicia, pero na Voz con maiúscula e con La, como lle gusta a Sir Paco. O xornal galego dedicaba, desde hai uns anos, unha páxina diaria na súa edición de A Mariña a informar sobre o occidente de Asturias, e pouco a pouco fora gañando lectores eonaviegos.
Evidentemente, isto era molesto para a competencia asturiana. Creo que non é casualidade que La Nueva España se empregase a fondo na polémica lingüística da zona, nesa campaña que acusa ós galegos de tramar un plan malévolo, pouco menos que para conquistar ó amañecer esa lingua de terra que avanza polo leste coma unha cobra, como escribiu Ferrín.
Gañaron. Hai que recoñecer que gañaron. A pesar de que a convivencia na zona non é tan tensa como pode parecer a quen siga o asunto a través de La Nueva España ou dos distintos foros virtuais, pouco a pouco foise xerando na parte asturiana un certo sentimento antigalego que deu lugar, entre outras consecuencias, a que non estea ben visto mercar a prensa galega na zona. Pola contra, a banda galega amósase máis allea ó conflito e a prensa asturiana séguese vendendo como se vendía, e está presente en case todos os bares como é habitual dende hai tempo.
Esta semana, a edición da Mariña de La Voz de Galicia xa non inclúe a páxina que desde hai anos dedicaba ó occidente de Asturias. Sen dúbida é unha das consecuencias do cambio de estratexia ó que nos referiamos ó comezo. Esperemos que sirva, cando menos, para que na banda asturiana acouguen un pouco. Seguro que si, porque xa non hai conquista empresarial, e a cultura nada lles importa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario