O día 16 deste mes participei na presentación da nova novela de Lucía Ferro na biblioteca de Barreiros. Foi un pracer colaborar con esta exalumna e ademais estar acompañado por Dani García, tamén exalumno e agora concelleiro, que fixo de anfitrión. É impagable sentir o afecto de quen hai tempo tivo que aturarnos nas aulas.
Con Lucía Ferro e Dani García na biblioteca de Barreiros. |
En Brandán, a nova obra de Lucía, é se cadra menos orixinal polo contido ca Resaibo amargo e tamén máis sinxela, polo menos en aparencia, pero non por iso menos interesante.
Portada de En Brandán (Imaxe: Amazon) |
Na presentación dixen que Lucía deixara a sanidade para dedicarse á literatura e enseguida me decatei de que estaba errado: tanto unha novela como a outra demóstrannos que Lucía segue comprometida co mundo da sanidade pero agora faino desde a literatura. Mérito e atrevemento.
Se en Resaibo amargo se tocaba o tema das mafias farmacéuticas, algo novidoso na literatura galega, podemos dicir que En Brandán ten se cadra un contido máis clásico, xa que se trata dunha obra de investigación na cal cómpre esclarecer a morte dunha persoa. Iso é algo moi presente na literatura galega polo menos desde que Carlso Reigosa publicou Crime en Compostela.
Pero a novela é algo máis ca iso. Non é casualidade que Lucía centre a trama en xente marxinal, moitas veces relacionada coa droga ou con outras adicións. Tan marxinal é que a vítima, ignorada en vida ("Non era de grande interese na vila”) aparece sen vida na marxe dun río. Marxinal na vida e na morte.
Na obra podemos atopar tamén algúns aspectos de rigorosa actualidade, como é o papel das mulleres en determinadas profesións, neste caso no corpo de policía, onde hai quen pensa que o seu corpo está ó servizo de calquera man que pase cerca.
O estilo non difire do que xa vimos en Resaibo amargo: sintaxe simple, oracións breves, ausencia de adornos innecesarios... Aínda sendo consciente de que nada malo hai no uso de períodos longos se están ben construídos, o certo é que como lector agradezo esta sinxeleza. Amais diso, parécenos que a autora equilibra acertadamente narración, descrición e diálogo.
Un aspecto moi meditado na novela é o remate. Para chegar a ese punto sen contar máis do que se quere dicir, a autora tivo que facer un exercicio de esforzo lingüístico do que quen le non se dacata ata que chega onde hai que chegar. Pero, pero non é cousa de que o desvelemos aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario