FONTE: "Nós diario" |
Con todo, non me resisto a deixar constancia da miña admiración pola súa obra e aproveito para reproducir aquí tres textos que teñen relación con Ribadeo, aínda que non son dos que máis sona teñen dos moitos que publicou o autor de Roás.
Se as miñas anotacións non están erradas, cos dous primeiros recibiu o 1º
premio nun certame convocado pola Sociedade Filantrópico Dramática en 1980 e
publicáronse en Vinte cadernos (poemas
1969-2002) (Ed. Xerais, 2003). Co último obtivo o terceiro premio na mesma
convocatoria do ano seguinte e publicouse en en Recolleita, nunha edición non venal a cargo de El Correo Gallego.
O primeiro texto é un soneto homenaxe ó labor reposteiro das monxas co
convento de Santa Clara. A voz poética loa as artes das monxas, pero detrás da
devoción manifesta cremos ver unha chiscadela pícara que nos leva a cantiga irreverente que Fernand’ Esquío lle dedicou a unha abadesa que tamén era moi
destra noutras artes ben distintas.
O segundo soneto canta o espírito emprendedor de Antonio Reimunde Ibáñez,
que soubo ver riqueza onde outros só vían terra.
Por último, o terceiro poema, é un chamamento a que se planten viñas
autóctonas na Mariña, para que nas celebracións da zona non haxa que brindar
con viño de castes alleas, coma o albariño ou o mencia.
A UNHAS MONXAS DE CLAUSURA QUE FAN
RIQUÍSIMOS CONFEITES
Señoras miñas do claustral contorno
que semellades flores delicadas
ou pálidas vasillas ciceladas
polo tempo, prezado e raro adorno;
señoras miñas –vento claro e morno-
das transparentes mans azucaradas,
donas da luz nas tardes dilatadas
amas do quente e mol sabor do forno;
señoras miñas da fariña triga,
sabedoras da ilustre ciencia antiga,
que versa sobre o almibre e sobre o mel;
señoras miñas do claustral retiro,
a vós envío, atal coma un suspiro
esta cantiga e mais un caravel.
ANTONIO REIMÚNDE IBÁÑEZ DESCRIBE A TERRA
E dixo Ibáñez: Hai na terra veas
de escuro mineral que nos agarda,
espaciosa abundancia doce e parda,
que espera forxas, moldes, panaceas.
E dixo Ibáñez: Hai na terra reas
de ferramentas que Vulcano garda,
e é necesario que a fogueira arda
pra xebrarmos da terra vis areas.
E dixo Ibáñez: Minas hai de terra
que serve ó home para facer xerra
na que gardar o noso viño doce.
É necesario, pois, que o forno quente
porque terá máis gloria toda a xente
polas cousas que o forno forxa e coce.
INVITACIÓN A PLANTAR VIÑAS NA MARIÑA
Volve plantar vides de ouro e verde
agudello e xerez do tempo vello
beira do mar de neboento cello
que tantos homes furibundo perde.
Volve encher as encostas de caíño,
ergue vizosas cepas de mencía,
socalcos pon en agra montesía
e dános gozo novo de bon viño.
Adorna a vella pedra en Mondoñedo
con acios mouros e follaxe mesta,
e nas montañas súpetas entesta
fortes pés pra formares bon viñedo.
Ensombreza moitísima follaxe
o finisecular suave engado
de Ribadeo, e estea o sol callado
no antigo froito, e de ouro o
pencarraxe.
Que en Morás, cando volvan da balea,
os rudes mariñeiros fagan farra
ó redor dunha grande e bela xarra
do viño mariñao fermoso chea;
que en Sargadelos mollen as palabras
os fillos de Reimundo ó pé do torno
e refresquen o ardor do roxo forno
co viño antigo que de novo labras;
que o pescador que vai de noite ó mar
procurando a sardiña e o bocarte
tamén se beneficie da nobre arte
de facer doce a terra ó paladar;
que en Illa Pancha o túcero fareiro
beba o teu viño amodo e longamente,
e préceo no que val cando se sente
na tempestade cántabra senlleiro;
e que en Viveiro os ledos bebedores
non liben do ribeiro ou alvariño,
pero gocen estoutro alegre viño
dos mariñaos horteiros soñadores.
Non temas o Gran Sole frío e rude
que trae negra corrente de xeada;
varudo agricultor, non temas nada,
só a esperanza e a terquidade acude,
que algún día, do Navia montesío
deica Estaca de Bares e o Vicedo
hase de erguer froital o teu viñedo
contra fría corrente e vento frío;
e hanche ferver na adega negras cubas,
alquimia milagrosa que fai viño
do xerez, do agudello e do caíño
e tódalas doces nobres uvas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario