Letras no Campo é o nome co que se coñece a Feira do Libro de Ribadeo, que creo que non pode chamarse de tal xeito porque só pode ser Feira do Libro o que a Xunta di que é Feira do Libro. Cousas da burocaracia.
O nome é o de menos. O certo é que por alí pasou xente amiga que aínda acredita en que un libro é un tesouro:
Belén Rico, poeta da Veiga, pronunciou o pregón con emoción, como ela fai todo, e tivo a ben citarnos a algúns galegos que sempre lle tivemos aprezo a ela e ós seus versos.
Belén Rico pronunciando o pregón |
Despois, entre outros, asistimos á presentación de Paseando canguros, de Xesús Trashorras; unha escolma ampla pero incompleta, segundo palabras propias, dos moitos textos que o autor de Castroverde foi compoñendo desde que a xubilación lle deu o tempo libre que unha mente inqueda como a súa precisaba.
Presentación de "Paseando canguros", de Xesús Trashorras |
Pero de todos os actos que tiveron lugar, agradounos de xeito especial a presentación de Resaibo amargo de Lucía Ferro, porque Lucía foi alumna e se a unha exalumna de literatura se lle dá por escribir quere dicir que un, cando menos, non a espantou do mundo das letras, e xa non é pouco nos tempos que corren.
Lucía, nos últimos anos afincada nos Países Baixos, tece nesta súa primeira novela unha interesante historia onde teñen protagonismo as relacións persoais máis complexas e as mafias da industria farmacéutica, algo que seguramente coñece de cerca debido á súa condición de sanitaria.
Lucía Fernández Rodríguez, "Lucía Ferro" |
A maiores, agradounos ver de novo, aínda que neste caso fose só como vendedor, a Pablo Quintana, un todoterreo da investigación e da difusión cultural con especial atención á comarca do Eo Navia.
Hanme desculpar o resto das persoas que presentaron obras nesta feira que non é feira, pero tampouco pretendía aquí facer unha listaxe do asunto.
Que veñan máis letras, que o campo non ten portas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario