Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.11.24

Máis letras de aquí e de acolá

Non se dá un enfrontado ó teclado para ir deixando constancia de feitos que merecerían atención máis demorada. Polo menos, que quede constancia, aínda que sexa só a xeito de índice.

I

Hai uns meses chegounos desde o sur unha novela moi ribadense, Contas de buxo, de Raquel Fernández. É a primeira obra dunha autora que saca tempo para fuxir de vez en cando dos fogóns do seu restaurante e vai abríndose paso con éxito no mundo das nosas letras. Por certo, A taberna do azafrán, que así se chama o local, sería tamén un bo título para unha novela. Sen entrar en detalles que lle amolen a lectura a quen lle meta o dente, diremos só que a obra conta a historia de Lara, unha adolescente que foxe da casa e acaba en Ribadeo. Alí (aquí), acaba descubrindo as claves da desaparición de súa nai, sendo ela pequeniña.

II

   
Eva Moreda segue deixar descansar o teclado e regálanos libros a pares. En Pagáns e pragmáticos adopta a postura de quen chegou hai xa anos ó Reino Unido e foi observando con curiosidade e reflexión o xeito de vida da sociedade británica, onde acabou asentando. O raposo na fronde é un libro igual de fragmentario canto á forma, máis diverso canto ó tempo é ós espazos que transita pero se cadra máis reducido canto á orixe última deses camiños que se percorren, desde Piñeira ás illas de aí arriba, mar por medio.

III
Velaquí quedan tres lecturas recentes que algo teñen que ver con esta beiramar do norte, aínda que non se exhibisen nos escaparates das nosas librerías. Seguro que hai máis, pero xa tocou o timbre e hai que moverse.


Ningún comentario: