Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

4.10.08

Fronteiras - V

EMPEZA AQUÍ
Internacionais: Llivia

A situación sorprende aínda máis cando entran en xogo estados distintos, e podemos atopar varios casos:

Un bo día Súa Maxestade Carlos I de España e V de Alemaña levantouse xeneroso e concedeulle a Llivia o estatus de vila porque lle pareceu un lugar estratéxico para a custodia de toda a zona, daquela española. Se non fose por ese agasallo real hoxe Girona tería 13 km2 menos.

Ó firmarse o Tratado dos Pirineos (1659), mediante o cal 33 localidades do Rosellón e da Cerdaña quedaron baixo dominio francés, as autoridades españolas lograron que Llivia quedase á marxe desta cesión amparándose na súa condicón de vila. Os franceses conseguiron tamén introducir unha curiosa cláusula: a poboación de Llivia nunca poderá ser fortificada polo goberno español. Hai outras curiosidades en relación con este territorio. Indicarei só algunhas:

Llivia, enclave catalán situado integramente en territorio francés no que viven en torno a 1500 habitantes, está conectada con España a través de dúas estradas que atravesan chan francés. Ata hai pouco tempo, circular por unha delas implicaba certa perigosidade porque hai dúas estradas galas que a atravesan perpendicularmente e ningún dos dous estados aceptaba que a súa fose a ruta secundaria, opinando, en consecuencia, que o sinal de STOP debería estar situado na outra. Os sinais aparecían arrancados con certa frecuencia, o que deu lugar á chamada “guerra dos stops”. O problema solucionouse construíndo un viaducto a distinto nivel nun dos cruces (1983) e unha rotonda no outro (2001).

Pola outra ruta, de menos capacidade, ata 1995 só podían circular vehículos españois. Nese ano produciuse a apertura das fronteiras dentro da UE e, desde entón, o tráfico é libre. Coa apertura das fronteiras e a libre circulación de persoas e mercancías dentro da UE, quedou tamén sen efecto unha lei de 1979 pola que se prohibía que unha persoa francesa tivese propiedades no enclave, e se así era tiña que venderllas inmediatamente a un español. Actualmente xa hai propietarios franceses en Llivia.

Os lindes exactos do territorio están indicados mediante 45 marcos que teñen escrito por unha cara un LL de Llivia, e pola outra as letras identificativas dos lugares franceses limítrofes.

Pero a situación xeográfica aínda é máis complexa: Llivia posúe un terreo en Francia ―Le Pla de Bones Hores―, máis ó norte, que lle fora doado como compensación por ser un exclave. En 1970 os franceses construíron alí un hotel sen seren donos do terreo. Despois dun litixio, a sentencia foi favorable a España, e o hotel pasará tamén a ser propiedade de Llivia en 2030.

1 comentario:

lloytron dixo...

Ola Suso.
Xa había moito tempo que non miraba o que escribías.
Esta historia creo recordar que nos la tes contado en 3º pero aquí está máis ampla.

Un saúdo