Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

5.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - IV

VÉN DE AQUÍ
8-
...convén lembrar que a Constitución Española recolle no seu artigo 3 que o castelán é a lingua española oficial do Estado e que tódolos españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.

"Todos os españois teñen o deber de coñecela..."

DEBER: (infinit. del verbo deber.) m. Aquello a que está obligado el hombre ... (Diccionario de la Lengua española. Real Academia Española)

Que diciamos máis arriba das imposicións...?

9-
... tódolos españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do Estado.

Interesante, interesante, ... Supoño que iso tamén valerá para os dereitos lingüísticos dos galegos fóra de Galicia, ¿non?

Poden os fillos dun un castelanfalante recibir o ensino en castelán en Madrid, Villanueva de la Serena ou Espinosa de los Monteros?
Poden os fillos dun galegofalante recibir o ensino en galego en Madrid, Villanueva de la Serena ou Espinosa de los Monteros?

Eh! Eh! Non me veñades coa letanía de que iso non é Galicia; antes quedaramos en que os dereitos lingüísticos os teñen as persoas, non os territorios.

10-
Ademais, o mesmo artigo sinala que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento, así como que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua.

E por que non lle damos a volta ás negriñas, a ver que pasa:

os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento, así como que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua.

Vaia. Xa ten outra pinta.

11-
A pregunta que procede facer é si, efectivamente, tódolos cidadáns de Galicia teñen eses dereitos ...

E por que nos temos que quedar en Galicia? Non estamos sempre dicindo que non hai que poñer un telón de grelos no Cebreiro? Cando teñamos o AVE no 2012 imos chegar a toda mecha a Valladolid. Imos conservar os nosos dereitos ou vannos quedar tomando un viño na Gudiña?

12-
É sinxelo de constatar que no seu desenvolvemento histórico, as linguas, como ferramentas que son, ‘se teñen soas’

Pois logo a que vén tanta preocupación? Xa non fai falta o Manifesto contra a angustia das clases humildes galegas. Os seus fillos van seguir podendo traballar na hostelería na capital. Dediquemos os nosos esforzos a ascender o Celtiña, que as linguas –supoño que tamén o castelán- mantéñense sóas.

13-
A lingua é algo tan persoal, tan definitorio e tan fondo como os nosos sentimentos.

Desta si que vou acabar chorando. A min tanto sentimento amoléceme a alma.

14-
Na nosa opinión, non existe unha materia na que o exercicio da liberdade sexa por definición máis intocable que o da lingua que falamos. Isto non quere dicir que, nunha situación de bilingüismo desigual, non se poda dende os poderes públicos estimular, incentivar ou promover o libre uso dunha determinada opción.

E como podemos “libreusar” algo sen coñecelo? Aí está a clave do Decreto 124/2007, e está ben claro nos obxectivos da LNL: acadar competencia similar nas dúas linguas oficiais para despois poder “libreescollelas”.

15-
Non son os pobos os que teñen lingua, senón as persoas.

E dálle!

CONTINÚA AQUÍ

2 comentarios:

Carvalhais dixo...

O de Águas de Mondariz é um escândalo: http://agal-gz.org/modules.php?name=News&file=article&sid=4617

Já tés o meu número, assim que quando queiras!

Anónimo dixo...

Ola Suso,

O teu blog serviume para porme ó tanto do do Club Financiero. Isto da imposición do galego... En fin, eu pensaba que ninguén lles faría caso a estes catro tolos, pero xa están armando barullo de máis. Os verdugos que se fan as vítimas, isto é o máximo que podiamos aturar. Adiante co "Manifesto contra a angustia".
Tiña un par de comentarios sobre artigos anteriores:
-Unha vila ben xeitosa que lle tira proveito ó seu río é Navia de Suarna. Pasei este verán por alí de volta dos Ancares despois de varios anos e estase que dá gusto.
-No artigo sobre George Steiner (o pobre ignorante) falas de "xordomudos". A miña colega Chus (a filla de Luis o carniceiro de Silleda de quen che falei máis dunha vez) é intérprete de signos e sempre me dicía que o correcto é "xordos", porque en realidade a maioría deles ten capacidade para falar e emitir sons, só que ó non escoitarse a si mesmos apenas a usan. Só un pequeno comentario.
Por certo, a Juan Cruz funlle a unha conferencia hai pouco (xa sabes que é destas terras) e resulta tan mesurado e "politicamente correcto" (no sentido literal da expresión) que despois dunha hora diante del saín coa sensación de non ter escoitado nada con contido. Supoño que é o prezo que se paga por pertencer a un xornal "independente". Así que tampouco é que sorprenda moito a súa reacción.
Un saúdo