Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.2.10

Barullo na raia VII: De invasores e invadidos

A SERIE EMPEZA AQUÍ

I-
As perversas intencións dos galegos para invadir o Eo-Navia van camiño de converterse nun tópico, de tanto que se repiten. A min sorpréndeme que, sendo como somos cada vez menos dados a esgarabellar na terra e tendo como temos tanto monte sen sachar, haxa quen queira aínda máis ferrados de leiras. Pero nunca se sabe. Os sectores asturianistas viron un plan perfectamente artellado nunha serie de feitos que tiveron lugar nos últimos anos, moitos deles de xeito illado, pero que eles achegaron no tempo e relacionaron.

Molesta que a TVG se vexa no occidente de Asturias, onde ten boa acollida por parte da xente –non consta que os galegos fosen nunca casa por casa amordazando os asturianos para obrigalos a ver a Gaioso, o fútbol ou o cu-cuíño de Sin Chan-. Incluso se levou a cabo un estudo que, segundo din, demostra que os nenos usan expresións galegas alleas á zona. Haberá que facer outro estudo para analizar porque a TVG inflúe tanto na fala dos nenos asturianos e tan pouco na dos galegos.
Curiosamente non se di nada de que Occidente de Radio Televisión (ORT) de Navia tamén se ve na Mariña –e ben contentos que estamos, que se non a queremos ver o problema amáñase poñendo ben un dedo nunha tecla do mando a distancia-. Tampouco se di nada de que en Ribadeo é imposible sintonizar as desconexións da TVE porque o sinal chega por Asturias, de modo que o que se ve é a programación rexional asturiana. Así, a maioría dos ribadenses nunca puideron ver os minutos cos que a TVE nos agasalla desde 1971; pola contra, desde 1974 que comezaron as emisións de TVE-Asturias teñen os ribadenses información diaria do Principado. Digo eu que será unha estratexia de contrainvasión.

Molestou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Este documento, que inclúe algúns apartados relacionados co galego exterior, aprobouse sendo aínda Presidente da Xunta Manuel Fraga, un nacionalista radical, como todo o mundo sabe. Naquel momento en Asturias non houbo manifestacións ó respecto, pero nada máis cambiar o goberno desde algúns sectores empezouse a falar deste documento como un plan do nacionalismo galego para entrometerse en asuntos asturianos. Debe ser que D. Manuel daba medo. A verdade é que o cambio non me estraña; aquí pasou o outro tanto e os mesmos que o votaron no Parlamento, agora desprézano e din que foi unha imposición dos nacionalistas.

Molesta a asociación Abertal. A pesar de que se trata dun colectivo asturiano e con varios membros asturianos, sempre se pon de manifesto que está presidido por un galego.

Molestou a Escola Fermín Penzol. Impulsadas pola Universidade de Vigo, véñense celebrando nos últimos anos unhas xornadas con esta denominación, de xeito rotatorio en territorios limítrofes con Galicia. A 1ª edición tivo lugar en Ribadeo e centrouse no asturiano e no galego. A maioría das ponencias non tiñan relación específica co galego de Asturias, pero sectores asturianistas interpretáronas como un congreso especialmente dedicado a ese apartado e consideráronas unha provocación. Nas xornadas participaron ponentes asturianos, coma o escritor Xuán Bello ou o daquela responsable da política lingüística en Asturias, Ramón d’Andrés. Outros convidados declinaron a invitación.

Molestou a candidatura para a declaración de Patrimonio inmaterial da UNESCO. Unha comisión nacida no Baixo Miño promoveu que a UNESCO recoñecese o patrimonio inmaterial de Galicia e o norte de Portugal. Pouco a pouco foron xurdindo adhesións e unha delas, por iniciativa propia, foi unha agrupación cultural de Santiso d’Abres. Isto foi visto tamén como un intento de Galicia de apropiarse de parte da cultura asturiana.

Molestou que Esquerra Republicana promovese unha iniciativa para que se oficializasen todas as linguas de España no territorio onde se falan, sendo unha delas o galego de Asturias. Dáse a circunstancia de que naquel momento Esquerra Republicana concorría ás eleccións ó Parlamento Europeo en coalición con Andecha Astur, que sempre tivo posicionamentos fortemente antigalegos. Estraños compañeiros de cama fai a política.

II
Cómpre recoñecer que desta estratexia invasora cúlpase a perversas mans e mentes que actúan desde Santiago, e recoñécese que no campo de batalla a relación entre as tropas dunha e outra banda da ría é boa. Agradécese, porque como indicabamos máis arriba, a presenza en Galicia das canles de TV asturianas non molesta.

Non molesta tampouco que un grupo de asturianos residentes na Mariña celebre cada ano en Foz a festa da Santina. Contan co apoio municipal e coas simpatías dos focegos e dos mariñaos en xeral.

Non molesta que nos escaparates de calquera librería de Ribadeo, cando César Vidal e Pío Moa deixan un recantiño, se poidan ver con naturalidade algúns libros asturianos, e máis que nos gustaría ver, que os libros non lle fan mal a ninguén veñan de onde veñan. E non molestaría tampouco que sucedese o mesmo cos galegos nas librerías do occidente de Asturias, onde os libros en galego ou non están ou están de camuflaxe, coas follas cara o público e o lombo cada a parede –algún día contarei con detalle esta anécdota-.

Non molesta o coñecemento dos escritores asturianos en Galicia. Eu mesmo me empeño en difundilos, procuro que haxa libros seus na nosa biblioteca e teño convidado a algúns dos mellores a participar no meu centro en encontros co alumnado, como ben sabe Xuán Bello ou Aurora García Rivas, igualiño que facemos cos galegos. Ben agradecido lles quedo eu de que teñan vido e dáme que tamén eles marchan contentos. Cáusame tristeza, pola contra, que os alumnos asturianos ós que lles dou clase no bacharelato non oísen nunca falar nin tan sequera dos nosos autores máis coñecidos, tanto os clásicos coma os actuais, aínda que tampouco me sorprende, se temos en conta que son eu quen lles teño que descubrir a existencia de escritores asturianos do occidente.

Non molesta que nos bares de Ribadeo La Nueva España estea case tan presente coma a prensa galega. O que amola é que non estean tamén La Voz de Asturias, El Comercio e, por suposto, Les Noticies, que unha hemeroteca de balde sempre se agradece. E creo que non molestaría que houbese prensa galega nos bares do occidente de Asturias.

Non molesta que haxa espazos reservados no Eroski de Ribadeo para produtos asturianos, e que en ocasións sinalicen con tiras de bandeiras do Principado, o mesmo que están as galegas por outro lado. E non molesta tampouco que nalgún bar haxa expositores de artesanía asturiana, sinalizados como tal. Aquí toco de oído, que isto non o vin nin o vivín, pero seguro que non molestaban tampouco as láminas de Castelao que seica adornaban un bodegón de Navia e que un día se descolgaron. A xente é moi mal pensada e igual o que pasou é que non conxuntaban ben coa cor da parede ou co resto da decoración do local.

Non molestan os centos –non esaxero- de alumnos asturianos que levan asistido a cursos de galego en Ribadeo nos últimos anos. E non molestan as ducias deles que levan cursado a ESO e/ou o Bacharelato de adultos no IES Dionisio Gamallo Fierros, algúns deles alumnos meus e ben boa xente. E non parecen ter ningún trauma a pesar de que case todas as materias se imparten en galego, aínda que é certo que se lles nota a falta de hábito na escrita e que veñen con todos os prexuízos coñecidos con respecto á súa propia lingua. Pero casos hai de algúns que entraron pedindo a exención a anulárona ó ver a realidade.

2 comentarios:

Marlene dixo...

Vaites, non será que hai xente aínda máis acomplexada e ensimesmada ca nós...

Marlene dixo...

Porque iso seríache unha desgraza...

Que mágoa, tanta enerxía malgastada con tantas cousas como temos en común.