Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.9.08

Fronteiras - I


Cambio de intencións. Xa lles dediquei ós do CFV moita máis atención da que merecen. Un artigo de Rubert de Ventós fai que me decida a rescatar para o blog un artigo meu que hai tempo saíu na revista Animal (nº 15). Velaí vai:

INTRODUCIÓN
O galego-fetén, como diría Manolo Rivas, cando fala da fronteira, de calquera tipo de fronteira, soe referirse a ela como “a raia”, e cruzar a fronteira é “pasar a raia”. A todos nos teñen dito algunha vez que non nos pasemos da raia, e todos temos pensado algunha vez que o problema non é noso; o problema é da raia, que está onde non ten que estar.

Por culpa das raias ten corrido moito sangue, pero non quero afondar agora por este camiño. Non é a miña intención falar aquí dos que morreron por querer cruzar a raia que fendeu Berlín en dous durante anos, tampouco me vou acordar da raia que fan medrar agora os israelís para vergonza de todos, nin de tantas outras raias de sangue.

Voume referir a unha serie de situacións menos conflitivas nas cales a liña divisoria trazada para a administración do terreo non parece nin natural nin lóxica. A miña intención é relativizar o papel das fronteiras na sociedade actual e a súa utilización como corte brusco en espazos culturais comúns.

Sei que abordar este tema desde o país do minifundio pode parecer un pouco ousado. Non van tan lonxe os tempos nos que había fungueirazos porque unha vaca pacera medio metro máis alá da estrema do veciño, ou porque este cortara o carballo que medrara xusto no linde que separa dúas propiedades. O enfrontamento acababa moitas veces no xulgado. Rara era tamén a parroquia na que non había un veciño con sona de cambiar os marcos das súas leiras, de noite, para que estas medrasen un pouco á conta das do estremeiro. Tamén son frecuentes as liortas entre concellos para establecer con claridade os seus dominios. Claro que esta transcendencia dos lindes non é algo exclusivo de Galicia.

Ningún comentario: