Hoxe Leith pertence administrativamente a Edimburgo, como pertencen a Zamora os tres concellos montañosos das Portelas: Lubián, Porto e Hermisende. Pero non sempre foi así. Segundo conta Felipe Lubián, ata 1789 foron galegos, entre 1789 e 1822 pertenceron a Valladolid, desde 1822 a 1833 formaron parte da provincia de Ourense, e desde aquela son territorio zamorano. A pesar de tanto cambio, o galego segue vivo alí.
Poderiamos falar tamén do Couto Mixto, actualmente territorio ourensán, pero que estivo baixo dominio da casa de Bragança (portuguesa), e tamén foi territorio independente; tanto é así que os homes desas terras non cumprían o servizo militar en ningún dos dous países. Incluso houbo tempos nos que cada veciño escollía a administración á que quería someterse, e indicábao poñendo na soleira da súa casa un P de Portugal ou un G de Galicia.
Non hai tanto que a “intelixencia” americana poñía de actualidade o caso de Olivenza, concello estremeño de fala portuguesa, porque portugués foi no pasado. Aínda é hoxe o día que Portugal non renunciou oficialmente a este territorio, pero tampouco o reclama, e moito menos de xeito conflictivo, como seica indican os informes da CIA.
Tamén foi sonado o caso de Perexil, ata que un día “al alba, y con tiempo duro de Levante” as cabras marroquís volveron pacer en chan español, despois duns días de desconcerto. Daquela soubemos tamén da existencia das Chafarinas, de fermoso nome, e das puntas de Alhucemas e Vélez de la Gomera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario