Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

30.9.08

Fronteiras - IV

EMPEZA AQUÍ
Illas en terra firme
De calquera maneira, en todos estes casos, o problema radica en situar o marco aquí ou un pouco máis alá; hai continuidade, por así dicilo, xa sexa por terra firme ou mar por medio. Pero non sempre sucede; atopamos tamén casos de “illas”, de enclaves totalmente rodeados de terreo pertencente a unha administración distinta (autonómica, provincial, ...). Os dous exemplos máis coñecidos son o Condado de Treviño e Rincón de Ademuz.

O Condado de Treviño está dentro da provincia de Araba, pero pertence administrativamente a Burgos. Trátase de 50 localidades que se reparten por uns 320 km2, agrupadas en dous concellos: La Puebla de Arganzón e Condado de Treviño, que é o máis extenso e o que lle dá nome a todo o enclave.

Pertence a Castela desde o 1200, pero houbo numerosas peticións para incorporarse ó territorio de Araba, a última en 1980. En xaneiro dese ano o concello de Treviño aprobou unha moción na que se solicitaba a incorporación á Comunidade Autónoma Vasca. Catro meses despois a sala do contencioso administrativo da Audiencia Territorial de Burgos desestimou o recurso.

Aínda en xullo de 2001 un representante de Tierra Comunera-Partido Nacionalista Castellano (TC-PNC) levou unha proposta ó pleno da Deputación Provincial de Burgos na cal instaba a defender o carácter burgalés e castelán do Condado, rexeitando calquera intento de desvincular o territorio destes municipios da provincia de Burgos. Quizá conveña indicar que esas intencións secesionistas veñen, sobre todo, dos propios veciños do Condado, que se senten atraídos polo avanzado desenvolvemento socioeconómico de Euskadi.

Desde o punto de vista lingüístico, non hai que esquecer que as dúas comunidades teñen unha realidade distinta: en Euskadi son cooficiais o castelán e o euskera, e en Castela ―Condado de Treviño incluído― só é oficial o castelán.

A pesar disto, só con consultar a web do colexio público Condado de Treviño, intúese claramente que a situación real non cadra coa lei castelá. Alí podemos ler o seguinte:

“La lengua de aprendizaje de nuestros alumnos y alumnas será el castellano, introduciéndose desde Educación infantil como segunda lengua el inglés. Además, dada la situación geográfica del Condado de Treviño y la costumbre de la zona de seguir la formación académica de los chicos y chicas en Vitoria, se imparten de forma extraescolar y con carácter voluntario clases de euskera, cuya organización corre a cargo de la APA y el Ayuntamiento del Condado de Treviño”.

“De forma extraescolar y con carácter voluntario”: iso é o mesmo que a lexislación permitía para galego, catalán e euskera nos últimos anos do franquismo. Parece que aquí o estatismo do espazo se lle aplica tamén ó tempo.

Rincón de Ademuz é territorio valenciano, pero está entre Teruel e Cuenca. Ocupa uns 370 quilómetros cadrados e comprende sete municipios: Ademuz, Casas Altas, Casas Bajas, Castielfabib, Puebla de San Miguel, Torrebaja e Vallanca. Entre todos teñen uns 3.000 habitantes, dos cales máis de 1.000 residen en Ademuz.

Antes pertencía ó Reino de Aragón, pero no século XIII pasou ó de Valencia. Desde entón sempre foi valenciano, salvo dous curtos períodos a comezos do século XIX. A delimitación do terreo non estivo exenta de polémica, e aínda a mediados do XIX houbo serias trifulcas entre os habitantes de Casas Bajas e os seus veciños conquenses, que os acusaban do grave delicto de arrincar algunhas matas no seu territorio. Durante o conflicto chegouse a tomar gando como reféns, por pacer en pastos da súa propiedade.

Estes son, probablemente, os dous casos máis coñecidos, pero pola Península adiante podemos atopar bastantes máis exemplos, aínda que de menor extensión. Véndoos no mapa, parecen caprichos de topógrafo. Trátase de pequenos espazos de terreo ubicados totalmente nunha provincia distinta á que pertencen.

Á parte dos dous casos xa citados, Barcelona ten dous enclaves en Lleida, Cantabria ten unha zona en Biskaia, Burgos ten dous enclaves na Rioja e un en Palencia, Ciudad Real ten fragmentos entre Badajoz e Toledo, Córdoba en Sevilla, Girona en Barcelona, Guadalajara en Madrid, Lleida en Barcelona, Madrid entre Ávila e Segovia, Navarra dúas zonas en Zaragoza, Palencia dous enclaves en Cantabria e dous en Burgos, ademais Palencia posúe tamén anacos entre Burgos e Cantabria, Tarragona en Barcelona, Valladolid en León, e tamén entre León e Zamora, e Biskaia entre Araba e Burgos.

Nalgúns casos son terreos de cultivo, sen habitar, pero noutros hai núcleos de poboación.

Ningún comentario: